Vitoria! O PFID xa recoñece os cursos da EDIUS sobre investigación

Certificado dun curso ofertado pola EDIUS co recoñecemento do PFID.

Hoxe é un día especial para AIC. Case tres anos despois da nosa fundación, logramos ver plasmada unha das nosas primeiras reivindicacións como colectivo; amosando que, se hai vontade, pódese.

Como algúns saberedes, os cursos do Programa de Formación e Innovación Docente (PFID) son unha ferramenta de interese para manter ao persoal investigador e docente da USC actualizado en diversas temáticas, ademais dun mérito relevante na avaliación dos investigadores, nos concursos ou nalgunhas oposicións. A matrícula destes cursos está aberta para os doutorandos sen contrato predoutoral mais, na práctica, resultaba imposible optar a eles, xa que as prazas son limitadas e se priorizan as inscricións do persoal con docencia.

O noso logro é simple. Despois de moito esforzo e negociación, logramos:

  • Un aumento da oferta de cursos con temática orientada á investigación. Estes cursos son ofertados pola EDIUS, a matrícula é libre e esta realízase simplemente por orde de inscripción.
  • A implantación do dobre recoñecemento da EDIUS e do PFID para estes cursos, de xeito que nos permita aos doutorandos sen contrato ter os mesmos dereitos, e poder obter os mesmos méritos, ca os contratados predoutorais neste eido.

Seguimos avanzando!