A semana pasada mantivemos dúas reunións coa Secretaría Xeral de Universidades e a Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria para debater sobre as axudas predoutorais e posdoutorais convocadas pola Xunta de Galicia e pola Axencia Galega de Innovación.
Agradecemos e damos a benvida a este diálogo. Con todo, consideramos que este debe traducirse nun compromiso coas propostas alí debatidas. A continuación enumerámosvos cales foron as nosas demandas:
- Implementar medidas de xénero que permitan acadar unha igualdade real de oportunidades nas convocatorias predoutorais e posdoutorais.
- Aumentar o factor de corrección contemplado en casos de interrupción por nacemento, embarazo, etc. nas axudas para completar a formación posdoutoral; sumalo independentemente de acadar a puntuación mínima e extender esta medida ás axudas predoutorais e posdoutoral de iniciación.
- Permitir ás investigadoras que interromperon os contratos por permiso maternal presentarse nesta convocatoria de axudas para completar a formación posdoutoral e na de 2022.
- Regular e dar resposta aos casos das investigadoras que por mor das interrupcións por maternidade rematan as axudas para a iniciar a formación posdoutoral fóra do prazo de solicitude das axudas para completar a formación posdoutoral.
- Establecer unha dotación orzamentaria e un calendario de axudas estable, cunha publicación regular das convocatorias.
- Recuperar o salario base anterior nas axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral.
- Revertir o límite anual de horas de docencia: permitir un máximo de 60 horas anuais como en anteriores convocatorias (e adaptándose ao EPIPF) no caso das predoutorais e un máximo de 80 horas anuais nas posdoutorais como factor de igualdade con relación ás anteriores convocatorias.
- Publicar, tras o procedemento de avaliación, a composición das Comisións de Selección, tanto de persoas expertas como de persoas en representación das institucións públicas, para as tres convocatorias.
- Maior transparencia nos criterios de avaliación das axudas para completar a formación posdoutoral: aclarar que méritos/obxectivos se valoran en cada un dos tres apartados (Plan de traballo, CV, capacidade de liderado) e as puntuacións concretas.
- Eliminar o requisito que obriga ás persoas solicitantes das axudas predoutorais a estar matriculadas previamente nun programa de doutoramento e reinstaurar o sistema de ponderación da nota media do expediente académico de cara á avaliación destas axudas.
- Modificar as datas límite de finalización de grao, licenciatura ou equivalentes e de lectura da tese establecidas para optar ás axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral do 2021. En concreto, permitir solicitar estas axudas ás persoas que leron a tese no 2015.
- Cambiar a valoración das axudas predoutorais no apartado referente á dirección da tese: non puntuar só a categoría do grupo de investigación e ter en conta tamén outros méritos do/a director/a. Deste xeito, realizar a tese en grupos de menor rango non supón partir con desvantaxe.
- Garantir un equilibro entre ramas de coñecemento: aumentar o nº mínimo de axudas por rama, asegurar un equilibrio entre disciplinas nas axudas para completar a formación posdoutoral e respetar os mínimos para cada rama na elaboración das listas de agarda das tres convocatorias.
- Manter un diálogo constante entre as institucións convocantes das axudas e o colectivo investigador. Escoitar á comunidade investigadora nunca foi tan urxente. A oportunidade para debater facilitada nesta ocasión debe ter continuidade.
Agardamos que o diálogo mantido coa Secretaría Xeral de Universidades non quede no esquecemento. Reclamamos á Xunta de Galicia e ao GAIN atender as nosas propostas e dar resposta ás necesidades actuais da investigación en Galicia. É hora de transformar as palabras en compromisos.