A fenda salarial de xénero na USC

A finais do 2023 publicouse un informe coordinado polo CIFEX sobre fenda salarial e o seu impacto nas mulleres PDI da USC e as causas do seu mantemento. A fenda salarial de xénero (FSX) é a diferenza entre as retribucións brutas medias anuais de mulleres e homes e inclúe o salario base e os complementos retributivos. Na USC é de preto do 6%. Os complementos de produción, xestión ou liderado científico son o factor principal que explica a desigualdade nas retribucións totais percibidas polas mulleres:

  • Os homes acumulan máis quinquenios por horas de docencia ca as mulleres. Dentro do colectivo de mulleres PDI, cinco de cada dez non teñen computados quinquenios, mesma porcentaxe que os seus compañeiros, pero eles suman maior peso entre o grupo de cinco ou máis quinquenios recoñecidos.
  • Do total de sexenios do PDI da USC, a porcentaxe de mulleres con algún sexenio recoñecido é do 37,1 % ata tres puntos por baixo dos homes (40 %).
  • A retribución media dos homes por participación en proxectos e convenios supera os mil euros, fronte a media de 516,72 euros para as mulleres.
  • As disciplinas de Artes e Humanidades e os estudos pertencentes á área de Ciencias da Saúde amosan os maiores desequilibrios (8,3 puntos ). Na área de Enxeñería e Arquitectura a diferenza é de 6,5 puntos mentres que as áreas de Ciencias (1,6) e Ciencias Sociais e Xurídicas (1,5) mostran un escenario menos negativo.
  • As mulleres, derivado dos sesgos de xénero, asumen maior carga de funcións administrativas e organizativas e o seu acceso aos cargos de xestión e dirección vese limitada.
  • Asumir responsabilidades de docencia e xestión relega a dedicación á investigación e á produción científica das mulleres respecto dos homes. As consecuencias trasládanse á traxectoria laboral, manifestándose nunha menor retribución salarial respecto dos seus compañeiros.