Todolos artigos de: aic

Emendas ás Liñas Xerais de Orzamento de 2024

Onte as nosas representantes no claustro da USC presentaron unha serie de emendas ás Liñas Xerais de Orzamento de 2024 conseguindo que se aprobase o seguinte:

1️⃣ Unha redución do prezo nas cafeterías da USC para toda a comunidade universitaria.
2️⃣ A extensión dos cursos de galego para non galegofalantes do CLM dende o nivel A1 ata o nivel C2.
3️⃣ O compromiso de comezar coa renovación e mellora do Pavillón polideportivo do Campus de Santiago.
4️⃣ O reforzo da unidade de Atención Psicolóxica pasando de 24 sesións semanais a 40.
5️⃣ O compromiso de convocar de forma inminente os contratos de iniciación á investigación do curso 2023-2024 e a súa resolución a principios de 2024 para que non volva darse a situación deste ano.
6️⃣ A convocatoria dos contratos predoutorais propios da USC de 2024 que xa eliminaran nestes orzamentos mais sen especificar o orzamento e número de contratos.

🇵🇸 Finalmente, a raíz dunha proposta da AIC, conseguiuse un posicionamiento da USC en contra do que está a acontecer en Palestina demandando o cesamento dos crimes de guerra, a fin do bloqueo humanitario e a retirada de tropas israelís en Gaza e Cisxordania. Esta declaración debería facerse pública na páxina web da USC.

✊ Estas boas novas reafirman a necesidade de ter representación no claustro e o resto de órganos de representación da USC. Xuntas somos máis fortes!

Relatorios sobre a nova Lei de Universidade (LOSU) e a corrupción vinculada á endogamia universitaria

O luns 12 de decembro ás 17.30h na Aula Magna da Facultade de Matemáticas contaremos con dous relatorios.

En marzo de 2021 os sindicatos maioritarios recibían do Secretario Xeral de Universidades o “Dossier de trabajo para una nueva Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU)”. Así se iniciaba, aínda co ministro Castells, a reforma da lei orgánica das universidades.

O proceso estivo marcado por unha gran falta de negociación coa parte social. Pasouse dun primeiro anteproxecto de agosto de 2021, a un suposto abandono da reforma da lei co cambio de ministro, a un novo anteproxecto en agosto de 2022.

Polos diferentes borradores da norma apareceron medidas en detrimento da democracia, como o mandato único de 6 anos; ou medidas en prol dunha maior transparencia e igualdade, como comisións externas nos procesos de selección de profesorado para evitar a endogamia; e tamén en detrimento das mesmas, como a eliminación da acreditación a Axudante Doutor. Daniel Cao, compañeiro da AIC e profesor na USC, falaranos ás 17.30h de todo isto, do que cambia e non cambia no último borrador da LOSU. O último anteproxecto atópase agora en proceso de tramitación no Congreso e é probable que vaia a pleno este mes de decembro.

Cada vez con máis frecuencia vemos noticias sobre casos de corrupción na universidades. O caso máis frecuente é o favorecemento dunha candidata “da casa” en favor doutra candidata “externa”. É por iso que unha das esixencias do persoal investigador e universitario cara a dita lei era o deseño dun sistema de selección de persoal máis transparente e libre de corruptelas. Algunhas propostas podemos atopalas na carta aberta da FJI-Precarios ao propio Ministro Subirats: publicación do baremo na convocatoria da praza, elixir os membros da comisión por sorteo e que parte deles sexan externos coa fin de evitar conflitos de intereses, adoptar un modelo único de CV, entre outros.

Disto versará o segundo relatorio, ás 18.30h, onde José Mateos, avogado e profesor asociado de dereito na Universidade de Murcia (UMU), nos falará dende o punto de vista profesional (xa que é avogado defensor de casos deste estilo) e tamén persoal (xa que tristemente viviu un caso nas súas carnes).

Vitoria! Recuperamos a convocatoria de mobilidade despois de máis dunha década

Hoxe publicouse por fin a convocatoria propia de axudas á mobilidade do persoal investigador que financia estadías, asistencia a congresos e actividades formativas. A recuperación desta convocatoria propia despois de máis de 10 anos sen existir é froito do traballo das claustrais da AIC. O financiamento da mesma, dotada de 25.000€, foi conseguido a través dunha emenda da asemblea no Claustro na tramitación dos orzamentos de 2022.

Lembremos que na tramitación dos orzamentos de 2021 tamén se conseguira a convocatoria propia de contratos predoutorais.

Agora mesmo comeza a negociación dos orzamentos de 2023. Fainos chegar as túas achegas 📧

Convocatoria Asemblea Extraordinaria

Data: 14 de xullo de 2022
Lugar: Facultade de Historia

A orde do día será a seguinte:

  1. Aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Informe da actividade recente:
    • Convocatoria propia de contratos predoutorais.
    • Docencia no doutoramento industrial
    • Pago da matrícula de doutoramento en febreiro
    • Axudas para viaxes de investigación (congresos)
    • Organización de charlas
  3. Outros asuntos en proceso.
  4. Renovación da Xunta Directiva.
  5. Renovación da Coordinadora.
  6. Propostas, rogos e preguntas.

Animádevos a vir e así compartir este espazo todas as compañeiras de AIC xuntas, para poder coñecernos e falar dos temas nos que xa se está a traballar e tamén de novas ideas e problemáticas que estean a pasar.

Se algunha persoa non pode acudir e quere tratar algún tema ou que se comente algunha cuestión en concreto, non dubidedes en escribirnos. Moitas grazas de antemán!

A AIC reproba o incumprimento dos prazos na resolución dos contratos predoutorais propios da USC

Unha das causas da precariedade na carreira investigadora ten a súa orixe no incumprimento dos prazos na adxudicación de contratos de investigación por parte das institucións. Moitas investigadoras están pendentes de convocatorias como esta para organizar a súa vida persoal e laboral. Este desleixo leva consigo, por exemplo, que as investigadoras intercalen períodos de tempo sen remuneración polo seu traballo ou situacións de estrés e incerteza innecesarias.

En marzo de 2021, grazas á labor do GdT de Axudas e de Claustrais da AIC conseguiamos a demanda histórica de recuperar a convocatoria propia de contratos predoutorais. A pesar de que a convocatoria estaba pensada para ser convocada antes do verán, indicouse que por sobrecarga dos servizos sería publicada en outubro e a sinatura de contratos en febreiro. A convocatoria non saíu publicada ata o 29 de decembro de 2021. Por aquel entón a web da convocatoria fixaba a resolución o 1 de marzo de 2022. Un día despois da data de resolución prevista, a USC atrasou a resolución ata o 1 de abril. Novamente manifestamos o noso malestar por outro retraso máis. Así mesmo, a conformación do tribunal aínda non tivera lugar antes desa primeira data, publicándose finalmente o 8 de marzo. De novo, o 1 de abril, a USC adiou a resolución ao 21 dese mesmo mes, data coa que tampouco cumpriu.       

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela reprobamos o incumprimento reiterado dos prazos na resolución dos contratos predoutorais propios da USC. Así mesmo, instamos á USC para que a resolución destes contratos teña lugar na segunite data fixada, o 29 de abril, e dunha maneira transparente. Deixen de xogar coa vida e saúde mental das máis de 197 persoas que concursan por estes contratos.