A Xunta dá un novo paso no desmantelamento do sistema de investigación pública en Galicia
O 4 de decembro de 2020, Feijoo dicía que a súa intención era “proxectar Galicia como un referente da ciencia e da investigación”, mais as súa bonitas palabras chocan coa dura realidade das investigadoras e investigadores de Galicia, que seguen expostos a condicións cada vez máis precarias e humillantes por parte dos poderes públicos.
Nos vindeiros días sairán publicadas no DOG as convocatorias predoutorais e posdoutorais (iniciación e continuación) da Xunta de Galicia para o 2021, cunhas modificacións substanciais das condicións que o colectivo investigador considera inadmisibles.
Na convocatoria predoutoral, a Xunta de Galicia non deixa claros os métodos de ponderación dos expedientes e recorta as posibilidades de dar docencia a 30 horas anuais (cando ata o de agora o máximo voluntario eran 60 horas e cando xa existe un Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación –EPIPF– que regula este punto).
Pero o retroceso máis claro obsérvase na convocatoria de Axudas á etapa de Formación Posdoutoral. En primeiro lugar, a convocatoria destas axudas correspondente ao ano 2020 víuse retrasada durante meses para, ao final, rematar cancelada, deixando no paro e nun baleiro de oportunidades a centos de investigadores e investigadoras de Galicia. Malia que a nova convocatoria posdoutoral anunciada o pasado 4 de xaneiro é unha boa nova, esta non cobre o número de axudas equivalentes á suma das convocatorias do ano 2020 e 2021, tal e como solicitamos ao Goberno repetidas veces. A Xunta de Galicia deixou ao sector da investigación sen alternativas posdoutorais durante unha anualidade enteira (2020) e negouse a blindar o número de prazas e duplicar o número de contratos para o 2021, desoíndo así as peticións do colectivo investigador galego e asestando un golpe de morte á investigación deste país no momento que máis necesitados estamos dela para saír da crise sanitaria e social actual. O desleixo da Xunta de Galicia polo sistema de investigación galego e as persoas que traballan nel vén de lonxe: seguindo unha recorrente política de recortes, que xa deixou a Galicia sen financiamento para proxectos de I+D+i desde o ano 2010, o Goberno non quixo convocar as axudas posdoutorais no 2010, no 2015 nin no 2020.
A eliminación das axudas posdoutorais do 2020 representa unha traba maior para aquelas persoas para as que o ano pasado constituía a última oportunidade de optar a estes contratos, xa que un dos requisitos para solicitalos se relaciona coa data límite de finalización dos estudos e de lectura de tese. A convocatoria posdoutoral anunciada pola Xunta de Galicia para o 2021 non trae consigo unha ampliación destes límites. Isto significa que unha parte do colectivo investigador que non tivo acceso a oportunidades durante o 2020 (pola non convocatoria de axudas) quedará excluída da convocatoria do 2021 (debido aos límites de finalización dos estudos). A ausencia dun calendario fixo e estable de convocatorias provocará máis retrasos e novos prexuízos para o colectivo posdoutoral: así, dado que esta vez as axudas posdoutorais van saír a principios de ano, todas as investigadoras e investigadores de Galicia que defendan a tese durante o 2021 deberán agardar ata 2022 para poder presentarse a unha axuda posdoutoral coa que continuar a súa carreira. E mentres tanto, engrosarán as listas do paro co desexo de que para o ano 2022 esas axudas se cheguen a convocar.
Mais isto non é todo. As axudas posdoutorais de iniciación veñen da man dun notable recorte de soldo sendo o salario dos investigadores e investigadoras que conforman o relevo e futuro da investigación en Galicia ata 10.000 euros menor que na anterior convocatoria. A este salario base sumaríanse complementos salariais só se o investigador ou a investigadora sae ao estranxeiro a completar o seu traballo e formación mediante estadías. Tendo en conta a pandemia mundial que estamos a vivir, non parece claro que tales estadías poidan ser efectuadas, polo que a lectura que sacamos é que a Xunta condena ao persoal que quede en Galicia para desenvolver o seu traballo a máis precariedade e abandono. Lonxe quedan as intencións de Feijoo por facer de Galicia un referente en ciencia e investigación. Máis ben, parecen querer expulsarnos canto antes do país.
A estas novidades negativas súmanselle prexuízos que datan de vello. A transparencia e as políticas en materia de igualdade son cuestións que a Xunta de Galicia segue sen solucionar. A Xunta non publica trala resolución das axudas quen formou parte das comisións de selección encargadas de puntuar as propostas e, no caso da modalidade posdoutoral de continuación, nin sequera se chega a desglosar con detalle que criterios e méritos se terán en conta na avaliación. A falta de transparencia e rigorosidade, como ben se sabe, pode favorecer procesos de atribución de contratos que non sexan éticos e a endogamia. Tampouco se observa progreso en materia de igualdade. Estas axudas carecen de políticas que garantan a igualdade de oportunidades, omisión que nos últimos anos vén sendo denunciada por parte de moitas investigadoras discriminadas polas súas maternidades.
Eliminación de convocatorias, recortes de soldo, falta de oportunidades e inestabilidade laboral son soamente algunhas das eivas que están detrás destas axudas para a contratación de persoal investigador anunciadas pola Xunta de Galicia. A investigación demostrou ser un dos sectores capaces de asegurar o progreso dun país, especialmente nun contexto pandémico como ao que hoxe nos enfrontamos. Ante esta situación, a Xunta dá un paso atrás nas súas políticas e confirma a súa falta de compromiso co sector. Realmente este é o camiño que permitirá un avance científico? O colectivo investigador ve inadmisible este retroceso e reclama, unha vez máis, un marco laboral digno, convocatorias estables e un horizonte de oportunidades seguro. Do contrario, fuga de cerebros, retraso científico e precariedade serán sinónimo de futuro na investigación en Galicia.
Un comentario en “Outro duro golpe máis para a investigación galega”
Os comentarios están pechados.