Vitoria! A USC expedirá de novo os SETs das súas titulacións

O Suplemento Europeo ao Título (SET) é o documento trilingüe (galego, castelán e inglés) que acompaña ao título e que contén toda a información unificada, personalizada para cada titulada universitaria, sobre a titulación acadada: expediente académico, nota media, capacidades profesionais, nivel da súa titulación no sistema nacional de educación superior, etc.

A súa solicitude e expedición veñen reguladas polo RD 22/2015. Este Real Decreto establece que, unha vez o interesado solicite o título correspondente, as universidades deberán expedir xunto a este o Suplemento Europeo ao Título (SET). Sendo a primeira expedición de carácter gratuíto.

A Universidade de Santiago de Compostela levaba máis de 4 anos sen expedir este documento, polo que nos puxemos en contacto coa mesma para solicitar que o volvese a expedir. Tras moito esperar e despois de varias peticións formais vía rexistro, vímonos na obriga de acudir ao Valedor da Comunidade Universitaria, o cal vén de informarnos que a USC vai retomar a expedición dos SETs despois do verán.