O Supremo condena o persoal investigador a volver a un pasado máis precario

Anula así a sentenza do TSXG na que se condenaba á USC a restituír o dereito á indemnización por extinción de contrato arrebatado ao colectivo en 2016

Porta principal do Tribunal Supremo
CC BY 3.0 Panoramio

Non. O Supremo non demostra coa súa sentenza do 13 de outubro (STS 3490/2020) que os contratos predoutorais sexan contratos formativos; o único que demostra é que non entende, ou non quere entender, como evolucionou a investigación na sociedade moderna.

Corrixe así, nun exercicio de anacronismo, a correcta interpretación -ao noso entender- feita anteriormente polo TSXG, quen concluíra na súa sentenza que o contrato formativo de ningún modo “se pode equiparar ao subscrito polos traballadores afectados polo conflito aínda cando se denomine predoutoral en formación. Este contrato unicamente cabe a través da normativa regulada no artigo 11, que en modo algún se cumpre co que agora se discute. A consecuencia de todo isto, é que os contratos dos demandantes teñen que cualificarse como temporais de obra ou servizo, e á súa finalización teñen dereito a percibir a indemnización establecida no artigo 49, 1, c) do Estatuto dos Traballadores”.

Efectivamente, como ben recollía esta sentenza, a Lei 14/2011, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación define no seu artigo 21 o contrato predoutoral e especifica que “será de duración determinada” e que “terá por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novidoso”, sendo ademais requisito “ter sido admitido nun programa de doutoramento”. Definición e obxecto que casan perfectamente co primeiro dos supostos que recolle o artigo 15 do ET: “cando se contrate ao traballador para a realización dunha obra ou servizo determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e cuxa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta”.

Chegado este punto, preguntámonos como é posible que o TS non entenda que a realización dunha tese de doutoramento é, efectivamente, unha tarefa de investigación con autonomía e substantividade propia que, aínda que de duración incerta, está limitada no tempo. E que non entenda que é un traballo de pleno dereito, no que se está producindo e contribuíndo a incrementar o coñecemento. Un coñecemento que ademais se está transmitindo, valorizando e rentabilizando por parte da universidade e que repercute directamente na mellora e o avance da sociedade. E isto sen entrar a valorar todas as tarefas que, ademais da propia tese, fan estes e estas traballadoras durante a vixencia dos seus contratos. Porque calquera persoa que coñeza o traballo de investigación o entende; así o entendemos nós: e así o entendeu tamén o TSXG.

Temos por tanto que preguntarnos que pretende ou a quen quere contentar o TS con este exercicio de funambulismo anacrónico, no que parece querer devolvernos aos tempos das bolsas e dos contratos en prácticas. Uns tempos de precariedade que esta sociedade quere superar. E faino ademais adornándose con afirmacións como a de que o contrato predoutoral ten un “obxectivo formativo obvio”, ao tempo que basean a súa argumentación en que “se de buscar analoxías coas modalidades contractuais do ET se trata, faise verdadeiramente difícil acudir ao contrato para obra e servizo determinado e, polo contrario, sería o contrato en prácticas do art. 11 ET o que presentaría maiores similitudes” ou que “entende que o lexislador deseñou unha modalidade contractual, de carácter formativo, á que non atribuíu indemnización no momento da súa finalización”.

Pois ben, nós temos claro que non é así. De feito, non debe ter un obxectivo formativo tan obvio cando o TSXG afirmou rotundamente que non o tiña. Non debe ser tan difícil ver as similitudes co contrato de obra ou servizo cando o TSXG as veu tan claramente. Si debe ser difícil ver as similitudes co contrato en prácticas cando o TSXG veu claramente que non as había. E non debería facer falla tratar de imaxinar o que o lexislador pretendía cando xa especificou no artigo 21 da Lei 14/2011 que “o contrato terá por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novidoso”. É dicir, investigar, crear, producir e xerar novo coñecemento. Non formarse. De ter querido deseñar unha modalidade contractual de carácter formativo -pensamos nós- igual tería posto que “o contrato terá por obxecto formarse”. Pero non o fixo. Así que non debe ser ese o obxecto do contrato. E así o debeu entender tamén o TSXG. Parece obvio.

Por tanto, non podemos estar en máis desacordo con esta sentenza. Consideramos que tanto os argumentos empregados como as conclusións ás que se ten chegado son totalmente equivocados, impropios dos tempos actuais e prexudiciais para a investigación e o avance da sociedade, tanto en termos de dereitos laborais como no ansiado obxectivo de poder achegarnos á tan necesaria definición e implantación dunha carreira investigadora real e medianamente digna.

Preocúpannos, ademais, as formas e os aparentes intereses que parece haber detrás deste tipo de actuacións. Debemos lembrar que as persoas con contratos predoutorais si percibían antes a indemnización á finalización dos seus contratos, dereito que foi arrebatado por algúns centros e universidades -entre elas a Universidade de Santiago de Compostela-; mentres que outras a seguiron aboando. E debemos lembrar tamén que xa houbera un anterior intento por arrebatar este dereito mediante o cambio de codificación de contrato. Daquela, ante a repercusión que tivo e as mobilizacións que houbo, o ministerio competente e a CRUE tiveran que saír publicamente a negar a maior e acabaron rectificando. Porén, lamentablemente, agora si parecen máis preto de poder conseguilo. Estarán contentas aquelas persoas que sempre quixeron arrebatarnos este e outros dereitos. É moi triste que así sexa e hai que dicilo ben claro: sentímolo, pero non tedes gañado máis que a vergoña de ter aumentado o maltrato a un persoal que xa estaba bastante precarizado.

Sumado a isto, queremos lembrar que moitos destes centros e universidades locen o selo europeo HR de excelencia en investigación, co que se distingue ás entidades que tratan con respecto ao seu persoal investigador e fomentan a mellora das súas condicións. Recomendamos encarecidamente a lectura da Carta Europea do Investigador e o Código de conduta para a contratación de investigadores que hai que cumprir para obter e manter este selo. Sobre o recoñecemento da profesión, a carta expresa que “todos os investigadores que seguen unha carreira de investigación deben ser recoñecidos como profesionais e tratados en consecuencia. Isto debe comezar ao principio das súas carreiras, é dicir, a nivel de posgrao, e debe incluír todos os niveis independentemente da súa clasificación a nivel nacional”. Está así recollido como principio e esixencia. Aplíquese.

Pero non todo é malo. Afortunadamente, non todas as persoas pensan nin actúan así. Diso estamos ben seguras; vémolo a diario. E agradecemos enormemente o apoio e comprensión que nos achegan.

Igualmente, estamos seguras de que non imos dar por perdida esta loita. Así que facemos un chamamento claro e inequívoco a seguir loitando e reclamando por todas as vías posibles este e outros dereitos. Facemos un chamamento a todas as persoas e colectivos a seguir unidos na defensa destas reivindicacións. Facemos un chamamento aos centros e universidades que si respectan os dereitos laborais das súas traballadoras a seguir contemplándoos nos seus contratos. Facemos un chamamento aos sindicatos a seguir traballando por recuperar estes dereitos. E, se o problema é de interpretación do que “pretendía o lexislador”, facemos un chamamento ao Goberno, aos ministerios competentes e a todos os grupos políticos para que impulsen e apoien as necesarias reformas da lexislación; para que dunha vez por todas queden claros os dereitos do persoal investigador e non estean suxeitos a máis lamentables interpretacións.

Porque seguiremos loitando. Pola ciencia, pola investigación e polos dereitos de cada traballadora e traballador. Por todos e todas. Por unha sociedade mellor.



Versión en castelán