Contrato de traballo predoutoral USC

A AIC logra unha convocatoria predoutoral propia da USC

A AIC consegue incluir nas Liñas Xerais dos Orzamentos 2021 unha dotación orzamentaria para a contratación de investigadoras predoutorais.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou, con data 18 de marzo, o documento de Liñas Xerais dos Orzamentos 2021. Entre outras cuestións, o devandito escrito recolle, de modo xeral, os principais gastos a realizar pola institución previstos para esta anualidade.

A pesar de non figurar nun primeiro intre, o texto final inclúe dotación orzamentaria para a creación dun Programa piloto para a contratación de persoal investigador predoutoral da USC. Isto foi posible grazas a unha emenda presentada pola Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), a cal foi aprobada.

Dende AIC cremos que resulta obvia a necesidade urxente de tomar medidas coma o citado programa piloto. Segundo datos oficiais da propia universidade, na USC e no curso 20/21, pouco máis de 500 persoas se atopan realizando a tese con contrato, fronte a case 2000 que se atopan na situación contraria. É evidente que datos coma estes deberían ser obxecto de fonda reflexión e incitar á USC a apostar de xeito decidido pola investigación nos seus chanzos iniciais.

Dende AIC valoramos positivamente a aprobación da emenda presentada, mais esperamos que esta sexa, simplemente, a primeira medida de moitas para corrixir a situación de precariedade dos sectores da investigación da USC máis esquecidos ata o momento.