Todolos artigos de: Asemblea de Investigadoras de Compostela

O Novo Pacto pola Ciencia

Dende a AIC apoiamos o Novo Pacto pola Ciencia coordinado polo colectivo “Coordinadora Marea Roja por la Investigación” da cal a AIC forma parte. Este pacto estatal, subscrito por máis de 40 asociacións e apoiado por multitude de partidos políticos, busca mellorar as condición da ciencia e das súas traballadoras a través de catro eixos fundamentais:

  • A creación dun Estatuto do Persoal Investigador (EPI).
  • Una redución e simplificación da burocracia existente.
  • Unha maior transparencia, integridade, diversidade e coimplicación no sistema da ciencia.
  • Un aumento substancial no financiamento para chegar ao 3% de investimento de I+D+i.

Para escenificar a sinatura do pacto por parte dos partidos políticos, produciuse un acto a pasada semana no Ateneo de Madrid con representación da devandita coordinadora e algunhas das asociacións que apoiaron o mesmo. Nese evento manifestaron o seu compromiso co texto a través da súa sinatura os partidos PSOE, PP, Sumar, Podemos, IU, Más Madrid, Más País, Compromís e Recortes Cero.

A maiores, o BNG tamén manifestara a súa intención de subscribir o pacto, mais por cuestións loxísticas non resultou posible a súa sinatura naquel intre en Madrid. Neste senso, o BNG ratificou esta semana o seu apoio ao pacto coa sinatura do mesmo nun pequeno acto que tivo lugar na Facultade de Matemáticas da USC.

O contido íntegro do pacto, xunto co nome das asociacións que o asinaron a data do 2 de xullo, pode lerse aquí.

Carta conxunta á Xunta da AIC, Investigal e as 3 universidades galegas

Dende a AIC e InvestiGal, co apoio das Vicerreitorías de Investigación das tres universidades galegas, acabamos de enviar unha carta á Secretaría Xeral de Universidades (SXU) e ao GAIN, para evitar que se esixa a matrícula de doutoramento para acceder á convocatoria de axudas predoutorais da Xunta de Galicia de 2023.

En reunións anteriores coa SXU expuxeran que nesta nova convocatoria se ía volver pedir que as persoas que solicitasen estas axudas estivesen matriculadas nun programa de doutoramento no momento da solicitude. Na convocatoria anterior, conseguírase eliminar este requisito tras moito traballo da AIC e InvestiGal. Como xa expuxemos anteriormente, esta obrigatoriedade é prexudicial para o colectivo investigador e trátase dun factor excluínte. Todos os anos, numerosas persoas vense obrigadas a aboar un ano de matrícula dun programa de doutoramento para poder solicitar estas axudas, por teren que cumprir este requisito de estar matriculadas no momento de presentación de solicitudes.
Esperamos que a Xunta entenda a importancia de dita petición e acepte modificar dito criterio.

Podedes consultar o texto completo da carta enviada á Xunta a continuación:

Alegacións ao Real Decreto de Acreditacións e Concursos

A AIC presenta alegacións ao Real Decreto de Acreditacións e Concursos, redactadas en conxunto con outras asociacións pertencentes a Marea Roja por la Investigación.

Algunhas das alegacións realizadas son as seguintes:

  • Acreditacións e concursos libres de taxas.
  • Calendario público e razonable de avaliacións.
  • Modernización da plataforma web para a acreditación.
  • Redución da carga docente do PDI membro das comisións ANECA/ACSUG.

Podes descargar o documento completo aquí.

Tarxeta restaurante na USC

A AIC vén de enviarlle a Xerencia unha proposta de implantación dunha tarxeta restaurante na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A idea principal deste mecanismo é permitir que parte do salario dunha persoa traballadora da USC poida ser cobrada en especie, en forma de comidas e, polo tanto, estea exenta de IRPF.

Nun momento no cal a carestía da vida está a avanzar con forza, a persoa traballadora podería aforrar o tipo marxinal do IRPF no gasto que supón a comida, axudando a paliar os efectos da suba de prezos que se acometeron pola inflación. Nas figuras máis precarias da carreira investigadora estariamos a falar de aforros entre o 23.65% e o 30% sobre o menú diario.

Na proposta preséntanse 3 posibles implementacións:

  • talonario de vales, tal e como se fai coa bolsa de comedores dos estudantes,
  • creación dunha tarxeta propia ou adhesión deste servizo á TUI, e
  • adhesión a unha das redes/tarxetas restaurante existentes.

Todas elas terían un nulo ou escaso custo de implantación para a universidade.

A proposta completa pode descargarse aquí.

Muller traballando estresada

Resultados da enquisa de equipamento informático e boas novas!

Á hora de realizar a tese de doutoramento non todas contamos con espazo e materiais adecuados. Fai uns meses realizamos unha enquisa dende a AIC. Os resultados resultan esmagadores, queda moito por facer!

En total recibimos 381 respostas, repartidas entre os distintos anos de tese, áreas e departamentos.

Do total das respostas, un 47.5% contades con contrato predoutoral e un 10% cun contrato do voso grupo de investigación. O 42.5% restante traballades sen contrato laboral:

En relación ao equipo informático, 206 (54%) empregades o voso propio computador para o traballo e non tedes acceso a equipamento informático adicional. Se temos en conta ás persoas que teñen acceso a equipo informático pero utilizan o seu propio esta cifra ascende a 258 (67.7%).

A situación varía en función das áreas, tal e como mostra a seguinte figura:

Así, mentres que só un 14% das persoas doutorandas na área de ciencias utilizan o seu computador, ata un 28% o utilizan en Artes e Humanidades.

A situación tamén varía en función de se estamos contratadas ou non. Así, entre as persoas que utilizan un computador propio, un 65% non gozan de contrato:

En relación ás persoas que non teñen acceso a computador, atopamos o seguinte: 

En relación ao espazo de traballo obtivemos que 293 persoas (78%) contades cun espazo para traballar e que 230 considerades que este espazo é adecuado. De novo, as diferenzas foron significativas entre persoas con e sen contrato.

Ademais, recollemos varias testemuñas arrepiantes. Así, varias persoas afirmaban non ter acceso aos mesmos espazos e medios que as súas compañeiras por proceder doutros países. Igualmente, moitas nos comunicástedes que os vosos espazos estaban cheos de ruído, con cadeiras incómodas ou sen ventilación, e que moitas veces ese espazo chegara tarde.

Por que esta situación nos parece preocupante?

Pois porque como traballadoras e ou persoal investigador da USC, temos dereito a contar cos medios e espazos necesarios para levar a cabo a nosa investigación con garantías, e igual que a ninguén se lle ocorrería ter que mercar un microscopio ou equipamento de laboratorio propios, tampouco deberiamos ter que empregar as nosas computadoras para levar a cabo a nosa labor. De feito, existe múltiple normativa que avala este dereito. Por poñer uns exemplos: 

Responsabilidades dos directores ou directoras: 

 

3. Velar para que os recursos materiais asignados á formación investigadora das doutorandas e doutorandos se empreguen de forma eficaz e eficiente para acadar os obxectivos previstos 

— CÓDIGO DE BOAS PRÁCTICAS DA EDIUS 


RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2020 pola que se ordena a publicación do Regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela.
 

 

Artigo 49. Dereitos e deberes das persoas titoras e directoras de teses de programas adscritos á Escola 

 

4. Á persoa directora da tese correspóndelle: 

 

c) Facilitar ao estudantado de doutoramento os medios e o contorno científico axeitado. 

—REGULAMENTO DOS ESTUDOS DE DOUTORAMENTO NA USC

Real Decreto 103/2019, de 1 de marzo, por el que se aprueba el Estatuto del personal investigador predoctoral en formación 

 

CAPÍTULO II Derechos y obligaciones específicos en materia de investigación del personal investigador predoctoral en formación 

 

Artículo 12. Derechos específicos en materia de investigación del personal investigador predoctoral en formación. 

Son derechos específicos en materia de investigación del personal investigador predoctoral en formación, con carácter general:  

 

c) El cumplimiento, por parte de los organismos, centros o instituciones, de la observancia de las normativas nacionales, estatales o sectoriales en materia de salud y seguridad laboral. Las entidades contratantes deberán velar para que las condiciones laborales del personal investigador predoctoral en formación, incluido aquel con discapacidad, garanticen el rendimiento de la investigación de conformidad con la legislación vigente y con los convenios colectivos nacionales, estatales o sectoriales. Así mismo, se comprometen a proporcionar unas condiciones de trabajo que permitan al personal investigador predoctoral en formación conciliar la vida familiar, el trabajo y el desarrollo de las actividades profesionales. 

— EPIPF (Estatuto del Personal Investigador Predoctoral en Formación)

Pero aínda máis, a propia USC recolle, nos seus orzamentos, unha liña estratéxica que indica, explicitamente que “Asegurarase o acceso a equipamento informático de todo o persoal investigador da universidade, con independencia do capítulo con cargo ao que estea contratado”. Ademais, a USC é unha das universidades que asinaron a Carta Europea do Investigador, a cal recoñece novamente este dereito a dispor de un lugar de traballo e o equipamento necesario por parte das investigadoras.

Que estamos a facer na AIC?

Grazas aos datos que obtivemos a través vosas enquisas, trasladamos esta problemática ao pasado claustro do 12 de maio de 2023. A resolución foi aprobada, acordándose modificar a norma de espazos da USC. O prazo para levar a cabo as modificacións pertinentes remata en outubro.

Dende a AIC seguiremos de cerca como se implementa dita resolución para que todas as doutorandas poidan desfrutar dos seus dereitos, e irémosvos informando de como evoluciona dita cuestión. 

Seguimos!