Orde DOG Xoves, 13 de xuño de 2019

Postura da AIC sobre as axudas posdoutorais da Xunta de Galicia

As axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral da Xunta de Galicia son unha das principais inversións do goberno galego na consolidación de liñas investigadoras de doutoras recentes. O obxectivo destas axudas é a contratación das devanditas doutoras, de xeito que realicen parte da súa investigación nalgún centro de investigación no estranxeiro (fase de estadía) e outra parte de retorno nas universidades do SUG ou centros de investigación galegos (fase de retorno). De modo máis concreto, a convocatoria distingue entre dous tipos de axudas: A e B.

Para as axudas da modalidade A pode presentarse calquera persoa, sempre que cumpra unhas esixencias relativas ao tempo transcorrido dende a defensa da súa tese de doutoramento e dende a obtención da súa titulación de licenciatura, grao ou equivalente.

Para as axudas da modalidade B poden presentarse as persoas que fosen previamente receptoras dunha axuda da modalidade A, sempre que teñan rematado o devandito contrato e que conten cunha avaliación positiva no programa.

O anteriormente descrito é un resumo moi simple da parte máis básica do funcionamento da última convocatoria publicada hai unhas semanas. Para quen estea interesado en máis detalles, anexamos as ligazóns ás anteriores convocatorias ao final do documento.

De xeito moi esquemático, existen dous grandes problemas nestas convocatorias. O primeiro é que os alicerces sobre os que se edifican estas convocatorias son insuficientes. Esencialmente, todas as convocatorias consisten en pequenas modificacións da de 2016. Isto implica que as convocatorias novas seguen a arrastrar moitos dos defectos que estaban presentes nesta “primeira edición moderna” das posdoutorais da Xunta. En segundo lugar, estase a observar un empeoramento obxectivo nestas convocatorias, que ano tras ano ven reducidas as súas partidas e, consecuentemente, a cantidade de axudas ofertadas, ademais dun adiamento nas datas de publicación e concesión.

Entrando en materia, a convocatoria de 2016 recolle a delimitación dunhas zonas xeográficas que son utilizadas para fixar o salario a percibir polo posdoutoral na súa etapa de estadía, en función da zona na cal a realice. Loxicamente, isto resulta bastante sensato, pois non todos os países teñen o mesmo custo de vida. O problema aparece cando estas asignacións obedecen a criterios totalmente arbitrarios, facendo que o salario sexa menor en caso de traballar en Portugal ca en Bolivia ou Bulgaria cando, evidentemente, debera ser todo o contrario polo nivel do custo de vida. Este criterio irracional, que só se explica como froito da desidia máis absoluta, mantense dende 2016.

Como xa comentamos antes, existe unha tendencia descarada por parte da Xunta de Galicia a adiar as convocatorias ano tras ano. Algo que non se pode tolerar nin entender, agás que o obxectivo da Xunta sexa “saltarse” unha anualidade de convocatoria de axudas posdoutorais chegado o momento… Así, as datas de publicación da convocatoria en DOG son: 4 de marzo de 2016, 27 de abril de 2017, 24 de maio de 2018 e 13 de xuño de 2019.

Por se fose pouco, e este é talvez o dato máis preocupante, estamos a asistir a unha baixada desmesurada na cantidade de axudas na modalidade A. No ano 2016 convocábanse 55 axudas, mentres que en 2017 e 2018 a oferta viuse reducida a 51 por ano. Se ese movemento foi difícil de entender, antóllase aínda máis complicado dixerir que a oferta neste ano 2019 sexa de 46 axudas

Como colofón, a Xunta de Galicia decidiu que as solicitudes para a modalidade B se realizasen, nesta convocatoria, no mes de agosto. Mes no que, como é ben sabido, a administración é practicamente inhábil e os seus efectivos están reducidos ao mínimo.

A nosa opinión, dende a AIC, é clara: a Xunta de Galicia está a recortar os recursos invertidos en investigación, ademais de amosar un total desinterese por diversas condicións das axudas que non obedecen a ningún criterio racional. Unha perigosa combinación: precariedade e desidia.