O luns 12 de decembro ás 17.30h na Aula Magna da Facultade de Matemáticas contaremos con dous relatorios.
En marzo de 2021 os sindicatos maioritarios recibían do Secretario Xeral de Universidades o “Dossier de trabajo para una nueva Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU)”. Así se iniciaba, aínda co ministro Castells, a reforma da lei orgánica das universidades.
O proceso estivo marcado por unha gran falta de negociación coa parte social. Pasouse dun primeiro anteproxecto de agosto de 2021, a un suposto abandono da reforma da lei co cambio de ministro, a un novo anteproxecto en agosto de 2022.
Polos diferentes borradores da norma apareceron medidas en detrimento da democracia, como o mandato único de 6 anos; ou medidas en prol dunha maior transparencia e igualdade, como comisións externas nos procesos de selección de profesorado para evitar a endogamia; e tamén en detrimento das mesmas, como a eliminación da acreditación a Axudante Doutor. Daniel Cao, compañeiro da AIC e profesor na USC, falaranos ás 17.30h de todo isto, do que cambia e non cambia no último borrador da LOSU. O último anteproxecto atópase agora en proceso de tramitación no Congreso e é probable que vaia a pleno este mes de decembro.
Cada vez con máis frecuencia vemos noticias sobre casos de corrupción na universidades. O caso máis frecuente é o favorecemento dunha candidata “da casa” en favor doutra candidata “externa”. É por iso que unha das esixencias do persoal investigador e universitario cara a dita lei era o deseño dun sistema de selección de persoal máis transparente e libre de corruptelas. Algunhas propostas podemos atopalas na carta aberta da FJI-Precarios ao propio Ministro Subirats: publicación do baremo na convocatoria da praza, elixir os membros da comisión por sorteo e que parte deles sexan externos coa fin de evitar conflitos de intereses, adoptar un modelo único de CV, entre outros.
Disto versará o segundo relatorio, ás 18.30h, onde José Mateos, avogado e profesor asociado de dereito na Universidade de Murcia (UMU), nos falará dende o punto de vista profesional (xa que é avogado defensor de casos deste estilo) e tamén persoal (xa que tristemente viviu un caso nas súas carnes).