Arquivo da categoría: Notas de prensa

O Supremo condena o persoal investigador a volver a un pasado máis precario

Anula así a sentenza do TSXG na que se condenaba á USC a restituír o dereito á indemnización por extinción de contrato arrebatado ao colectivo en 2016

Porta principal do Tribunal Supremo
CC BY 3.0 Panoramio

Non. O Supremo non demostra coa súa sentenza do 13 de outubro (STS 3490/2020) que os contratos predoutorais sexan contratos formativos; o único que demostra é que non entende, ou non quere entender, como evolucionou a investigación na sociedade moderna.

Corrixe así, nun exercicio de anacronismo, a correcta interpretación -ao noso entender- feita anteriormente polo TSXG, quen concluíra na súa sentenza que o contrato formativo de ningún modo “se pode equiparar ao subscrito polos traballadores afectados polo conflito aínda cando se denomine predoutoral en formación. Este contrato unicamente cabe a través da normativa regulada no artigo 11, que en modo algún se cumpre co que agora se discute. A consecuencia de todo isto, é que os contratos dos demandantes teñen que cualificarse como temporais de obra ou servizo, e á súa finalización teñen dereito a percibir a indemnización establecida no artigo 49, 1, c) do Estatuto dos Traballadores”.

Efectivamente, como ben recollía esta sentenza, a Lei 14/2011, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación define no seu artigo 21 o contrato predoutoral e especifica que “será de duración determinada” e que “terá por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novidoso”, sendo ademais requisito “ter sido admitido nun programa de doutoramento”. Definición e obxecto que casan perfectamente co primeiro dos supostos que recolle o artigo 15 do ET: “cando se contrate ao traballador para a realización dunha obra ou servizo determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e cuxa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta”.

Chegado este punto, preguntámonos como é posible que o TS non entenda que a realización dunha tese de doutoramento é, efectivamente, unha tarefa de investigación con autonomía e substantividade propia que, aínda que de duración incerta, está limitada no tempo. E que non entenda que é un traballo de pleno dereito, no que se está producindo e contribuíndo a incrementar o coñecemento. Un coñecemento que ademais se está transmitindo, valorizando e rentabilizando por parte da universidade e que repercute directamente na mellora e o avance da sociedade. E isto sen entrar a valorar todas as tarefas que, ademais da propia tese, fan estes e estas traballadoras durante a vixencia dos seus contratos. Porque calquera persoa que coñeza o traballo de investigación o entende; así o entendemos nós: e así o entendeu tamén o TSXG.

Temos por tanto que preguntarnos que pretende ou a quen quere contentar o TS con este exercicio de funambulismo anacrónico, no que parece querer devolvernos aos tempos das bolsas e dos contratos en prácticas. Uns tempos de precariedade que esta sociedade quere superar. E faino ademais adornándose con afirmacións como a de que o contrato predoutoral ten un “obxectivo formativo obvio”, ao tempo que basean a súa argumentación en que “se de buscar analoxías coas modalidades contractuais do ET se trata, faise verdadeiramente difícil acudir ao contrato para obra e servizo determinado e, polo contrario, sería o contrato en prácticas do art. 11 ET o que presentaría maiores similitudes” ou que “entende que o lexislador deseñou unha modalidade contractual, de carácter formativo, á que non atribuíu indemnización no momento da súa finalización”.

Pois ben, nós temos claro que non é así. De feito, non debe ter un obxectivo formativo tan obvio cando o TSXG afirmou rotundamente que non o tiña. Non debe ser tan difícil ver as similitudes co contrato de obra ou servizo cando o TSXG as veu tan claramente. Si debe ser difícil ver as similitudes co contrato en prácticas cando o TSXG veu claramente que non as había. E non debería facer falla tratar de imaxinar o que o lexislador pretendía cando xa especificou no artigo 21 da Lei 14/2011 que “o contrato terá por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novidoso”. É dicir, investigar, crear, producir e xerar novo coñecemento. Non formarse. De ter querido deseñar unha modalidade contractual de carácter formativo -pensamos nós- igual tería posto que “o contrato terá por obxecto formarse”. Pero non o fixo. Así que non debe ser ese o obxecto do contrato. E así o debeu entender tamén o TSXG. Parece obvio.

Por tanto, non podemos estar en máis desacordo con esta sentenza. Consideramos que tanto os argumentos empregados como as conclusións ás que se ten chegado son totalmente equivocados, impropios dos tempos actuais e prexudiciais para a investigación e o avance da sociedade, tanto en termos de dereitos laborais como no ansiado obxectivo de poder achegarnos á tan necesaria definición e implantación dunha carreira investigadora real e medianamente digna.

Preocúpannos, ademais, as formas e os aparentes intereses que parece haber detrás deste tipo de actuacións. Debemos lembrar que as persoas con contratos predoutorais si percibían antes a indemnización á finalización dos seus contratos, dereito que foi arrebatado por algúns centros e universidades -entre elas a Universidade de Santiago de Compostela-; mentres que outras a seguiron aboando. E debemos lembrar tamén que xa houbera un anterior intento por arrebatar este dereito mediante o cambio de codificación de contrato. Daquela, ante a repercusión que tivo e as mobilizacións que houbo, o ministerio competente e a CRUE tiveran que saír publicamente a negar a maior e acabaron rectificando. Porén, lamentablemente, agora si parecen máis preto de poder conseguilo. Estarán contentas aquelas persoas que sempre quixeron arrebatarnos este e outros dereitos. É moi triste que así sexa e hai que dicilo ben claro: sentímolo, pero non tedes gañado máis que a vergoña de ter aumentado o maltrato a un persoal que xa estaba bastante precarizado.

Sumado a isto, queremos lembrar que moitos destes centros e universidades locen o selo europeo HR de excelencia en investigación, co que se distingue ás entidades que tratan con respecto ao seu persoal investigador e fomentan a mellora das súas condicións. Recomendamos encarecidamente a lectura da Carta Europea do Investigador e o Código de conduta para a contratación de investigadores que hai que cumprir para obter e manter este selo. Sobre o recoñecemento da profesión, a carta expresa que “todos os investigadores que seguen unha carreira de investigación deben ser recoñecidos como profesionais e tratados en consecuencia. Isto debe comezar ao principio das súas carreiras, é dicir, a nivel de posgrao, e debe incluír todos os niveis independentemente da súa clasificación a nivel nacional”. Está así recollido como principio e esixencia. Aplíquese.

Pero non todo é malo. Afortunadamente, non todas as persoas pensan nin actúan así. Diso estamos ben seguras; vémolo a diario. E agradecemos enormemente o apoio e comprensión que nos achegan.

Igualmente, estamos seguras de que non imos dar por perdida esta loita. Así que facemos un chamamento claro e inequívoco a seguir loitando e reclamando por todas as vías posibles este e outros dereitos. Facemos un chamamento a todas as persoas e colectivos a seguir unidos na defensa destas reivindicacións. Facemos un chamamento aos centros e universidades que si respectan os dereitos laborais das súas traballadoras a seguir contemplándoos nos seus contratos. Facemos un chamamento aos sindicatos a seguir traballando por recuperar estes dereitos. E, se o problema é de interpretación do que “pretendía o lexislador”, facemos un chamamento ao Goberno, aos ministerios competentes e a todos os grupos políticos para que impulsen e apoien as necesarias reformas da lexislación; para que dunha vez por todas queden claros os dereitos do persoal investigador e non estean suxeitos a máis lamentables interpretacións.

Porque seguiremos loitando. Pola ciencia, pola investigación e polos dereitos de cada traballadora e traballador. Por todos e todas. Por unha sociedade mellor.



Versión en castelán

A USC seguirá incumprindo a súa propia normativa laboral

Anuncia, en cambio, que si cumprirá o EPIPF

Este mércores, 12 de xuño, o Xerente da Universidade de Santiago de Compostela vén de anunciar que cumprirá a lei.

Así, tres meses despois da entrada en vigor do Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF), aprobado por R.D. 103/2019, a USC anuncia que o acatará e que empezará a pagar os salarios mínimos aos que está obrigada, posiblemente na nómina de xullo. É dicir, que aínda haberá que seguir agardando.

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela xa fomos críticas no seu momento coa redacción final do EPIPF que aprobou o Goberno, pois non recollía algunhas das importantes demandas que o colectivo predoutoral lle tiña trasladado. Logo, ficamos abraiadas ao ver que a USC se negaba a aplicalo cando entrou en vigor. E, agora, estamos profundamente decepcionadas pola oportunidade perdida pola USC, xa que anunciou que se limitará a cumprir só os mínimos aos que entende que lle obriga a lei, mentres segue negándose a atender as nosas demandas, a cumprir a súa propia normativa interna e, incluso, a sentenza xudicial que a condena a pagar a indemnización por extinción de contrato.

A medida anunciada pola USC traduciríase en que algunhas persoas con contrato predoutoral de, por exemplo, 3 ou 4 anos (as duracións máis comúns de contratos vencellados a convocatorias de axudas públicas) estarían cobrando, respectivamente e segundo os mínimos asumidos pola USC na súa interpretación do EPIPF, 4.472,27 € ou 874,64 € menos que as persoas da súa mesma categoría, ás que si se lles está aplicando a normativa interna da USC e si se lles está pagando a indemnización. Todo isto segundo os cálculos feitos coas retribucións mínimas actualmente vixentes para ambas normativas e para a duración total do contrato. É dicir, acatando así o EPIPF, a USC segue incumprindo, segue discriminando e segue aforrando cartos.


Normativa USC Novo EPIPF Diferenza
Retribucións Ano 1 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 2 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 3 17.428,76 € 17.279,56 € -149.20 €
Indemnización Extinción 1.720,72 € 0,00 €* -1.720,72 €
Total 54.007,00 € 49.534,73 € -4.472,27 €

Normativa USC Novo EPIPF Diferenza
Retribucións Ano 1 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 2 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 3 17.428,76 € 17.279,56 € -149.20 €
Retribucións Ano 4 17.428,76 € 21.599,45 € 4.170,69 €
Indemnización Extinción 2.293,77 € 0,00 €* -2.293,77 €
Total 72.008,81 € 71.134,17 € -874,64 €

* A USC recorreu a sentenza que a condena a pagala e néganse a facelo.
Cadros: Importes correspondentes ao ano 2019 para a categoría de Investigador/a en Formación

Por que se anuncia entón que “a USC investirá outros 200.000 euros en incrementos salariais” -como puidemos ver publicado en varios medios-?. Pois por dúas razóns: porque a USC non está cumprindo a lei e está pagando menos do que debe a parte do colectivo predoutoral, co conseguinte aforro, e porque ademais, agardando ao mes de xullo fai coincidir esta regularización co pago dos atrasos que lles debe desde o 16 de marzo -data na que entrou en vigor- e coa suba do 0,25% do mes de xullo que tamén está obrigada a facer por lei. Suba esta, dito sexa de paso, que segue negándose a aplicarlle a parte do seu persoal, como vén facendo desde o ano 2016.

O de “outros”, francamente, non sabemos a que vén.

Así as cousas, tras un ano de mandato, o Equipo de Goberno da USC segue negándose a atender as principais demandas do colectivo. E non é que non as aplique, é que non quere nin sequera falar delas nin negocialas. Nin coa AIC nin cos sindicatos.

Un ano no que a USC nin fixo nada ao respecto nin mudou de actitude. Un ano perdido.

Por todo isto, non nos queda outra que seguir loitando nos #MartesNegros #PorUnhaUSCDigna e explorar novas vías de mobilización e protesta.

[Última Actualización 17/06/2019]: Actualización de retribucións mínimas de acordo ao novo EPIPF debido á publicación do IV Convenio colectivo unico para o persoal laboral da Administración Xeral do Estado.

Versión en castellano

A USC condenada a indemnizar ao persoal predoutoral

O TSXG sentenza que a USC debe aboar a indemnización por extinción de contrato ao persoal perdoutoral

CC BY-SA 4.0Caronium

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) celebra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na que se acaba de condenar á Universidade de Santiago de Compostela a pagar ao colectivo predoutoral a indemnización por extinción de contrato.

A reclamación deste dereito fora unha das primeiras peticións que desde a AIC se lle trasladara tanto ao Reitor, Antonio López, como ao Vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, e ao Xerente, Javier Ferreira. Pero nunca ningún deles, nin do Equipo de Goberno da USC, amosou o máis mínimo interese por solucionar o problema. Máis ben todo o contrario, sempre nos trataron con desprezo e se negaron a negocialo. Sendo este un dos motivos que nos levou a mobilizarnos e a iniciar a campaña dos #MartesNegros #PorUnhaUSCDigna coa que continuamos e coa que seguiremos.

O da indemnización por extinción de contrato tamén era un dos dereitos que solicitamos que fose explicitamente recollido no Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF). Pero, por desgraza, o Goberno non quixo nin mencionalo na súa redacción final recentemente publicada no BOE.

Agora, esta sentenza do TSXG vén a colocar no seu sitio os marcos que tanto o Goberno como a USC trataron de mover.

Nega ademais na súa sentenza o TSXG que o contrato predoutoral -así definido no artigo 21 da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación- poida ser considerado un contrato formativo, pois afirma que “en modo algún pode equipararse ao subscrito polos traballadores afectados polo conflito aínda cando se denomine predoutoral en formación”.

Hai que lembrar que alegar que son contratos formativos é unha das moitas escusas que o Equipo de Goberno da USC vén empregando para negarlle aos seus traballadores e traballadoras este e outros dereitos. Queda claro agora o que levamos defendendo desde hai moito tempo na AIC: que adxectivar artificialmente algo como “en formación” non o convirte en formativo.

Pola contra, equipara o TSXG no seu fallo o contrato predoutoral ao contrato temporal por obra ou servizo determinado, afirmando que “a consecuencia de todo isto é que os contratos dos demandantes deben cualificarse como temporais de obra ou servizo, e á súa finalización teñen dereito a percibir a indemnización establecida no artigo 49, 1, c) do Estatuto dos Traballadores na contía que en cada caso corresponda”. Recoñécese así o dereito do persoal investigador con contrato predoutoral a percibir unha indemnización por extinción de contrato de 12 días de salario por cada ano traballado.

A sentenza que acabamos de coñecer é por unha demanda de conflito colectivo presentada por CCOO no ano 2017 contra a USC e admite recurso ante o Tribunal Supremo.

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela emprazamos unha vez máis ao Equipo de Goberno da USC a que se sente a dialogar e negociar unha solución definitiva tanto para este como para os demais problemas que lle temos trasladado.

Mentres os problemas non se solucionen, a AIC seguirá loitando en tódalas frontes #PorUnhaUSCDigna.

Descargar sentenza

Versión en castellano da nota de prensa

A USC fai negocio coa precarización

A Valedora do Pobo desmonta as escusas do Equipo de Goberno

© Valedor do Pobo

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) acaba de recibir da Comisión da Transparencia de Galicia -adscrita ao Valedor do Pobo- información que desmonta as escusas que o Equipo de Goberno da USC emprega para tratar de xustificar a situación de discriminación á que ten sometido a parte do persoal de investigación: a suposta falta de fondos.

Esta comisión estima a reclamación presentada pola AIC contra o silencio administrativo co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tratara de dar por resolta unha solicitude de información, presentada no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia, referente ao financiamento que recibe a Universidade de Santiago de Compostela no Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 por captación de talento investigador, produción científica, teses de doutoramento defendidas, etc. das persoas en etapa predoutoral. En concreto, preguntábase canto recibe a USC da parte variable dos indicadores relacionados directamente coas persoas investigadoras predoutorais e a que se destinan estes recursos.

Hai que lembrar que as persoas deste colectivo xa teñen cubertos os seus custes salariais polas axudas das correspondentes convocatorias públicas. Polo que estes son fondos extra percibidos pola USC a maiores, polo simple feito de ter captado a estas persoas e polo traballo que elas realizan (produción científica, teses, etc.).

Na súa resposta á Comisión da Transparencia, a Consellería trata de xustificar a dificultade -ou incluso imposibilidade- de obter toda a información solicitada, pero indica que “Tras realizar un traballo de elaboración, a Consellería pode obter certa información desagregada no indicador PGFU-02 (Captación de talento investigador), advertindo que este dato está referido unicamente a aqueles predoutorais captados en convocatorias ou programas competitivos e non a todos os matriculados nas universidades. De acordo co anterior, no cómputo para o plan no ano 2017 considérase que os ingresos obtidos pola Universidade de Santiago de Compostela para ese indicador son 1.356.810 €, dos 6.954.436 € asignados a dita Universidade por ese indicador”.

É dicir, mentres se lles negaba a estas persoas unha suba salarial de só 11,73 € ao mes -alegando non ter diñeiro-, a USC percibía por elas máis de 1,3 millóns de euros extra só por unha parte dun dos indicadores dese ano. É indignante.

Á pregunta de a que destina a USC estes recursos, a Consellería só responde que “no caso de que puideran determinarse de maneira exacta, sería un dato que tería que solicitarse á Universidade de Santiago de Compostela”.

Contesta a isto a Comisión da Transparencia resolvendo “Instar así mesmo á Consellería a que remita, de conformidade co disposto no artigo 19.1 da Lei 19/2013, a solicitude do interesado á Universidade de Santiago de Compostela a efectos de que esta institución lle informe sobre o destino dos referidos recursos”.

Seguimos agardando a que tanto a Consellería como a USC nos remitan a información completa para ver en canto aumentan estas cantidades pero, só coas xa coñecidas, damos por totalmente desmontadas as escusas que o actual Equipo de Goberno pon para non solucionar este problema. A conclusión é clara: a USC gaña diñeiro precarizando a estas persoas.

Reafirmamos con isto a necesidade de facer pública esta situación de discriminación, desprezo e malgasto. Situación coa que nos empurran a ter que seguir protestando e mobilizándonos.

As promesas incumpridas, as mentiras e as falsidades combátense con loita, datos e verdades.

Versión en castellano

O persoal de investigación da USC iniciará mobilizacións e accións de protesta

Así o acordaron en asemblea en resposta á discriminación e desprezo que sofren por parte do Equipo de Goberno

Investigadoras nunha mobilización en 2017.

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) acordou por unanimidade na súa última asemblea -celebrada o 29 de xaneiro- iniciar mobilizacións e diferentes accións de protesta. Decisión que nos obrigou a adoptar o actual Equipo de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, que segue facendo oídos xordos ás reiteradas peticións realizadas para tratar de solucionar a situación de discriminación e inxustiza que sofre o colectivo.

O que pedimos é que se poña fin á discriminación á que se vén sometendo a unha parte do persoal de investigación desde 2016, cando se lle empezou a pagar por debaixo do salario mínimo que fixa a normativa, e a quen tamén se lle negan as subidas salariais -que si ten o resto de persoal da USC- e se lle deixou de aboar a indemnización por extinción de contrato. Só pedimos que tódalas persoas que teñen a mesma categoría profesional teñan garantidas as mesmas condicións laborais mínimas que xa recolle a normativa da USC.

Así, por exemplo, para unha investigadora FPU/FPI a diferenza entre o que percibe (1.173,00 €/mes) e o que figura na táboa de salarios mínimos actualizada (1.244,91 €/mes) supera xa os 1.000 euros anuais. Dándose ademais por primeira vez a circunstancia de que un axudante de apoio á investigación percibe xa un salario mínimo (1.193,97 €/mes) superior ao das propias investigadoras destas convocatorias. Algo inaudito.

Acabar con esta discriminación foi a petición que se lle trasladou ao Xerente, Javier Ferreira, e á Vicexerenta de Persoal, Pilar Martínez, nunha xuntanza mantida con eles o 7 de decembro, e que rematou coa solicitude do xerente de que lle remitísemos por escrito as nosas demandas -cousa que fixemos- e co seu compromiso de levalas e tratalas na mesa de negociación cos sindicatos.

Disto informamos tamén a todos os sindicatos presentes na citada mesa (CCOO, CIG, CSIF e UGT) en xuntanzas bilaterais mantidas posteriormente con todos eles, e nas que manifestaron estar de acordo coas nosas reivindicacións e coa necesidade de solucionalo.

Tras agardar a que o xerente tomase a iniciativa, foron os propios sindicatos os que se dirixiron a el -o 21 de decembro- para solicitar formalmente que convocase esa reunión, pero, e a pesar de reiterarlle a petición posteriormente, o xerente segue sen convocala.

Pola súa parte o Reitor, Antonio López, segue sen responder ás peticións que se lle fan desde a AIC para reunirnos con el, compromiso que adquiriu tanto durante a campaña electoral como no claustro do 29 de novembro tras unha intervención dun representante da AIC. E o Vicerreitor de Investigación e Innovación parece que nin está nin se lle espera.

Mentres, ante a inacción do Equipo de Goberno, as demandas contra a USC seguen aumentando. Polo que non entendemos como é posible que prefiran seguir malgastando diñeiro público en pagar honorarios de avogados, indemnizacións e custas xudiciais en vez de investilos en investigación. Sobre todo, cando solucionar esta situación depende única e exclusivamente do Equipo de Goberno. É algo realmente inexplicable.

Por iso consideramos necesario alzar a voz e facer pública esta situación de discriminación, desprezo e malgasto, para que toda a Comunidade Universitaria, e toda a sociedade, coñeza o que está pasando.

Versión en castellano