Folga 11N

Materiais Folga

Carteis para pendurar nos centros:

Mensaxe automática para o correo electrónico ese día:

Este 11 de novembro secundo a folga xeral e apoio as súas demandas: dereito á vivenda, salarios dignos e servizos públicos de calidade.

This November 11, I’m joining the general strike and supporting its demands: the right to housing, decent wages, and quality public services

Información práctica sobre o dereito á folga

Quen pode facer folga?

Calquera persoa traballadora da universidade: investigadoras predoutorais, investigadoras posdoutorais, investigadoras a cargo a proxecto (colaboradoras, asociadas…), profesorado axudante doutor, profesorado contratado doutor, profesorado permanente laboral, profesorado titular de universidade, profesorado catedrático de universidade, persoal técnico, xestión, administración ou servizos, etc.

Non tes que estar afiliada a ningún sindicato. Facer folga é un dereito fundamental recollido no artigo 28.2 da Constitución.

(Nota: a única excepción son aquelas persoas recollidas na seguinte resolución reitoral pola cal se establecen os servizos mínimos: persoal de conserxería, rexistro xeral, secretaría da reitora, etc).

Teño que avisar á universidade de que vou facer folga?

Non é necesario nin obrigatorio comunicar ou informar a túa decisión persoal de facer folga. Podes decidilo o mesmo día. Simplemente, ese día non acudas a traballar.

Como podo facer para que conste que fixen folga (e me desconten o día)?

A obriga de verificar quen secunda a folga correspóndelle de xeito exclusivo á universidade, que debe realizar o control de asistencia polos seus propios medios. Ti non tes ningunha obriga legal de asinar listas, remitir partes nin autodeclarar a túa ausencia, nin antes nin despois da convocatoria.

Pregúntame a miña superior directa se vou facer folga…

Non estás obrigada a responder, nin á túa superior directa nin a ninguén. Podes responder con evasivas ou dicir que aínda non o decidiches.

Poden tomar represalias contra min, como, despedirme, deixarme de dirixir a tese ou sancionarme?

Non. É un dereito fundamental. Calquera represalia sería declarada nula polo tribunal correspondente.

Lembra que o único efecto legal da folga é o desconto salarial correspondente a esa xornada, o cal non constitúe ningunha sanción nin represalia (artigo 6.2 do RDL 17/1977).

Teño que recuperar as clases e titorías dese día? Pódenme obrigar a facelo?


NON. A folga é un dereito fundamental. Adiantar ou adiar as clases ou titorías dese día sería como non facer folga.

Teño que asistir a reunións ou comisións convocadas para ese día?

NON. A folga é un dereito fundamental. Non tes que atender ningunha obrigación académica, docente, investigadora ou de xestión.

Podo avisar ao estudantado de que non haberá clase?

Si, por cortesía podes trasladarlles que secundarás o paro para evitar que fagan viaxes innecesarias, mais non estás obrigada.

Pódenme substituír ese día?

Non. É ilegal (artigo 6.5 do Real Decreto-lei 17/1977).

Son estranxeira. Podo facer folga?

Si. A Lei Orgánica 4/2000 recoñece ás persoas estranxeiras o dereito de folga nas mesmas condicións que ás españolas (art. 11.2).

Non me deixan facer folga

Ponte en contacto de inmediato con algún dos sindicatos convocantes con representación no teu centro. Na USC: CIG, UXT e CCOO.