Abanca ataca a dignidade da Universidade en Galicia

A constitución dunha universidade privada é un ataque a todo o pobo galego

A lei que dará lugar á primeira universidade privada de Galicia, baixo patrocinio de Abanca, comezou o seu trámite no Parlamento de Galicia o pasado 25 de maio. O proxecto desta universidade privada xorde cunha forte contestación. Por unha banda, esta entidade nace co informe negativo do Consello Económico e Social de Galicia. Por outra, a universidade privada de Abanca conta dende o principio coa oposición tanto das tres universidades públicas galegas como da amplísima maioría de organizacións sindicais e políticas

A universidade de Abanca non só supón unha ameaza puntual para o sistema universitario público galego, nin tampouco unha problemática que afecte só a aquelas persoas que estamos máis vinculadas coa Universidade. Máis alá, dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) entendemos que a creación da primeira universidade privada en Galicia trae consigo implicacións de gran importancia:

  1. A privatización da universidade é un problema de toda a sociedade galega. A universidade privada non formará persoas en función do seu interese e capacidade para aprender, senón en función dun maior rendemento económico e das necesidades de empregabilidade do mercado laboral. A posibilidade de acceder aos estudos ofertados por esta universidade privada estará fortemente condicionada polo poder adquisitivo, excluíndo presumiblemente ás capas máis humildes da sociedade galega. Nunha sociedade moderna e democrática, o ensino universitario debe ser patrimonio universal e servir ao conxunto da sociedade, non estar comandada polo interese económico.

    A universidade pública outorga dignidade aos pobos, permitindo que todos os cidadáns poidan adquirir os coñecementos necesarios para tomar as rendas do seu futuro. O intento por privatizar o sistema universitario constitúe un ataque ás nosas posibilidades para o pleno exercicio da cidadanía.
  2. A universidade privada non pode ser entendida como un mero fenómeno meteorolóxico ou puntual. Máis ben ao contrario, constitúe o corolario de décadas de mercantilización da universidade en Galicia. Esta mercantilización vese claramente reflectida no desmantelamento daquelas titulacións e liñas de investigación que non son directamente aplicables en termos económicos e a substitución da “transmisión do coñecemento científico en base a criterios académicos” pola “preparación para o mercado laboral”. Este proceso sentou as bases para que hoxe falemos da creación da primeira universidade privada en Galicia. Ao fin e ao cabo, se do que se trata é de ensinar “destrezas, habilidades e competencias” relacionadas coas necesidades dos mercados, quen mellor que unha empresa privada para facelo? O vindeiro Plan Galego de Financiamento Universitario podería rematar de consolidar esta dinámica.
  3. A constitución dunha universidade privada supón un ataque máis á democracia dentro dos estudos superiores. Desde a perspectiva dos eidos de coñecemento a investigar e difundir, unha parte do sistema universitario galego ficará sometido a unha absoluta ditadura da necesidade exercida por parte dos intereses empresariais que xestionarán esta nova universidade. Ao condicionamento que neste sentido xa sofren as universidades públicas uniráselle agora o mando directo de Abanca, marxinando disciplinas do saber de altísimo valor polo mero feito de non seren economicamente rendibles. Ademais, parte do sistema universitario de Galicia ficará baixo o goberno directo de entidades privadas, reducindo aínda máis a liberdade no goberno do mesmo. A xestión participada e democrática, xa limitada nas universidades públicas, resulta imposible nesta nova entidade desde o momento en que depende do financiamento privado.

Ante esta situación, desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela reivindicamos:

  1. A inmediata retirada do Anteproxecto de Lei de recoñecemento da universidade privada “Universidad Intercontinental de la Empresa”, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia
  2. A aceleración dos trámites necesarios para a aprobación das reformas legais necesarias a nivel estatal que garanticen que a constitución de novas universidades responda a unha necesidade social e cumpra cunhas condicións de calidade mínimas.
  3. A conformación dunha fronte ampla, que inclúa aos traballadores e traballadoras das universidades públicas galegas, aos gobernos das tres universidades e a organizacións sociais para defender o Sistema Universitario Galego durante a negociación do vindeiro Plan Galego de Financiamento Universitario. 

A educación pública é un dereito que a sociedade conseguiu tras séculos de loita e que leva décadas defendendo unida fronte ás ameazas da privatización. O coñecemento non é un negocio. O acceso aos estudos universitarios non debe ser un luxo nin un capricho. A universidade non pode ter alma de empresa. Por iso, desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), chamamos a loitar unha vez máis por unha Universidade digna no camiño dunha sociedade moderna e democrática. Este sábado 12 de xuño estaremos na manifestación na Alameda de Santiago de Compostela amosando o noso descontento.