As bolsas de investigación da Deputación de Coruña obrigan a traballar sen un contrato laboral
A principios de setembro coñecíamos a situación da investigadora Pilar Picallos, a quen lle esixen devolver a cantidade íntegra dunha bolsa de 6.000 euros da Deputación da Coruña, con recargos e intereses, tras renunciar a ela por ter conseguido un contrato de 3 anos no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Con todo, a investigadora traballou durante tres meses ao amparo da bolsa, e mesmo conseguiu publicar un artigo científico nunha revista internacional mencionando dita financiación nos agradecementos.
As bolsas de investigación da Deputación da Coruña, dun ano de duración e unha cuantía total de 8.000 euros, son incompatibles con calquera outra bolsa ou cun contrato laboral (a excepción de servizos esporádicos cunha duración total acumulada non superior a 720 horas). Este foi o motivo polo que a investigadora renunciou a ela unha vez que foi contratada a tempo completo no IDIS. Se ben o lóxico tería sido que a Deputación da Coruña contemplase o tempo traballado pola investigadora ao abeiro da súa bolsa de investigación e lle reclamase só a parte proporcional non gozada trala súa renuncia, a situación actual á que se enfronta Pilar Picallos é de todo menos racional.
Desde a AIC queremos mostrar todo o noso apoio á investigadora e visibilizar a precariedade e indefensión ás que está sometido o colectivo investigador en Galicia. Aínda que as bolsas da Deputación da Coruña pretenden ser un incentivo para a investigación galega, a fórmula baixo a que se convocan é de por si moi cuestionable:
- Son bolsas, non contratos de traballo, polo que non existe ningún dereito laboral: non se cotiza, non hai dereito a prestación por desemprego, etc.
- A súa cuantía, resultando incompatible cun traballo estable, fomenta a precariedade obrigando a ter que subsistir durante todo un ano con pouco máis do que a bolsa outorga.
- Ademáis, tal e como se pode comprobar a partir do caso da propia Pilar Picallos, acaban supoñendo un atranco para desenvolverse profesionalmente no sector da investigación de maneira digna e con garantías.
Esiximos unha revisión das condicións destas bolsas para que deixen de precarizar a investigación en Galicia volvéndoas contratos de traballo ou, no peor dos casos, permitindo certa compatibilidade para asegurar así que a investigadora conte cuns ingresos mínimos que aseguren unha calidade de vida non precaria.
Outras condicións, coma o recente imposto límite de idade para optar a elas, deben ser tamén revisados para non deixar sen opcións, dun ano para outro, a xente que leva tempo planificando a súa traxectoria para pedilas.