Arquivo da categoría: Novas

Asinadas as prórrogas dos contratos predoutorais propios da USC de 2022

En 2022 a AIC conseguiu que a USC recuperara os contratos predoutorais propios.

O 1 de agosto dese mesmo ano comezaban estes contratos cunha duración inicial de 2 anos e despois dun longo proceso non falto de problemáticas, tanto nos prazos da resolución como no baremo empregado.

Estes días, froito da insistencia da Asemblea, as persoas beneficiarias asinaron as prórrogas para o terceiro ano destes contratos como prevía a convocatoria.

Desde a AIC seguimos traballando para facer medrar o número de contratos, mellorar as condicións das investigadoras predoutorais e lograr unha carreira investigadora digna.

Neste sentido, xa pedimos as explicacións do atraso da convocatoria das axudas predoutorais propias deste 2024 que conseguíramos incluír como emenda ós orzamentos no claustro de decembro de 2023 xunto con outras reivindicacións e agardamos ter máis información proximamente.

O noso obxectivo, ningunha traballadora sen contrato!

🏆 Vitoria! As predoutorais con prórroga COVID deben cobrar o salario de 4º ano (1.879€ máis)

Boas novas! A xustiza dános a razón! A USC é condenada a aboar 1.879,92 euros brutos a dúas investigadoras que iniciaron o 4º ano de contrato predoutoral grazas á prórroga COVID-19 da Xunta de Galicia.

👉 Aquelas persoas que gozaran da prórroga (convocatorias 2016, 2017, 2018 e 2019) e remataran contrato 1 ano para atrás están aínda a tempo de reclamalos

Un pouquiño de contexto para as despistadas. No ano 2020 debido á pandemia da COVID-19, a Xunta de Galicia prorrogaba por 6 meses as axudas predoutorais que lle outorga ás universidades e institucións de investigación de Galicia para contratar persoal investigador predoutoral.

Debido á prórroga de 6 meses, os contratos dese persoal (convocatorias 2016, 2017, 2018 e 2019) poderían chegar a superar os 3 anos de contrato predoutoral. Tal e como establece o EPIPF, o salario mínimo que unha predoutoral ten que cobrar en 4º ano (durante a prórroga) é superior ao de 3º, actualmente 4.869,76€ máis.

Esta asociación reunírase coa Xerencia da USC a cal nos comunicara que seguindo a súa estratexia habitual non ía cumprir co salario de 4º e seguiría aboando o de 3º a non ser que unha sentenza xudicial os obrigara.

Dende a AIC organizamos un grupo de traballo temporal, facilitamos modelos e procedemento para reclamar estas cantidades á USC. Dous anos despois (pois a xustiza é lenta en Compostela) a xustiza dános a razón. A USC é condenada a aboar 1.879,92 euros ás dúas investigadores predoutorais que reclamaron o seu dereito de salario mínimo por Real Decreto.

Anexamos a sentenza por se é aínda de utilidade para algunha das afectadas e se anima a reclamar o seu dereito.

Queremos agradecer unha vez máis ás persoas valentes que loitan polos dereitos de todas e que nos comparten as súas sentenzas. Grazas por abrirnos camiño ás que vimos detrás.

(CC) Bill Smith

Eleccións ó Claustro 2024 (sector III)

O próximo xoves, 14 de marzo, celébranse na USC eleccións ó Claustro universitario para o sector III (estudantado) ó que pertencedes moitas das nosas socias. Neste sector III unicamente presentamos candidaturas pola EDIUS (persoal predoutoral) e hai 7 postos elixibles. 

Inda que entendemos que todas as persoas que se inscribiron como candidatas baixo das siglas da AIC comparten as nosas reivindicacións e loitas.

Pero, que é o Claustro universitario?

É o máximo órgano colexiado da USC no que están representados todos os sectores da comunidade universitaria e fai as funcións de control da xestión do goberno. Tamén aproba, entre outros, os orzamentos anuais da universidade.

Que fixo a AIC no Claustro ultimamente?

A AIC presentou o pasado novembro varias emendas ós orzamentos e conseguimos a aprobación de todas elas. Así, estaban a redución do prezo dos menús (nun traballo conxunto con outras organizacións), o reforzo da Unidade de Atención Psicolóxica de 24 a 40 sesións semanais ou a ampliación de niveis dos cursos de galego do CLM desde o A1 até o C2. Temos un breve artigo na nosa páxina con todos os logros desta última sesión do Claustro.

Como sei se voto nestas eleccións?

No enderezo https://aplicacions.usc.es/axe/publica/ podes ver os procesos electorais activos e aqueles nos que estas censada. Se apareces censada nas Eleccións a representantes de estudantes no Claustro universitario 2024 é que podes votar.

Como voto á AIC o próximo xoves?

O próximo xoves 14 de marzo, entre as 9.00h e as 18.00h, poderás votar accedendo a ese mesmo enderezo (https://aplicacions.usc.es/axe/publica/).

Moitas grazas por apoiar á AIC nestas eleccións ó Claustro!

A fenda salarial de xénero na USC

A finais do 2023 publicouse un informe coordinado polo CIFEX sobre fenda salarial e o seu impacto nas mulleres PDI da USC e as causas do seu mantemento. A fenda salarial de xénero (FSX) é a diferenza entre as retribucións brutas medias anuais de mulleres e homes e inclúe o salario base e os complementos retributivos. Na USC é de preto do 6%. Os complementos de produción, xestión ou liderado científico son o factor principal que explica a desigualdade nas retribucións totais percibidas polas mulleres:

  • Os homes acumulan máis quinquenios por horas de docencia ca as mulleres. Dentro do colectivo de mulleres PDI, cinco de cada dez non teñen computados quinquenios, mesma porcentaxe que os seus compañeiros, pero eles suman maior peso entre o grupo de cinco ou máis quinquenios recoñecidos.
  • Do total de sexenios do PDI da USC, a porcentaxe de mulleres con algún sexenio recoñecido é do 37,1 % ata tres puntos por baixo dos homes (40 %).
  • A retribución media dos homes por participación en proxectos e convenios supera os mil euros, fronte a media de 516,72 euros para as mulleres.
  • As disciplinas de Artes e Humanidades e os estudos pertencentes á área de Ciencias da Saúde amosan os maiores desequilibrios (8,3 puntos ). Na área de Enxeñería e Arquitectura a diferenza é de 6,5 puntos mentres que as áreas de Ciencias (1,6) e Ciencias Sociais e Xurídicas (1,5) mostran un escenario menos negativo.
  • As mulleres, derivado dos sesgos de xénero, asumen maior carga de funcións administrativas e organizativas e o seu acceso aos cargos de xestión e dirección vese limitada.
  • Asumir responsabilidades de docencia e xestión relega a dedicación á investigación e á produción científica das mulleres respecto dos homes. As consecuencias trasládanse á traxectoria laboral, manifestándose nunha menor retribución salarial respecto dos seus compañeiros.

Emendas acreditación Profesorado Titular e Catedrático

A ANECA abriu un proceso de participación para expresar as nosas opinións sobre os borrador dos novos criterios de acreditación das figuras de Profesorado Titular e Catedrático. Estes entrarán en vigor o 1 de abril.

A comunidade leva máis de 1.900 emendas presentadas. Coa axuda doutros colectivos realizamos unha selección das que consideramos máis relevantes.

Breve explicaciónLigazón
Rebaixar a estadía mínima a valorar de 3 meses a 1 meshttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/148
Reducir puntuación mínima de estadías a 0 puntoshttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/160
Eliminar requisito de 6 meses de estadíahttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/167
Eliminar os mínimos das táboashttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/161
Eliminar os mínimos das táboas
Valorar cargos de xestión en TU
https://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/154
Especificar que sirva ser membro do EQUIPO DE TRABALLO en proxectoshttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/321
Especificar que sirva ser membro do EQUIPO DE TRABALLO en proxectos
Aumentar de 3 aportacións máximas a 10
Reducir a 2 anos o tempo esixido en proxectos
https://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/1184
Período de transición criterios vellos – criterios novoshttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/377
DOCENTIA e autoinforme ao mesmo nivel e sen mínimohttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/316
Estender xestión universitaria a órganos colexiados e a outras figuras como coordinador de titulacións
Eliminar mínimo de 4 anos de experiencia
https://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/263
Eliminar máximo de 3 cursos de PFID, deixar só o requisito de mínimo 40 horashttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/1835
Ter en conta actividades de transferencia de calquera duración, non só de máis de 1 anohttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/147
Publicar os baremos de cada comisiónhttps://participa.aneca.es/processes/evaluacion-meritos-competencias/f/2/proposals/1518

Rexistrarse na plataforma (usar Firefox) e apoiar as emendas que consideredes non leva máis de 5 minutos. O prazo remata hoxe 29 de febreiro. Participa 😊

A maiores, a AIC como asociación integrante da plataforma estatal Marea Roja Por la Investigación (MR) reuniuse coa ANECA recentemente e presentará baixo o paraugas da MR unha serie de emendas acordadas entre todas as asociacións. Compartirémolas así se feche o documento definitivo.