Colaboración da USC con institucións israelitas

Desde a AIC queremos compartir a nosa posición ante a complicidade da USC co estado de Israel.

En numerosas ocasións, a AIC ten manifestado o seu posicionamento contrario a calquera trato da USC co estado de Israel, sumándonos ás convocatorias, mobilizacións e movementos en favor do pobo palestino e contra o xenocidio que está a sufrir. Defendemos a necesidade dunha universidade comprometida coa xustiza e os dereitos humanos, polo que estivemos traballando para promover a colaboración entre a USC e a UNRWA, así como para que a USC convidase a Husni Abdel Wahed, embaixador do Estado palestino en España, como xa se fixo noutras universidades. Estas son algunhas das poucas formas coas que, desde a universidade, podemos apoiar o pobo palestino, que está a sufrir un xenocidio. Lamentablemente, estas iniciativas non contaron coa acollida esperada por parte do equipo de goberno da USC e tiveron un resultado pouco frutífero.

Ademais, cómpre lembrar que, en maio de 2024, a CRUE, da que forma parte a USC, asinou o seguinte compromiso nunha declaración institucional fronte o xenocidio en Gaza:

“Revisar y, en su caso, suspender los acuerdos de colaboración con universidades y centros de investigación israelíes que no hayan expresado un firme compromiso con la paz y el cumplimiento del derecho internacional humanitario.”

Con todo, hoxe, 28 de maio, soubemos a través da prensa que a USC, xunto con outras universidades do Estado, continúa asinando convenios e colaborando con institucións israelís, como recolle o artigo das compañeiras de El Salto (Las universidades españolas han firmado veinte proyectos con Israel desde septiembre de 2024). Entre os proxectos asinados figura o Glucose variability patterns for precision nutrition in diabetes no que participa a USC e o Weizmann Institute of Science israelí. Esta institución non só non condeou o xenocidio senón que mantén programas específicos de estudo para os membros das forzas de defensa xenocidas de Israel, como denuncia o movemento BDS.

Ademais, o último informe da Red Universitaria por Palestina inclúe outros dous proxectos nos que a USC participa xunto con variasinstitucións israelís [1] [2], todos asinados con posterioridade ós compromisos de non colaboración tanto da CRUE citado anteriormente como os defendidos polo equipo de goberno fronte a comunidade universitaria e o Claustro:

“[A USC] Comprométese a non asinar novos convenios de colaboración, nin a manter ningún tipo de relación científica ou académica con universidades e institucións israelís, proxectos internacionais, grupos de investigación, investigadores e docentes que non asuman explicitamente os compromisos que figuran nesta declaración.”

Desde a AIC, queremos expresar o noso máis rotundo rexeitamento a estas colaboracións. Instamos ao equipo de goberno da USC a que manifeste un compromiso firme cos dereitos humanos e, en consecuencia, non continúe asinando convenios e mantendo relacións con institucións dun Estado que perpetra un xenocidio contra o pobo palestino.

Nós continuaremos alzando a voz, berrando alto e claro: Desde o río ata o mar, Palestina vencerá.