Vitoria! As doutorandas poderán simultanear o doutoramento con estudos de grao e mestrado

No Consello de Goberno celebrado o venres día 24 de xullo aprobouse, entre outros documentos, o Regulamento dos Estudos de Doutoramento da USC. Na AIC levamos moito tempo pelexando pola posibilidade de que as doutorandas da USC, independentemente de traballar na súa tese, poidan cursar algún grao ou mestrado na mesma ou noutras universidades.

Por este motivo, estamos contentas de vos informar que conseguimos que o novo Regulamento dos Estudos de Doutoramento (Artigo 19) contemple a posibilidade de simultanear o doutoramento e outros estudos de grao/mestrado, mesmo para aquelas investigadoras predoutorais contratadas.

Artigo 19. Simultaneidade de estudos oficiais
1. Permítese a simultaneidade da matrícula nun programa de doutoramento coa matrícula noutros estudos universitarios oficiais (grao e/ou mestrado universitario), cun máximo de 90 ECTS. Para estes efectos, a matrícula nun programa de doutoramento a tempo completo será equivalente a 60 ECTS mentres que a tempo parcial o será a 30 ECTS.
2. Non se poderá realizar a matrícula simultánea en dous programas de doutoramento.

A dedicación a tempo completo ao doutoramento, debido ao seu cómputo como 60 ECTS, só é compatible cun máximo de 30 ECTS de estudos de grao ou mestrado adicionais. No caso de dedicarse a tempo parcial ao doutoramento, será posible cursar ata 60 ECTS de grao ou mestrado.

En relación co indicado anteriormente, neste novo regulamento inclúese como unha posible xustificación para solicitar o tempo parcial no doutoramentoa simultaneidade con outros estudos nos que se estea matriculado de 60 ECTS”. Desta maneira, as persoas que queiran compatibilizar o doutoramento con outros estudos de grao ou mestrado (e non teñan unha relación contractual que as obrigue a cursar o doutoramento a tempo completo), terán a posibilidade de realizar o doutoramento a 30 ECTS e o grao/mestrado a 60 ECTS.

Finalmente, queremos aclarar que, se tes un contrato de traballo, a simultaneidade nos estudos non entra en conflito coas cláusulas de exclusividade laboral firmadas coa USC.