A asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) denuncia o silencio do equipo reitoral da USC tras un escándalo na convocatoria de contratos predoutorais da universidade, na que se ponderan de maneira incorrecta as medias das solicitantes. O erro penaliza o bo expediente dalgunhas candidatas, levando á baixa as puntuacións.
Máis de dúas centas estudantes de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela estanse a ver afectadas por un erro de cálculo na puntuación das súas candidaturas para os contratos predoutorais propios da universidade compostelá que se financian a través do Banco Santander. A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) denuncia publicamente o comportamento irresponsable por parte do equipo reitoral da USC, que non atendeu ás sucesivas reclamacións avisando do erro.
A USC lanzou unha convocatoria de 22 contratos predoutorais financiados a través do Banco Santander o 29 de decembro de 2021 en formato de concorrencia competitiva na cal foron admitidas 206 persoas. Dende o primeiro momento o procedemento sufriu múltiples retrasos e erros que adiaron a data da publicación da resolución provisional ata o día 21 de xuño, a cal foi asinada polo Vicerreitor de Política Científica. Entre outras cuestións, a devandita resolución provisional aplicou criterios excluíntes que non figuraban no texto orixinal da convocatoria coma desestimar directamente as solicitudes que non chegasen a certo limiar de puntuación na suma de dous epígrafes, evitando así avaliar os plans de traballo de máis de 60 persoas solicitantes. Paralelamente, de xeito case inmediato e grazas á notificación por parte de persoas afectadas, a AIC detectou que se cometera un erro matemático no cálculo dos puntos no epígrafe de méritos xerais (40% da puntuación final), que se calcula exclusivamente en base aos expedientes académicos das persoas candidatas. O erro en cuestión, que afecta a todas as candidatas, consiste en ponderar de modo incorrecto a nota media da persoa solicitante coa nota media da titulación e a denominada nota media ISCED; mecanismo de correción extraído da convocatoria FPU. Esta equivocación é especialmente grave, pois ten o efecto de penalizar á xente cun bo expediente en carreiras onde a nota media é baixa e ter un efecto cualitativo contrario ao que expoñen as bases da convocatoria. Por concretar a situación a través dun exemplo hipotético: unha persoa cun expediente de 10 nunha carreira onde a media do alumnado é de 5 e media ISCED de 6 recibiría erroneamente un 7; mentres unha persoa con expediente de 5 nunha carreira onde a media de titulación e ISCED son de 9,5 recibiría erroneamente un 8. Como consecuencia, a orde das candidatas na resolución provisional, tanto na lista de beneficiarias coma na lista de agarda, viuse completamente modificada respecto da que resultaría da aplicación correcta do criterio, contradicindo así a redacción da convocatoria e desvirtuando os principios de igualdade e obxectividade no proceso de concorrencia competitiva.
O erro foi inmediatamente posto de manifesto, xa o día 22, a través dun correo tanto á Xerencia como á Vicerreitoría de Política Científica, mais ambas mensaxes foron ignoradas. En consecuencia, o día 24 solicitouse por vía de transparencia cal era a “expresión alxébrica introducida no programa informático” para o cálculo da puntuación; cuestión requerida a través de dúas solicitudes que foron ambas desoídas. A maiores, no Consello de Goberno do día 29 de xuño, unha representante da AIC puxo o erro en coñecemento público e foi, novamente, ignorada, estando presentes unha ampla parte dos altos cargos da universidade e, entre eles, o propio reitor. Enviouse un segundo correo o 1 de xullo, pregando que se respondese á petición de transparencia e que non se publicase unha resolución definitiva ata que se puidese identificar a razón do erro, para evitar maiores problemas. Este correo foi novamente ignorado e o día 7 publicouse a resolución definitiva, asinada polo reitor da universidade, xunto cun anexo de desagregado das puntuacións, o cal permitiu coñecer, finalmente, a natureza matemática do erro. O mesmo día 8, a Vicerreitoría de Política Científica e a Xerencia recibiron ás 8 da mañá un correo explicando por que a fórmula implementada era incorrecta e cal se debería ter introducido. Desde ese intre, e de xeito infructuoso, a AIC procurou comunicarse formalmente coa Vicerreitoría con tres correos nos cales se solicitaba unha xuntanza: ningún deles foi respondido. A maiores, o 14 de xullo, o reitor asinou a resolución definitiva doutra convocatoria, neste caso de “contratos predoutorais do Campus Terra”, na cal se comete exactamente o mesmo erro ca na convocatoria antes mencionada, a pesar de estar o erro advertido dende fai semanas e totalmente descrito pormenorizadamente no correo do día 8.
Dende a Asemblea consideramos o sucedido como un escándalo maiúsculo sen comparación na historia recente da USC, no cal se pon de manifesto unha atitude de total imprudencia e pasotismo por parte do goberno da universidade, inacción que derivou na publicación de dúas resolucións definitivas a todas luces incorrectas para dúas convocatorias distintas, a pesar das múltiples advertencias. Entendemos que, ante o escenario actual, a única saída posible pasa por que se recoñeza publicamente tanto o erro como a desatención que sufriu a denuncia da problemática ata o momento. Cómpre, ademais, unha proposta de solución que teña en conta o cálculo correcto das puntuacións e preserve todos os dereitos das persoas afectadas por esta actuación irresponsable.
Un comentario en “206 estudantes de doutoramento prexudicadas pola neglixencia da Universidade de Santiago de Compostela”
Os comentarios están pechados.