Comunicado Conxunto da Federación de Jóvenes Investigadores e Dignidad Investigadora
O pasado venres 15 de marzo publicouse no BOE Real Decreto 103/2019, de 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF). Sobra dicir que este estatuto debería ter saído en 2013, tal e como se explicita na Lei da Ciencia de 2011. Os investigadores predoutorais levabamos máis de tres anos negociando cos diferentes gobernos o desenvolvemento dun estatuto que dese por fin un marco xurídico aos contratos predoutorais e á relación laboral cos seus centros. Como entidades presentes durante o proceso de negociación vémonos na necesidade de sinalar varios aspectos que nos pareceron ambiguos e algo decepcionantes.
Para empezar, gustaríanos comezar polo propio título do estatuto. Na disposición adicional segunda da Lei da Ciencia prevese a creación do “Estatuto do Persoal Investigador en Formación” e non o “Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación”, que é o que se aprobou no Real Decreto que nos ocupa. Aínda que semella un detalle sen importancia, este cambio deixaría fóra do estatuto a todos aqueles que non teñan un contrato predoutoral, xa que é a propia Lei da Ciencia a que crea a figura de persoal investigador predoutoral en formación especificamente para aqueles que teñan un contrato predoutoral. Desta forma, non poderán acollerse a este estatuto aqueles que realicen a súa tese doutoral sen contrato ou a aqueles aos que xa remataran un contrato predoutoral pero non conseguisen o título de doutor.
Tamén resulta sorprendente que durante o trámite de audiencia do EPIPF o Goberno apuntase na “Memoria de Análise de Impacto Normativo” que este ía afectar aos orzamentos da Administración do Estado e, agora, a disposición final cuarta do EPIPF sinale que a aplicación desa norma non suporá incremento do gasto público. Estamos convencidos de que este cambio está relacionado coa eliminación da disposición transitoria única negociada co anterior Goberno (a cal foi publicitada nos medios de comunicación como un logro do executivo actual) tras a aprobación do documento final polo Consello de Ministros, que recoñecía como salario mínimo, común a todos os contratos predoutorais, 16.422€ anuais. No seu lugar, o salario mínimo durante os dous primeiros anos reducirase até 15.888,77€ anuais brutos, isto é, o 56% do salario de categoría correspondente ao Grupo 1 do persoal laboral da táboa salarial recollida no Convenio Único de Persoal Laboral da Administración Xeral do Estado. Isto supón unha diferenza de máis de 500€ anuais respecto do salario mínimo pactado coas asociacións e sindicatos.
Por outra banda, é de resaltar unha cláusula enigmática que apareceu da nada, posto que non estaba en ningún dos borradores emitidos pola antiga SEIDI durante a negociación: “la aplicación de la cantidad anual resultante se podrá también computar al periodo total del contrato predoctoral de cuatro años” (Art 7.3). Segundo a nota informativa emitida polo Ministerio de Ciencia o 22 de marzo de 2019, esta cláusula permite que os centros poidan prorratear o salario sumando as retribucións correspondentes a cada ano e dividíndoas entre o número de anos de duración do contrato. Desta cláusula despréndese que aqueles contratos predoutorais que se asinen por 4 anos non se beneficiarán das subas salariais que se produzan durante ese tempo nas táboas salariais da Administración Xeral do Estado. Ademais isto ten o agravante dunha menor prestación por desemprego posto que esta calcúlase en base aos 6 últimos meses cotizados.
Outra decepción é a referente ao dereito dos investigadores predoutorais á indemnización por finalización de contrato. Trátase dunha das reivindicacións centrais dos colectivos de afectados, que finalmente non foi atendida polo Goberno a pesar de formar parte do pacto para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado asinado con Unidos Podemos. Isto demostra o escaso valor que dende o Goberno se dá aos pactos alcanzados a todos os niveis, e a escasa relevancia que ocupa no Goberno a dignificación da carreira investigadora.
Tampouco se modificou o artigo sobre a suspensión do cómputo do contrato en caso de abandono de funcións do director de tese, a pesar de comprometerse a isto na última reunión mantida cos representantes do Ministerio de Ciencia. Daquela acordouse que en dita situación a suspensión do cómputo do contrato tivese lugar dende a data na que se presenta a denuncia (aínda que o ditame favorable fose posterior) e non dende que se emite o ditame favorable. É máis indignante aínda ver como non se aproba esta medida que non supón para nada un incremento de custo, senón simplemente a boa vontade de querer incluíla.
Dende Dignidad Investigadora e a Federación de Jóvenes Investigadores manifestamos a nosa profunda decepción con este Estatuto. Foron seis anos de espera para a súa publicación e dous anos de negociacións tediosas, ambiguas e cheas de falsos compromisos, tanto polo anterior Goberno do PP como do actual Goberno do PSOE, que tiveron como resultado a publicación dun EPIPF que nin sequera inclúe os acordos mínimos pactados e que non nos permite aos mozos investigadores ter unhas condicións laborais dignas. Un EPIPF que simplemente fai oficial nosa precariedade.
De que nos serve un plan de rescate aos investigadores exiliados se á vez séguese perpetuando a precariedade laboral no sector do I+D+i español? Para que queremos un Ministerio de Ciencia, do que o Goberno tanto se fachenda, se este dedícase a menosprezar o acordado con colectivos e sindicatos?
A nós quédanos moi claro: moito fume e pouco lume.