🏆 Vitoria! As predoutorais con prórroga COVID deben cobrar o salario de 4º ano (1.879€ máis)

Boas novas! A xustiza dános a razón! A USC é condenada a aboar 1.879,92 euros brutos a dúas investigadoras que iniciaron o 4º ano de contrato predoutoral grazas á prórroga COVID-19 da Xunta de Galicia.

👉 Aquelas persoas que gozaran da prórroga (convocatorias 2016, 2017, 2018 e 2019) e remataran contrato 1 ano para atrás están aínda a tempo de reclamalos

Un pouquiño de contexto para as despistadas. No ano 2020 debido á pandemia da COVID-19, a Xunta de Galicia prorrogaba por 6 meses as axudas predoutorais que lle outorga ás universidades e institucións de investigación de Galicia para contratar persoal investigador predoutoral.

Debido á prórroga de 6 meses, os contratos dese persoal (convocatorias 2016, 2017, 2018 e 2019) poderían chegar a superar os 3 anos de contrato predoutoral. Tal e como establece o EPIPF, o salario mínimo que unha predoutoral ten que cobrar en 4º ano (durante a prórroga) é superior ao de 3º, actualmente 4.869,76€ máis.

Esta asociación reunírase coa Xerencia da USC a cal nos comunicara que seguindo a súa estratexia habitual non ía cumprir co salario de 4º e seguiría aboando o de 3º a non ser que unha sentenza xudicial os obrigara.

Dende a AIC organizamos un grupo de traballo temporal, facilitamos modelos e procedemento para reclamar estas cantidades á USC. Dous anos despois (pois a xustiza é lenta en Compostela) a xustiza dános a razón. A USC é condenada a aboar 1.879,92 euros ás dúas investigadores predoutorais que reclamaron o seu dereito de salario mínimo por Real Decreto.

Anexamos a sentenza por se é aínda de utilidade para algunha das afectadas e se anima a reclamar o seu dereito.

Queremos agradecer unha vez máis ás persoas valentes que loitan polos dereitos de todas e que nos comparten as súas sentenzas. Grazas por abrirnos camiño ás que vimos detrás.