Dereito ao equipamento informático para a investigación

Cumprindo co pactado coa Asemblea de Investigadoras de Compostela, o pasado 23 de novembro o Consello de Goberno da USC modificou o regulamento de xestión e uso de espazos da universidade. A través deste cambio, formalizamos o dereito de todas as investigadoras cun vínculo laboral coa USC (predos, posdoc, investigadoras en proxectos, etc.) a dispoñer do equipamento necesario para a realización do seu labor, nomeadamente equipamento informático. Establécese que os decanatos e as direccións dos centros de investigación son responsables da aplicación desta nova norma.

Pese a nos parabenizar por este éxito parcial, cremos que aínda queda moito camiño por percorrer. Neste sentido, desde a AIC entendemos como fundamental:

  1. En primeiro lugar, asegurar a implementación deste dereito. Debemos estar atentas e vixiantes ante posibles incumprimentos das norma. Desde a USC existe o compromiso de facer seguimento a través de enquisas. A maiores, é importante que se algunha de nós detecta irregularidades o poña en coñecemento da Asemblea para poder actuar colectivamente.
  2. Así mesmo, debemos dar a batalla polo dereito a dispoñer do equipamento necesario para a investigación para todo o persoal investigador, incluídas aquelas persoas que investigan elaborando a súa tese sen contrato—entre o 75 e o 80% das doutorandas da USC.