Arquivos da etiqueta: demora

Non máis demoras: pola convocatoria de contratos predoutorais na USC

A loita por unhas condicións dignas para as persoas investigadoras atravesa constantemente o percorrido da AIC. Xa hai 4 anos, denunciabamos o retraso nas convocatorias de contratos predoutorais da Xunta de Galicia1. Sinalabamos daquela que tales retrasos daban lugar a un proceso de segregación económica na investigación, propiciando “un importante abandono por parte das persoas que non poden sufragar os seus gastos e a precariedade daquelas que subsisten con escasos medios”, pois ao longo dos anos, a porcentaxe de investigadoras predoutorais da USC que obteñen un contrato a cargo destas convocatorias non chega ao 2%.

Pero non só amosaron ser insuficientes os contratos a cargo das convoctorias predoutorais da Xunta de Galicia. Desde que hai rexistro, a cantidade de persoal predoutoral que non dispón de ningún tipo de contrato na universidade supera o 70%. A realización dunha tese de doutoramento sen financiamento parece ser norma xeral dentro da USC. 

Tras anos de mobilización e traballo constante, no último debate orzamentario a AIC logrou que fosen aprobadas de novo partidas de gasto destinadas a financiar contratos predoutorais propios na USC. Trátase, en termos xerais, dun pequeno paso no camiño que alivia de maneira parcial a desastrosa situación herdada tras décadas de política universitaria infrafinanciada e baseada en criterios empresariais. Así mesmo, desde a AIC entendemos que debe tratarse dun paso cara unha investigación máis democrática, onde o financiamento da mesma sexa decidido baixo criterios académicos e non atendendo a se unha liña de investigación é máis ou menos rendible a curto prazo no mercado. É por iso que, na proposta realizada, entendemos como necesario compensar os nesgos observados nas convocatorias dos programas de contratación do Goberno central e a Xunta de Galicia cun programa que poida favorecer ás áreas de coñecemento e liñas de investigación estruturalmente máis prexudicadas. 

Tras a aprobación por unanimidade no Claustro destas axudas ás contratacións, faise necesaria a aprobación definitiva da súa convocatoria por parte do Equipo de Goberno. Neste sentido, desde a AIC observamos con preocupación como os tempos para facer efectiva esta conquista están a dilatarse, poñendo en perigo que os contratos poidan ser concretados ao comezo do vindeiro curso. Entendendo as dificultades técnicas que poidan ter que afrontar os diferentes servizos da universidade, sinalamos que o diálogo sobre o fondo da convocatoria está na actualidade paralizado. Así mesmo, preocúpanos a posibilidade de que finalmente os criterios para a adxudicación destes contratos non respondan ao espírito da proposta feita pola AIC na cal primaban, por enriba de todo, os criterios de carácter académico. A celeridade mostrada para a convocatoria de contratos de investigadoras distinguidas debe trasladarse tamén ao ámbito da investigación predoutoral.

É por iso que desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela entendemos que debemos continuar alerta e firmes para lograr na USC unha convocatoria de contratos predoutorais que responda a criterios científicos. Así mesmo, continuando co fío aberto na campaña #PorUnhaInvestigaciónDemocrática, seguiremos loitando pola mellora das condicións materiais das investigadoras. A participación, o traballo constante e a mobilización son chave para a conquista de novos dereitos e na construción dunha Universidade Digna. Mans á obra.

1 “Denuncian el abandono de investigadores por retrasos en las ayudas”: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2017/07/19/denuncian-abandono-investigadores-retrasos-ayudas/0003_201707S19C3992.htm