Resumo das reunións coa Xunta para debater sobre as axudas pre- e posdoutorais

A semana pasada mantivemos dúas reunións coa Secretaría Xeral de Universidades e a Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria para debater sobre as axudas predoutorais e posdoutorais convocadas pola Xunta de Galicia e pola Axencia Galega de Innovación.

Agradecemos e damos a benvida a este diálogo. Con todo, consideramos que este debe traducirse nun compromiso coas propostas alí debatidas. A continuación enumerámosvos cales foron as nosas demandas:

  1. Implementar medidas de xénero que permitan acadar unha igualdade real de oportunidades nas convocatorias predoutorais e posdoutorais.
  2. Aumentar o factor de corrección contemplado en casos de interrupción por nacemento, embarazo, etc. nas axudas para completar a formación posdoutoral; sumalo independentemente de acadar a puntuación mínima e extender esta medida ás axudas predoutorais e posdoutoral de iniciación.
  3. Permitir ás investigadoras que interromperon os contratos por permiso maternal presentarse nesta convocatoria de axudas para completar a formación posdoutoral e na de 2022.
  4. Regular e dar resposta aos casos das investigadoras que por mor das interrupcións por maternidade rematan as axudas para a iniciar a formación posdoutoral fóra do prazo de solicitude das axudas para completar a formación posdoutoral.
  5. Establecer unha dotación orzamentaria e un calendario de axudas estable, cunha publicación regular das convocatorias.
  6. Recuperar o salario base anterior nas axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral. 
  7. Revertir o límite anual de horas de docencia: permitir un máximo de 60 horas anuais como en anteriores convocatorias (e adaptándose ao EPIPF) no caso das predoutorais e un máximo de 80 horas anuais nas posdoutorais como factor de igualdade con relación ás anteriores convocatorias.
  8. Publicar, tras o procedemento de avaliación, a composición das Comisións de Selección, tanto de persoas expertas como de persoas en representación das institucións públicas, para as tres convocatorias.
  9. Maior transparencia nos criterios de avaliación das axudas para completar a formación posdoutoral: aclarar que méritos/obxectivos se valoran en cada un dos tres apartados (Plan de traballo, CV, capacidade de liderado) e as puntuacións concretas.
  10. Eliminar o requisito que obriga ás persoas solicitantes das axudas predoutorais a estar matriculadas previamente nun programa de doutoramento e reinstaurar o sistema de ponderación da nota media do expediente académico de cara á avaliación destas axudas.
  11. Modificar as datas límite de finalización de grao, licenciatura ou equivalentes e de lectura da tese establecidas para optar ás axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral do 2021. En concreto, permitir solicitar estas axudas ás persoas que leron a tese no 2015.
  12. Cambiar a valoración das axudas predoutorais no apartado referente á dirección da tese: non puntuar só a categoría do grupo de investigación e ter en conta tamén outros méritos do/a director/a. Deste xeito, realizar a tese en grupos de menor rango non supón partir con desvantaxe.
  13. Garantir un equilibro entre ramas de coñecemento: aumentar o nº mínimo de axudas por rama, asegurar un equilibrio entre disciplinas nas axudas para completar a formación posdoutoral e respetar os mínimos para cada rama na elaboración das listas de agarda das tres convocatorias.
  14. Manter un diálogo constante entre as institucións convocantes das axudas e o colectivo investigador. Escoitar á comunidade investigadora nunca foi tan urxente. A oportunidade para debater facilitada nesta ocasión debe ter continuidade. 

Agardamos que o diálogo mantido coa Secretaría Xeral de Universidades non quede no esquecemento. Reclamamos á Xunta de Galicia e ao GAIN atender as nosas propostas e dar resposta ás necesidades actuais da investigación en Galicia. É hora de transformar as palabras en compromisos.