Así o acordaron en asemblea en resposta á discriminación e desprezo que sofren por parte do Equipo de Goberno
A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) acordou por unanimidade na súa última asemblea -celebrada o 29 de xaneiro- iniciar mobilizacións e diferentes accións de protesta. Decisión que nos obrigou a adoptar o actual Equipo de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, que segue facendo oídos xordos ás reiteradas peticións realizadas para tratar de solucionar a situación de discriminación e inxustiza que sofre o colectivo.
O que pedimos é que se poña fin á discriminación á que se vén sometendo a unha parte do persoal de investigación desde 2016, cando se lle empezou a pagar por debaixo do salario mínimo que fixa a normativa, e a quen tamén se lle negan as subidas salariais -que si ten o resto de persoal da USC- e se lle deixou de aboar a indemnización por extinción de contrato. Só pedimos que tódalas persoas que teñen a mesma categoría profesional teñan garantidas as mesmas condicións laborais mínimas que xa recolle a normativa da USC.
Así, por exemplo, para unha investigadora FPU/FPI a diferenza entre o que percibe (1.173,00 €/mes) e o que figura na táboa de salarios mínimos actualizada (1.244,91 €/mes) supera xa os 1.000 euros anuais. Dándose ademais por primeira vez a circunstancia de que un axudante de apoio á investigación percibe xa un salario mínimo (1.193,97 €/mes) superior ao das propias investigadoras destas convocatorias. Algo inaudito.
Acabar con esta discriminación foi a petición que se lle trasladou ao Xerente, Javier Ferreira, e á Vicexerenta de Persoal, Pilar Martínez, nunha xuntanza mantida con eles o 7 de decembro, e que rematou coa solicitude do xerente de que lle remitísemos por escrito as nosas demandas -cousa que fixemos- e co seu compromiso de levalas e tratalas na mesa de negociación cos sindicatos.
Disto informamos tamén a todos os sindicatos presentes na citada mesa (CCOO, CIG, CSIF e UGT) en xuntanzas bilaterais mantidas posteriormente con todos eles, e nas que manifestaron estar de acordo coas nosas reivindicacións e coa necesidade de solucionalo.
Tras agardar a que o xerente tomase a iniciativa, foron os propios sindicatos os que se dirixiron a el -o 21 de decembro- para solicitar formalmente que convocase esa reunión, pero, e a pesar de reiterarlle a petición posteriormente, o xerente segue sen convocala.
Pola súa parte o Reitor, Antonio López, segue sen responder ás peticións que se lle fan desde a AIC para reunirnos con el, compromiso que adquiriu tanto durante a campaña electoral como no claustro do 29 de novembro tras unha intervención dun representante da AIC. E o Vicerreitor de Investigación e Innovación parece que nin está nin se lle espera.
Mentres, ante a inacción do Equipo de Goberno, as demandas contra a USC seguen aumentando. Polo que non entendemos como é posible que prefiran seguir malgastando diñeiro público en pagar honorarios de avogados, indemnizacións e custas xudiciais en vez de investilos en investigación. Sobre todo, cando solucionar esta situación depende única e exclusivamente do Equipo de Goberno. É algo realmente inexplicable.
Por iso consideramos necesario alzar a voz e facer pública esta situación de discriminación, desprezo e malgasto, para que toda a Comunidade Universitaria, e toda a sociedade, coñeza o que está pasando.