O próximo xoves, 14 de marzo, celébranse na USC eleccións ó Claustro universitario para o sector III (estudantado) ó que pertencedes moitas das nosas socias. Neste sector III unicamente presentamos candidaturas pola EDIUS (persoal predoutoral) e hai 7 postos elixibles.
Inda que entendemos que todas as persoas que se inscribiron como candidatas baixo das siglas da AIC comparten as nosas reivindicacións e loitas.
Pero, que é o Claustro universitario?
É o máximo órgano colexiado da USC no que están representados todos os sectores da comunidade universitaria e fai as funcións de control da xestión do goberno. Tamén aproba, entre outros, os orzamentos anuais da universidade.
Que fixo a AIC no Claustro ultimamente?
A AIC presentou o pasado novembro varias emendas ós orzamentos e conseguimos a aprobación de todas elas. Así, estaban a redución do prezo dos menús (nun traballo conxunto con outras organizacións), o reforzo da Unidade de Atención Psicolóxica de 24 a 40 sesións semanais ou a ampliación de niveis dos cursos de galego do CLM desde o A1 até o C2. Temos un breve artigo na nosa páxina con todos os logros desta última sesión do Claustro.
Como sei se voto nestas eleccións?
No enderezo https://aplicacions.usc.es/axe/publica/ podes ver os procesos electorais activos e aqueles nos que estas censada. Se apareces censada nas Eleccións a representantes de estudantes no Claustro universitario 2024 é que podes votar.
Como voto á AIC o próximo xoves?
O próximo xoves 14 de marzo, entre as 9.00h e as 18.00h, poderás votar accedendo a ese mesmo enderezo (https://aplicacions.usc.es/axe/publica/).
Moitas grazas por apoiar á AIC nestas eleccións ó Claustro!