Muller traballando estresada

A carreira investigadora en Galicia: discontinuidade e precariedade

Hai uns días publicábase en La Voz de Galicia un artigo no que se exaltaba o Programa de Atracción e  Retención do Talento científico en Galicia promovido pola Xunta. Mediante o devandito programa incorporaranse ao Sistema Universitario de Galicia 15 investigadores/as coa categoría de Persoal Investigador Distinguido. Destas 15 axudas, 5 estarán destinadas a investigadores/as que xa desenvolven a súa labor en Galicia, mentres que as 10 restantes serán destinadas a captar investigadores/as procedentes doutras universidades. Dende a AIC queremos resaltar que este programa non supón mellora significativa na carreira investigadora en Galicia, a cal, ao contrario do que suxire a nova, non transcorre de forma continua e segura, senón chea de atrancos, paróns e inseguridades.

Por un lado, ao longo dos distintos chanzos desta carreira, o número de axudas que se convocan é cada vez menor, provocando que gran parte do persoal investigador teña que abandonar a labor investigadora. O primeiro destes filtros sucede entre a etapa predoutoral e posdoutoral, cando, das poucas investigadoras que comezan a etapa predoutoral cun contrato da Xunta (en torno a 100 cada ano), menos da metade desfrutarán dun contrato na primeira etapa posdoutoral (modalidade A). Estas axudas aínda se reducen de forma máis acentuada na segunda etapa (modalidade B), podendo continuar na carreira investigadora soamente 20 das investigadoras posdoutorais anteriores. No seguinte chanzo, soamente 15 investigadoras poderían desfrutar destas novas axudas para Persoal Investigador Distinguido, destinando soamente 5 delas ao persoal investigador que desenvolve a súa labor en Galicia.

Ademais, non existe un calendario de convocatorias estable, derivando isto en importantes variacións de ano en ano que dan lugar a longos paróns e inseguridades entre cada unha das etapas. Proba disto é que a Xunta decidiu non convocar as axudas posdoutorais da modalidade B correspondentes ao ano 2020. Esta falla de convocatoria xa aconteceu en 2010 e 2015, repetíndose este patrón cada 5 anos. Finalmente, este Programa de Atracción e Retención do Talento científico en Galicia non asegura unha estabilización do persoal investigador que leva anos formándose, xa que se trata dun contrato de tan só 4 anos.

Dende a AIC consideramos que a convocatoria de Investigadores Distinguidos non resolve as problemáticas ás que se ven enfrontando o sector dende fai anos: precariedade, falta de estabilización e de oportunidades, incerteza ante a periodicidade das convocatorias e, sobre todo, ausencia dun futuro seguro para a súa labor profesional. Por todo o anterior e agora máis que nunca, debemos xuntar forzas, visibilizar as graves deficiencias da carreira investigadora en Galicia e reclamar á Xunta respostas reais que abran un horizonte digno para o colectivo.  Non é tempo de parches Sr. Feijoo, senón de solucións e compromisos!