No Consello de Ministros do pasado 1 de marzo de 2019 aprobábase o Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF) segundo informaba o Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades a través da súa web. A elaboración deste estatuto iniciouse en 2017 e pasou por mans de dous gobernos ata a súa publicación no BOE o día 15 de marzo, 6 anos tarde tendo en conta que a Lei da Ciencia (2011) establecía un prazo máximo de 2 anos.
Na nota publicada na web do Ministerio podemos ver destacadas 2 cousas:
- O EPIPF establecería un salario MÍNIMO de 16.422€.
- Que para a súa elaboración consultaron a sindicatos e asociacións de persoal investigador.
Respecto ao primeiro punto, nada novo, pois era o que xa aparecía no último borrador publicado polo Goberno. Respecto ao último, a propia AIC mandou alegacións tanto en xuño de 2018 no período de Consulta Pública, como en setembro de 2018 na Audiencia Pública. Alegacións nas que destacaba que se nos recoñecera no propio EPIPF o dereito a indemnización por extinción de contrato, para rematar así coa ambigüidade existente. A única alegación trasladada finalmente ao texto definitivo foi o establecemento do máximo de horas de colaboración docente en 180.
No texto definitivo publicado no BOE o 15 de marzo vemos que desaparece a “Disposición transitoria única. Retribuciones” que establecía o salario mínimo en 16.422€ tal e como recolle o último borrador e a propia nota de prensa do Ministerio o 1 de marzo. Polo tanto, o actual salario MÍNIMO sae de aplicar as porcentaxes da Lei da Ciencia ao salario da categoría equivalente no convenio colectivo, e como na USC estamos tamén nun limbo, tomamos entón como referencia o salario do Grupo 1 da Administración General del Estado (28.372,40€ en 2019):
Ano de contrato | Retribución mínima anual |
Primeiro | 15.888,54 € |
Segundo | 15.888,54 € |
Terceiro | 17.023,44 € |
Cuarto | 21.279,30 € |
Vemos que o salario nos dous primeiros anos é inferior (533.46€ menos) ao que o Goberno facía gala e rompe así cun dos poucos acordos aos que chegara cos sindicatos.
Ademais na publicación do BOE aparece un novo punto, Artigo 7.3, que non aparecía nos borradores e que o Goberno tivo que aclarar publicando unha nota informativa o 22 de marzo. Este novo punto permite ás universidades calcular o salario para os 4 anos de contrato (collendo o salario nese momento do Grupo 1) e prorratealo ao longo de todo o contrato. É dicir, que o PIPF contratado baixo esa modalidade perdería as subas salariais que sexan de aplicación ao Grupo 1 nos anos posteriores. Noutras palabras, se en 2019 se contrata a unha persoa baixo esta modalidade, esta terá un salario durante os 4 anos de contrato de 17.519,96€, salario resultante de facer a media no cadro anterior. Se o salario do Grupo 1 da AGE sobe no segundo ano un 1.75%, outro 1.75% no terceiro ano e outro 1.75% no cuarto ano (porcentaxes ficticias baseadas na subida deste ano)… esa persoa non estará percibindo ningunha destas subidas debido á inclusión deste artigo. Certos sindicatos indican que están estudando impugnar este Artigo 7.3.
En resumo, podemos falar dun EPIPF moi insuficiente e que non recolle ningunha das nosas demandas, deixando cousas ambiguas á interpretación da entidade empregadora, como a indemnización por extinción de contrato, e que só aporta como novidade o límite máximo de 180h de colaboración docente e unha suba nas retribucións mínimas a percibir no terceiro e cuarto ano.
GdT de Contratos