A USC fai negocio coa precarización

A Valedora do Pobo desmonta as escusas do Equipo de Goberno

© Valedor do Pobo

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) acaba de recibir da Comisión da Transparencia de Galicia -adscrita ao Valedor do Pobo- información que desmonta as escusas que o Equipo de Goberno da USC emprega para tratar de xustificar a situación de discriminación á que ten sometido a parte do persoal de investigación: a suposta falta de fondos.

Esta comisión estima a reclamación presentada pola AIC contra o silencio administrativo co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tratara de dar por resolta unha solicitude de información, presentada no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia, referente ao financiamento que recibe a Universidade de Santiago de Compostela no Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 por captación de talento investigador, produción científica, teses de doutoramento defendidas, etc. das persoas en etapa predoutoral. En concreto, preguntábase canto recibe a USC da parte variable dos indicadores relacionados directamente coas persoas investigadoras predoutorais e a que se destinan estes recursos.

Hai que lembrar que as persoas deste colectivo xa teñen cubertos os seus custes salariais polas axudas das correspondentes convocatorias públicas. Polo que estes son fondos extra percibidos pola USC a maiores, polo simple feito de ter captado a estas persoas e polo traballo que elas realizan (produción científica, teses, etc.).

Na súa resposta á Comisión da Transparencia, a Consellería trata de xustificar a dificultade -ou incluso imposibilidade- de obter toda a información solicitada, pero indica que “Tras realizar un traballo de elaboración, a Consellería pode obter certa información desagregada no indicador PGFU-02 (Captación de talento investigador), advertindo que este dato está referido unicamente a aqueles predoutorais captados en convocatorias ou programas competitivos e non a todos os matriculados nas universidades. De acordo co anterior, no cómputo para o plan no ano 2017 considérase que os ingresos obtidos pola Universidade de Santiago de Compostela para ese indicador son 1.356.810 €, dos 6.954.436 € asignados a dita Universidade por ese indicador”.

É dicir, mentres se lles negaba a estas persoas unha suba salarial de só 11,73 € ao mes -alegando non ter diñeiro-, a USC percibía por elas máis de 1,3 millóns de euros extra só por unha parte dun dos indicadores dese ano. É indignante.

Á pregunta de a que destina a USC estes recursos, a Consellería só responde que “no caso de que puideran determinarse de maneira exacta, sería un dato que tería que solicitarse á Universidade de Santiago de Compostela”.

Contesta a isto a Comisión da Transparencia resolvendo “Instar así mesmo á Consellería a que remita, de conformidade co disposto no artigo 19.1 da Lei 19/2013, a solicitude do interesado á Universidade de Santiago de Compostela a efectos de que esta institución lle informe sobre o destino dos referidos recursos”.

Seguimos agardando a que tanto a Consellería como a USC nos remitan a información completa para ver en canto aumentan estas cantidades pero, só coas xa coñecidas, damos por totalmente desmontadas as escusas que o actual Equipo de Goberno pon para non solucionar este problema. A conclusión é clara: a USC gaña diñeiro precarizando a estas persoas.

Reafirmamos con isto a necesidade de facer pública esta situación de discriminación, desprezo e malgasto. Situación coa que nos empurran a ter que seguir protestando e mobilizándonos.

As promesas incumpridas, as mentiras e as falsidades combátense con loita, datos e verdades.

Versión en castellano