Cese da oferta do Mestrado en Matemáticas da USC

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) queremos manifestar o noso rexeitamento frontal á decisión da Secretaría Xeral de Universidades de impedir que a USC oferte o Mestrado en Matemáticas no curso 2025–2026.

Este mestrado é unha peza clave para a continuidade da investigación matemática en Galicia. É o único da súa especialidade no país, e leva máis dunha década sustentando liñas de investigación recoñecidas internacionalmente, formando investigadoras que hoxe contribúen á ciencia desde centros de prestixio en todo o mundo.

A súa supresión, sen informe técnico transparente nin criterios obxectivos coñecidos, é un ataque directo á investigación fundamental, á formación das investigadoras e á estructura básica do sistema científico galego.

Desde a AIC:

Esiximos á USC, e en particular á Vicerreitoría de Titulacións, que defenda publicamente o mestrado. Non se pode aceptar con silencio unha medida que erosiona as bases da investigación na nosa universidade.

As investigadoras galegas necesitamos mestrados sólidos, públicos e de calidade. O de Matemáticas da USC é un exemplo claro diso.

Non podemos permitir que o desmantelen.