Insistiamos hai uns días na importancia da predicibilidade na carreira investigadora. Para garantir isto, como xa mencionamos noutras ocasións, é fundamental contar cun calendario de sistema de axudas estables e periódicas no tempo.
Deste xeito, poden producirse as transicións entre as distintas fases da carreira investigadora coas menores disrupcións posibles. En particular isto é especialmente importante nos inicios da carreira investigadora, na transición de investigadoras predoutorais a posdoutorais.
Por este motivo, nos países da nosa contorna hai convocatorias públicas, estables e periódicas no tempo dirixidas á mencionada transición. En Galicia, dispoñemos para este fin das Axudas Posdoutorais da Xunta de Galicia, que nos últimos anos están gozando de bastante protagonismo, aínda que non para ben.
Este ano académico parece que está a repetirse a historia do 2015: a Xunta aínda non convocou as axudas e non hai previsión de que as vaia convocar a curto prazo, a pesar de que xa o 1 de maio lle solicitabamos por rexistro a súa convocatoria.
As consecuencias máis inmediatas: máis de 50 profesionais da investigación irán á rúa e Galicia deixará de beneficiarse do seu traballo. As consecuencias máis a longo prazo: a fuga de talento e de capital humano. En palabras da nosa compañeira Laura Camino Plaza, “Hai unha precariedade estrutural que acabamos asumindo”.
Ante a situación, a AIC non pode quedar cos brazos cruzados, por iso convocaremos unha xuntanza de traballo para abordar este tema á que sodes todas benvidas. Estade atentas ás redes estes días, pois teredes máis novas nosas.