Réplica da AIC ante as falsidades vertidas polo xerente da USC

Ante os artigos publicados en varios medios (Nós Diario, La Voz de Galicia, Galicia Confidencial e Galicia Press) nos cales a USC nega cometer neglixencia algunha na resolución da convocatoria de contratos predoutorais propios da universidade, a AIC declara que:

Nas declaracións recollidas, o Xerente da USC, Xabier Ferreira, proporciona varios datos e informacións que son parcial ou totalmente falsos. Máis concretamente:

  • Xabier Ferreira expón que os contratos se financiaron con fondos propios. Isto é falso; de feito, é amplamente coñecido o financiamento dos mesmos polo Banco Santander. Basta comprobar a propia convocatoria que colga da web da universidade e tamén a ligazón na propia web do Santander. Non obstante, si que é a primeira convocatoria interna deste tipo que fai a USC en máis dunha década. Porén, o Xerente esquece comentar que a realización desta convocatoria foi o froito de meses de negociación coa propia AIC, a cal reivindicou o feito coma consecución dunha demanda histórica. Dado que a iniciativa foi impulsada pola AIC e o financiamento provén do Banco Santander, o “mérito” que ten a USC é a xestión da convocatoria, que é precisamente onde se acha a polémica deste asunto.
  • Tamén é falsa a información que proporciona o Xerente cando afirma que eran dous os criterios que se valoran na convocatoria. Como pode comprobarse no artigo 16, outórganse: 40 puntos polo expediente normalizado (onde se atopa o erro que nos ocupa), 40 puntos pola área de coñecemento (feito ao que fai referencia o Xerente na súa réplica) e 20 puntos polo plan de traballo (que non se mencionan). Tal vez o Xerente esquece este terceiro criterio porque, como xa denunciou a AIC na nota orixinal, a USC optou por non avaliar ese terceiro apartado ás solicitudes que non sumasen máis de 55 puntos entre os dous primeiros. A aplicación desta condición a maiores pode verse na primeira páxina da resolución provisional. Evidentemente, a AIC denuncia este tipo de prácticas consistentes en incluír a posteriori criterios excluíntes non fixados na convocatoria, deixando fóra do proceso a máis de 60 persoas de golpe. Cremos que é especialmente desleal coa xente que presentou as súa solicitude en tempo, forma e describindo con esmero un plan de traballo que non foi, nin sequera, lido.
  • O Xerente sinala que o “efecto do erro cometido é de só unhas poucas décimas” na puntuación e que “só afecta a cinco candidaturas concretas”. Esta información é, canto menos, enganosa por varios motivos. O erro non afecta a cinco persoas; simplemente, son cinco persoas as que ingresarían como novas beneficiarias. Non obstante, o Xerente está a ignorar, de xeito consciente ou inconsciente, todos os cambios que se derivarían na lista de agarda en caso de aplicar a fórmula correcta. A maiores, está a ignorar os efectos do corte arbitrario de 55 puntos xa mencionado o cal, aínda en caso de ser admisible (que non o é), debería de ser reconsiderado para as solicitantes que coa fórmula errónea non o acadasen, pero coa aplicación correcta si o fixesen. Estas posicións na lista de agarda son relevantes pois, dada a demora acumulada pola USC na convocatoria, rapidamente se sucederían os movementos nela ao irse resolvendo e asinando os contratos predoutorais asociados aos programas FPU, FPI e da Xunta de Galicia. Hai, entón, moito máis ca cinco persoas afectadas pola problemática descrita. En calquera caso, consideramos que supón unha actitude de tremendo desprezo cara esas persoas procurar minimizar o escándalo afirmando que “só son cinco”. O efecto das poucas décimas é tamén falso e pode ser desmontado cunha mínima argumentación matemática que, en aras de non estender en demasía a nosa resposta, remitimos á nota de prensa publicada na web da AIC. Como exemplos concretos do tamaño dos efectos, a AIC facilitou o contacto de dúas persoas afectadas que subirían 31 e 34 postos na lista de concesión coa aplicación correcta da fórmula (tras gañar 6 puntos, aproximadamente, e non “décimas”) por se quere recoller a súa versión dos feitos.
  • Xabier Ferreira afirma que “non se produciu ningún erro matemático no cálculo, os resultados son correctos e seguen ese baremo, que é igual de lícito. O persoal técnico avaliouno, fixo as ponderacións e deu os resultados”. De novo, o Xerente esquece que a convocatoria propia recolle no seu artigo 16 unha redacción referente ao mecanismo de homoxeneización. Como pode comprobarse, esta redacción é idéntica á dada no artigo 21 da convocatoria FPU do Ministerio de Universidades. O Xerente esquece tamén a intervención do Vicerreitor de Política Científica no último Consello de Goberno da Universidade do 29 de xuño na cal el mesmo se atopaba presente. Alí, tras as advertencias dunha compañeira da AIC que foron ignoradas, o Vicerreitor limitárase a confirmar, unha vez máis, que a fórmula empregada era a das FPU e que, de detectarse algún erro no momento de publicar as puntuacións desagregadas, se notificase. Iso fixo a AIC, obtendo por resposta o silencio da USC. Non existe ningún tipo de dúbida que o mecanismo que se quería aplicar, que non se aplicou e que debeu aplicarse, era o das FPU.
  • En ningún momento a AIC sostivo que houbese un criterio político tras a problemática na resolución da convocatoria, mais si unha actitude imprudente de ignorar o problema; actitude que é a que nos ten levado ata aquí. O Xerente segue a actuar neste sentido, vertendo afirmacións probadas como falsas e afirmando que o erro non é tal, cuestión totalmente desmontada nesta réplica. A AIC simplemente expuxo un erro matemático patente e seguirá a facelo. Ademais, a AIC invita aos medios a contrastar con calquera fonte matemática independente que estime oportuna os efectos da fórmula errónea introducida pola USC e a da FPU, que debeu ser a introducida, pois, como xa sinalamos na web da AIC, a primeira ten o efecto cualitativo de penalizar os expedientes de carreiras onde a media da titulación é baixa, actuando dun xeito totalmente contrario a unha homoxeneización. De feito, coa fórmula utilizada a nota persoal do expediente conta soamente un terzo do total dese baremo, tendo máis relevancia a media do grao da USC e a media ISCED, que supoñen os dous terzos restantes.
  • Finalmente, o Xerente afirma que “o obxectivo era facilitar a contratación en áreas nas que habitualmente temos unha maior dificultade para captar xente”. Porén, este aspecto foi valorado noutro criterio, e en absoluto ten que ver co erro matemático cometido na valoración do expediente.

En consecuencia a todo o anterior, a AIC esixe á Universidade de Santiago de Compostela unha rectificación pola información, a todas luces, falsa difundida polo xerente da entidade.