A AIC e InvestiGal organizan unhas xornadas en Santiago de Compostela sobre cultura laboral en investigación nunha iniciativa de ámbito estatal.
As inscricións para a modalidade presencial xa cubriron as 100 prazas ofertadas.
Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) co-organiza, xunto con InvestiGal, un ciclo de conferencias e actividades sobre cultura laboral en investigación no Centro de Formación da EDIUS (USC). As xornadas, que terán lugar o xoves 13 e o venres 14 de outubro, forman parte dunha iniciativa a nivel estatal “Jornadas de Cultura Laboral en Investigación” (J-CLI) coordinadas por Marea Roja de la Investigación, unha coordinadora de colectivos e asociacións da que InvestiGal e a AIC forman parte.
As xornadas de Santiago de Compostela serán as primeiras dun ciclo de tres xornadas que se completarán en Valencia (20 e 21 de outubro) e Madrid (27 de outubro). A asistencia ao evento pode ser tanto presencial coma online, e o número de prazas ofertado para a modalidade presencial (100) xa está cuberto.
Tal e como se recolle na páxina web do evento, o principal obxectivo das xornadas J-CLI é formar un foro social crítico para dar a coñecer os aspectos laborais e os dereitos do sector de ciencia e investigación, así como favorecer a concienciación colectiva e ofrecer unha canle de difusión e interacción dos distintos colectivos, asociacións e plataformas que representan ao persoal da investigación. Son unhas xornadas totalmente transversais e abertas, dirixidas aos distintos perfís profesionais que compoñen o tecido investigador. Nos diversos seminarios e paneis de debate falarase da lexislación laboral que afecta directamente á investigación e á carreira investigadora, do sistema de ciencia español, de igualdade no sector da investigación, de divulgación científica e tamén de saúde.
O programa de actividades comezará o xoves cos seguintes seminarios:
- “Como entender a nosa nómina” por María Ferreiro (AIC-USC)
- “Dereitos na investigación para dummies” por Álvaro Ordóñez (AIC-USC)
- “Postdoc, permadoc ou precadoc: que hai despois do doutoramento?” a cargo de Francisco Palazón (Federación de Jóvenes Investigadores)
- “Pódese salvar a nosa Ciencia? Algunas claves” a cargo de Moisés Canle (UDC)
O mesmo xoves rematará a xornada cun panel debate sobre dereitos laborais que estará moderado por Elena Lendoiro (InvestiGal). Na tarde/noite do xoves levaranse a cabo dúas actividades diferentes. Por unha banda, unha charla de divulgación científica a cargo de Eva Cabanelas e Andrea Muras (Ciencia Calidade), e un monólogo titulado “Non quero ser alarmista, pero esa rocha móvese” a cargo de Alejandro Gómez Pazo. A noite rematará cun concerto de Cris Román. Todo isto na Sala Riquela Club.
As xornadas pecharanse, na sede de Santiago, o venres pola mañá cun panel de debate sobre igualdade, no que participarán Vanessa Valdiglesias (InvestiGal), María de la Fuente, coordinadora do grupo de traballo en igualdade de InvestiGal, Agueda Gómez directora da Unidade de Igualdade da UVigo e AMIT, e cun seminario sobre saúde mental en investigación a cargo de Susana Rodríguez Martínez (UDC).