A AIC esixe a dimisión inmediata de José Alberto Díez de Castro pola súa xestión á fronte da Secretaría Xeral de Universidades

O día 2 de xullo de 2025 tivo lugar unha asemblea extraordinaria da AIC para tratar os últimos acontecementos relacionados coa decisión da Xunta de Galicia de suprimir o Mestrado en Matemáticas da USC. Nesta asemblea acordouse por unanimidade emitir a declaración que se describe nos seguintes parágrafos. 

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) queremos denunciar publicamente, con firmeza, a xestión autoritaria, opaca e lesiva que a Secretaría Xeral de Universidades (SXU) da Xunta de Galicia, baixo a responsabilidade de José Alberto Díez de Castro, está a impoñer no Sistema Universitario de Galicia (SUG). A recente decisión de suprimir o Máster en Matemáticas da USC —unha titulación de excelencia recoñecida e clave para o futuro da investigación en Galicia— foi adoptada sen base técnica ningunha, contradicindo abertamente os informes da ACSUG, o organismo que, segundo o propio Conselleiro, debe emitir as valoracións académicas. Este movemento non é só unha agresión directa contra a universidade pública, senón tamén un desprezo frontal polo coñecemento experto, o rigor institucional e a autonomía universitaria.

Pero este caso non é un feito illado. Ao contrario, representa só a punta do iceberg dunha política sostida de desmantelamento, desvalorización e control da educación superior pública. Entre outras actuacións recentes que denunciamos, queremos destacar a planificación deficiente das axudas predoutorais e posdoutorais, que obriga a moitas investigadoras a traballar con salarios precarios, ou incluso a traballar sen cobrar, como é o caso de moitas investigadoras predoutorais. Unha situación inxustificable que penaliza o avance na carreira investigadora e contribúe á fuga de talento.

Este modelo de xestión non só é ineficaz e desfasado, senón que fai retroceder décadas no avance dun sistema universitario público, igualitario e de calidade. A confianza da comunidade académica e investigadora na SXU está rota e os danos institucionais, laborais e humanos son xa moi fondos.

Por todo isto, exiximos a dimisión inmediata de José Alberto Díez de Castro. A súa permanencia á fronte da secretaría xeral é incompatible cun futuro digno para o SUG e representa un obstáculo insalvable para calquera intento serio de reconstruír a confianza e garantir o respecto pola universidade pública e polo seu persoal investigador.

Finalmente, anunciamos que a AIC levará este posicionamento á convocatoria extraordinaria do Consello de Goberno da USC a través da súa representación nese órgano. 

A universidade é pública, non dunha estrutura autoritaria sen control nin escoita. Xa abonda.