Presentación da campaña “Investiga en galego”

Que é Investiga en galego? 

Desde a AIC, preocupadas pola situación da lingua propia na USC, e concretamente no eido da investigación, creamos a campaña de difusión Investiga en galego para promover o seu uso neste ámbito. 

En que consiste Investiga en galego? 

A campaña consta de dúas partes:

Por unha banda, unha charla-obradoiro sobre a situación do galego na USC e na investigación, que impartiu o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC, na segunda edición das xornadas J-CLI que se realizaron os días 7 e 8 de novembro de 2023. Aquí, Xusto Rodríguez, traballador do SNL, falou sobre as dificultades estruturais que presenta o entorno académico para publicar en galego ⎼e en xeral, calquera outra lingua distinta do inglés. Estas dificultades teñen como resultado que o galego sexa unha lingua minoritaria á hora de elaborar teses de doutoramento na USC. Tamén explicou as distintas ferramentas das que dispoñemos as investigadoras para nos facilitar o emprego da lingua galega á hora de transferir os nosos coñecementos, como o Buscatermos ou as extensións aos dicionarios dos procesadores de texto, entre outras

Por outra banda, Investiga en galego é tamén unha campaña de promoción en papel, mais tamén virtual, que atoparás nalgúns centros da USC. Investigadoras e investigadores da USC que redactaran ou están redactando a súa tese doutoral en galego participaron de forma desinteresada respondendo estas catro preguntas: 

  • Por que escolliches elaborar a túa tese en galego? 
  • Tiveches (ou tes) algunha dificultade á hora de preparar a túa tese en galego? 
  • De ser así, como a(s) solucionaches? 
  • Que beneficios tivo (ou ten) para ti facer a tese en galego? 

As respostas son a pedra angular da campaña, xa que dan a coñecer o uso cotián da lingua, as súas vantaxes na investigación e tamén algunhas dificultades e como as solucionaron. Con elas elaboramos unha serie de carteis en papel que poderás atopar nos próximos días (xaneiro de 2024) nos distintos centros da USC e unha campaña en dixital dispoñible aqui:

ir á páxina da campaña

(recomendamos realizar a visita a través dunha tablet ou ordenador, non do móbil)

Seguimos a traballar para abrir espazos á lingua propia na Universidade. 

Finalmente, temos que lles agradecer a colaboración a Laila Al-Soufi Novo, José Manuel Amoedo Meijide, Kylyan Marc Bisquert i Pérez, Daniel Cajade Pascual, Diego Cidrás Fernández, Diego Cora Calvo, Silvia Diz, David Manuel Gómez Novo, Silvia González Rodríguez, Aida Lorenzo Campos, Alba Paz Castro, Santiago Rodriguez Caramés, Laura Rubio Lareu, Jéssica Sanmarco e Noelia Vicho de la Fuente, xunto co Servizo de Normalización Lingüística da USC polo apoio.