O Real Decreto Lei 11/2020 do 31 de marzo declarou unha serie de medidas urxentes a adoptar pola crise do COVID-19. Concretamente, a súa disposición adicional decimoterceira leva por título “Regras aplicables aos contratos de traballo subscritos con cargo a financiamento de convocatorias públicas de recursos humanos no eido da investigación e da integración de persoal contratado no Sistema Nacional de Saúde”.
De xeito esquemático, este apartado prevé posibilidade de prórroga dos contratos de traballo vencellados á investigación, previo acordo entre a entidade contratante e o contratado, no caso de cumprirse dúas condicións:
- Que dito contrato estea financiado con cargo a unha convocatoria pública de recursos humanos de índole estatal.
- Que, durante algún momento da vixencia do Estado de Alarma, reste menos dun ano para a data de finalización do devandito contrato.
Así mesmo, o texto indica que o financiamento adicional para dita prórroga correrá a cargo da entidade responsable da convocatoria pública, a cal terá a capacidade necesaria de modificación orzamentaria para cumprir con esta obriga.
En particular, os contratos predoutorais e posdoutorais obtidos en convocatorias públicas estatais quedan afectados por esta disposición adicional. Isto inclúe a diversas convocatorias, asociadas a distintos niveis da etapa investigadora, como son as FPU, FPI, Juan de la Cierva ou Ramón y Cajal.
No caso particular de convocatorias públicas autonómicas, cabe destacar aos diversos programas da Xunta de Galicia como as Axudas Predoutorais e as Axudas Posdoutorais nas súas dúas modalidades A e B. Non obstante, estas convocatorias non están afectadas polo Real Decreto anterior, ao non ser un programa estatal. Isto non quita que, evidentemente, resulte igual de necesario que a Xunta de Galicia faga extensiva esta aplicación aos seus programas de financiamento de contratación en investigación.
A Xunta de Galicia ten a capacidade xurídica necesaria para elaborar e publicar unha normativa autonómica semellante á do citado Real Decreto. Moito persoal investigador galego fica esperando se, ademais da capacidade, ten a vontade. Así mesmo, pensamos que a Xunta debería facer esta normativa extensiva a todos os seus contratados, independentemente ao tempo que lles reste para finalizar contrato. O motivo é obvio; o período de inactividade afecta a todo o mundo por igual, independentemente do período restante de contrato.
Tamén cómpre recordar que esta iniciativa non é exclusiva do Goberno de España, o cal amosa a necesidade de implementar estas medidas, pois outros países coma Portugal xa prorrogaron hai semanas todos os contratos predoutorais durante un mes (ver aquí).
Esiximos, polo tanto, a inclusión no ámbito do citado Real Decreto de todos os contratos de investigación financiados con fondos públicos estatais, independentemente da súa data de finalización. Igualmente, esiximos a elaboración dunha normativa análoga por parte da Xunta de Galicia, que non deixe en desigualdade de condicións a unha parte moi relevante do persoal investigador autonómico.
Finalmente, gustaríanos lembrar que nestes días está quedando especialmente patente que unha investigación digna e de calidade constitúe un piar fundamental para o desenvolvemento pleno como sociedade. O coidado pola investigación trae progreso; os recortes, miseria.