Todolos artigos de: Asemblea de Investigadoras de Compostela

O claustro aproba as propostas da AIC!

Onte, 4 de decembro, tivo lugar unha nova reunión ordinaria do Claustro da USC na Facultade de Dereito. A través desta entrada queremos informar dos avances acadados gracias ao traballo e á loita de todas as que formamos parte da Asemblea. En primeiro lugar, foron aprobadas—directamente, ou a través de acordos—as seguintes emendas para as Liñas Xerais do Orzamento da USC en 2024:

  • Sobre o aloxamento para a Comunidade Universitaria. A Universidade está desenvolvendo un protocolo para habilitar residencias privadas, que deben cumplir cunhas condicións mínimas para poder ser consideradas como tal. Neste claustro, logrouse incluir que a entidade privada debe ofertar un mínimo dun 25% das prazas cunhas condicións e custos exactamente iguais aos do Servizo Universitario de Residencias da USC. 
  • Sobre os prezos nas cafeterías universitarias. Por acordo da AIC e o Consello de Estudantado coa Xerencia, o Claustro acordou aumentar o sistema de prezos diferenciado para estudantado, PDI/PTXAS e persoas alleas á Universidade, tamén para pratos únicos e menús de almorzo. O ano pasado conseguimos implementar este sistema para o menú completo, e este ano ampliamos a reducción aos prezos dos menús de almorzo e xantar dun prato para as e os membros da comunidade universitaria. Ademais, tamén incluimos que se debe garantir a calidade alimentaria nas mesmas e incluir menús veganos, vexetarianos e aptos para persoas con intolerancias.
  • Sobre as convocatorias de contratos predoutorais e de iniciación propios da USC. A Universidade manterá a convocatoria de contratos predoutorais convocando un mínimo de 8. Así mesmo, tamén se convocarán contratos de iniciación á investigación. 
  • Igualar as condicións da formación para o PDI en relación ao PTXAS. O PTXAS dispón de formación gratuita no Centro de Linguas Modernas da Universidade (CLM) e da Escola Galega de Adminsitración Pública (EGAP). No claustro de onte conseguimos que o PDI poda acceder a esta formación de forma gratuita, en igualdade de condicións co PTXAS. 
  • Sobre a continuidade da AIC e outras asociacións. Na actualidade só existe un rexistro de asociacións de estudantes na USC. Conseguimos o compromiso de crear un rexistro para todo tipo de asociacións universitarias, garantindo ademais o financiamento das asociacións que contribúan á dinamización da universidade.
  • Sobre a situación en Palestina e no Líbano. Na actualidade a USC oferta axudas para estudantado de Ucraína e Palestina. Conseguimos incluir a estudantes do Líbano, ademais do compromiso de explorar ca UNRWA colaboracións adicionais. 
  • Salario das investigadoras predoutorais. Conseguimos que a USC se comprometa a adoptar a mesma estratexia de planificación salarial para as investigadoras predoutorais con contrato que o Ministerio está realizando coas súas convocatorias. É dicir, os contratos predoutorais do 2024 recibirán en 3º ano de contrato unha retribución igual á de 4º ano. En 2025, as novas contratacións predoutorais recibirán tanto en 2º como en 3º ano de contrato un salario igual ao de 4º ano. Finalmente, en 2026 as persoas que asinen un contrato predoutoral recibirán un salario igual ao de 4º ano durante toda a duración do contrato.
  • Por último, racionalización de recursos e creación dun rexistro de material informático dispoñible. A USC comprométese a mellorar a xestión do equipamento informático, maximizando o seu ciclo de vida. Básicamente crearase un rexistro de material informático dispoñible para que equipos que funcionan poidan ser utilizados noutros centros e facultades, mellorando o acceso sobre todo ao persoal máis precario, como as investigadoras predoutorais sen contrato.  crear un rexistro de material informático.

En segundo lugar, baixo o impulso da AIC, foi aprobado o cese de actividade da Universidade en X (Anterior Twitter).

Debemos ser conscientes de que os logros acadados non son froito do acordo puntual nos órganos de goberno da Universidade: Detrás de cada emenda e proposta que se aproba, está o traballo diario de todas as persoas que facemos parte da Asemblea. Cantas máis nos animemos a axudar, maiores éxitos lograremos no futuro. Para iso, lembrade que podedes incorporarvos ao noso grupo de telegram a través deste enlace: https://t.me/+WObhFXgdWzuJJiaz. Tamén podedes entrar nalgún grupo de traballo, ou suxerir outras propostas a través da nosa dirección de correo (contacto@asembleadeinvestigadoras.gal).

Seguimos!

Asinadas as prórrogas dos contratos predoutorais propios da USC de 2022

En 2022 a AIC conseguiu que a USC recuperara os contratos predoutorais propios.

O 1 de agosto dese mesmo ano comezaban estes contratos cunha duración inicial de 2 anos e despois dun longo proceso non falto de problemáticas, tanto nos prazos da resolución como no baremo empregado.

Estes días, froito da insistencia da Asemblea, as persoas beneficiarias asinaron as prórrogas para o terceiro ano destes contratos como prevía a convocatoria.

Desde a AIC seguimos traballando para facer medrar o número de contratos, mellorar as condicións das investigadoras predoutorais e lograr unha carreira investigadora digna.

Neste sentido, xa pedimos as explicacións do atraso da convocatoria das axudas predoutorais propias deste 2024 que conseguíramos incluír como emenda ós orzamentos no claustro de decembro de 2023 xunto con outras reivindicacións e agardamos ter máis información proximamente.

O noso obxectivo, ningunha traballadora sen contrato!

A fenda salarial de xénero na USC

A finais do 2023 publicouse un informe coordinado polo CIFEX sobre fenda salarial e o seu impacto nas mulleres PDI da USC e as causas do seu mantemento. A fenda salarial de xénero (FSX) é a diferenza entre as retribucións brutas medias anuais de mulleres e homes e inclúe o salario base e os complementos retributivos. Na USC é de preto do 6%. Os complementos de produción, xestión ou liderado científico son o factor principal que explica a desigualdade nas retribucións totais percibidas polas mulleres:

  • Os homes acumulan máis quinquenios por horas de docencia ca as mulleres. Dentro do colectivo de mulleres PDI, cinco de cada dez non teñen computados quinquenios, mesma porcentaxe que os seus compañeiros, pero eles suman maior peso entre o grupo de cinco ou máis quinquenios recoñecidos.
  • Do total de sexenios do PDI da USC, a porcentaxe de mulleres con algún sexenio recoñecido é do 37,1 % ata tres puntos por baixo dos homes (40 %).
  • A retribución media dos homes por participación en proxectos e convenios supera os mil euros, fronte a media de 516,72 euros para as mulleres.
  • As disciplinas de Artes e Humanidades e os estudos pertencentes á área de Ciencias da Saúde amosan os maiores desequilibrios (8,3 puntos ). Na área de Enxeñería e Arquitectura a diferenza é de 6,5 puntos mentres que as áreas de Ciencias (1,6) e Ciencias Sociais e Xurídicas (1,5) mostran un escenario menos negativo.
  • As mulleres, derivado dos sesgos de xénero, asumen maior carga de funcións administrativas e organizativas e o seu acceso aos cargos de xestión e dirección vese limitada.
  • Asumir responsabilidades de docencia e xestión relega a dedicación á investigación e á produción científica das mulleres respecto dos homes. As consecuencias trasládanse á traxectoria laboral, manifestándose nunha menor retribución salarial respecto dos seus compañeiros.

Presentación da campaña “Investiga en galego”

Que é Investiga en galego? 

Desde a AIC, preocupadas pola situación da lingua propia na USC, e concretamente no eido da investigación, creamos a campaña de difusión Investiga en galego para promover o seu uso neste ámbito. 

En que consiste Investiga en galego? 

A campaña consta de dúas partes:

Por unha banda, unha charla-obradoiro sobre a situación do galego na USC e na investigación, que impartiu o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC, na segunda edición das xornadas J-CLI que se realizaron os días 7 e 8 de novembro de 2023. Aquí, Xusto Rodríguez, traballador do SNL, falou sobre as dificultades estruturais que presenta o entorno académico para publicar en galego ⎼e en xeral, calquera outra lingua distinta do inglés. Estas dificultades teñen como resultado que o galego sexa unha lingua minoritaria á hora de elaborar teses de doutoramento na USC. Tamén explicou as distintas ferramentas das que dispoñemos as investigadoras para nos facilitar o emprego da lingua galega á hora de transferir os nosos coñecementos, como o Buscatermos ou as extensións aos dicionarios dos procesadores de texto, entre outras

Por outra banda, Investiga en galego é tamén unha campaña de promoción en papel, mais tamén virtual, que atoparás nalgúns centros da USC. Investigadoras e investigadores da USC que redactaran ou están redactando a súa tese doutoral en galego participaron de forma desinteresada respondendo estas catro preguntas: 

  • Por que escolliches elaborar a túa tese en galego? 
  • Tiveches (ou tes) algunha dificultade á hora de preparar a túa tese en galego? 
  • De ser así, como a(s) solucionaches? 
  • Que beneficios tivo (ou ten) para ti facer a tese en galego? 

As respostas son a pedra angular da campaña, xa que dan a coñecer o uso cotián da lingua, as súas vantaxes na investigación e tamén algunhas dificultades e como as solucionaron. Con elas elaboramos unha serie de carteis en papel que poderás atopar nos próximos días (xaneiro de 2024) nos distintos centros da USC e unha campaña en dixital dispoñible aqui:

ir á páxina da campaña

(recomendamos realizar a visita a través dunha tablet ou ordenador, non do móbil)

Seguimos a traballar para abrir espazos á lingua propia na Universidade. 

Finalmente, temos que lles agradecer a colaboración a Laila Al-Soufi Novo, José Manuel Amoedo Meijide, Kylyan Marc Bisquert i Pérez, Daniel Cajade Pascual, Diego Cidrás Fernández, Diego Cora Calvo, Silvia Diz, David Manuel Gómez Novo, Silvia González Rodríguez, Aida Lorenzo Campos, Alba Paz Castro, Santiago Rodriguez Caramés, Laura Rubio Lareu, Jéssica Sanmarco e Noelia Vicho de la Fuente, xunto co Servizo de Normalización Lingüística da USC polo apoio.