Outra demanda histórica da AIC conseguida! Convocatoria de contratos predoutorais propios da USC

Tras meses de negociación coa USC, vemos satisfeita unha das demandas históricas da AIC: a USC publica unha convocatoria de axudas predoutorais internas da propia institución. Velaquí algúns detalles sobre elas:

  • Trátase de contratos de dous anos de duración que resultarán estendidos a un terceiro en caso de dispoñibilidade orzamentaria. En total, falamos de 22 contratos para unha modalidade A (semellante aos contratos FPU e da Xunta) e 20 para unha modalidade B (equivalentes aos contratos FPI).
  • A modalidade A está orientada a calquera doutoranda da USC. O baremo premiará o expediente, o plan de investigación e a necesidade da área en cuestión de renovar o seu profesorado no futuro próximo.
  • A modalidade B consta de proxectos específicos para realizar a tese neles. Valorarase a afinidade e experiencia da candidata para realizar unha tese no eido concreto do proxecto.
  • Ademais dos dereitos previstos no EPIPF, todos os contratos disporán dun extra de 1000€/mes para realizar unha estadía predoutoral con 500€ para gastos da viaxe (cun máximo 3 meses na modalidade A e 6 meses na modalidade B).

Dende a AIC entendemos que a publicación desta convocatoria supón unha conquista moi relevante. En primeiro lugar, porque esta convocatoria supón un paso adiante cara a redución do número de persoas que realizan o traballo de investigación ligado á súa tese de doutoramento sen recibir remuneración. En segundo lugar, porque se introducen criterios de avaliación coherentes coa dinámica científica e académica, deixando ao lado os criterios mercantís alleos a ela.

Esperamos a continuidade no tempo desta convocatoria e futuras melloras da mesma.

Cremos que a consecución deste logro mostra a importancia da organización e loita conxunta das investigadoras e nós seguímolo tendo claro: ningunha doutoranda sen contrato!