Unha vitoria que se traduce en melloras nos contratos da Xunta!

Tras diversas reunións e contactos da AIC co SUG durante estes anos, semella que por fin as cousas están empezando a mudar. Non podemos estar máis satisfeitas de poder anunciar algunhas das novidades máis relevantes das novas convocatorias de axudas predoutorais e posdoutorais da Xunta de Galicia que atenden a algunhas das peticións da Asemblea. Esta pequena conquista, non só da AIC senón de todas as investigadoras, é unha proba de que a unión fai a forza e de que loitando xuntas temos a capacidade de conseguir unha universidade máis democrática.

Melloras na convocatoria PREDOUTORAL

Compromiso de matrícula

Elimínase a obriga de estar matriculada no doutoramento para pedir a axuda, en favor dun “compromiso de matrícula”; esta matrícula deberá estar formalizada antes de asinar o contrato. Isto posibilita que se poida solicitar a axuda estando en mestrado e tamén que ninguén se vexa forzada a matricularse nun programa de doutoramento sen saber de antemán se vai poder ter un contrato a través desta axuda predoutoral. Satisfaise así unha das demandas históricas da AIC.

Somos conscientes de que este cambio, a pesar de que cremos que é moi positivo, dá lugar a un aumento da concorrencia nesta primeira convocatoria. Consideramos necesario e solicitamos que esta situación excepcional fora compensada con algún tipo de medida puntual coma unha duplicación de prazas ou unha dobre convocatoria, mais, a pesar da nosa insistencia, non logramos que se adoptase ningunha actuación neste sentido.

Duración da axuda predoutoral

O contrato predoutoral financiado mediante unha axuda da Xunta de Galicia pasa a ter catro anos de duración, en vez de tres anos, como ata o de agora. Entra así en sintonía co máximo legal previsto no EPIPF e emula as condicións doutras convocatorias predoutorais como as FPU ou FPI. Ademais do avance que supón ter un ano máis para realizar a tese con financiamento, convén sinalar que este último ano ten unha maior retribución económica ca os anteriores, en virtude das cantidades dispostas no EPIPF.

Pago do importe da matrícula de doutoramento

A axuda levará incluído o importe da matrícula de doutoramento, como xa ocorría noutras convocatorias predoutorais como a FPU ou FPI.

Período de capacitación para a formación posdoutoral dun ano

Aquelas persoas que obteñan o título de doutor ou doutora antes do inicio do último ano de contrato poderán acceder a un novo contrato de capacitación para a formación posdoutoral cun máximo dun ano de duracion.

Docencia

Tal e como se solicitou dende a AIC, as axudas predoutorais volven ao máximo de 60 horas de docencia por ano (acumulable ata 180 horas). De novo, isto supón unha homoxeneización entre estas axudas e as FPU, FPI, así como co disposto no EPIPF. 

Estadía

A estadía financiada pola axuda predoutoral realizarase entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de outubro de 2024, un ano máis tarde que de costume; é dicir, entre algo máis dun e dous anos da sinatura do contrato. Esta circunstancia vén posibilitada polo feito de que as axudas dispoñan agora dun ano máis de duración. Este cambio proporciona unhas datas máis razoables para facer a estadía, tendo en conta que, anteriormente, resultaba obrigatorio realizala cunha marxe inferior a un ano dende a sinatura do contrato. En particular, e con relativa frecuencia, a premura forzada na data da estadía implicaba a realización da mesma nunha fase da tese aínda moi incipiente.

Melloras na convocatoria POSDOUTORAL

Estadía

No caso das axudas posdoutorais, en liña coa convocatoria anterior, posibilítase un período de estadía de entre un e dous anos, desaparecendo a obriga dunha estadía de dous anos das convocatorias anteriores á pandemia.

Medidas de cuestións relativas a xénero

Introdúcese un factor corrector que afecta aos cinco anos anteriores á obtención do título de doutora. Este factor só resulta aplicable ás situacións nas que se producise unha baixa ou permiso que poida ser debidamente acreditada e derivada de situacións de maternidade/paternidade, adopción, risco durante o embarazo ou violencia de xénero.


Así como consideramos que estas convocatorias contan con substanciais melloras con respecto ás anteriores, tamén hai novidades que consideramos que poden ser perxudiciais para os solicitantes das axudas predoutorais:

Resolución en dúas fases. Esta nova convocatoria resolverase en dúas fases. Na primeira delas seleccionaranse 306 solicitudes baseándose unicamente na nota media, agás no caso de empate, no que se podería exceder ese número. Só será na segunda fase na que se terán en conta aspectos coma o proxecto de tese, méritos académicos doutro tipo, etc. Este novo procedemento está inspirado no sistema de preselección nas axudas FPU, na cal a proporción entre axudas ofertadas e solicitudes recibidas é amplamente superior ao que sucede nas predoutorais da Xunta. Neste sentido, entendemos que esa primeira fase supón un cribado innecesario que descarta automaticamente a persoas cunha nota media máis baixa, mais que puidesen presentar proxectos de tese de alta valoración nos outros apartados.

Atraso da data de sinatura dos contratos. Anúnciase a sinatura dos contratos para o 1 de decembro, de xeito que se atrasa a data con respecto á convocatoria anterior, que se producira a finais de xuño. Dada a posibilidade de poder solicitar estas axudas durante o mestrado, asumimos a consecuencia natural, pero indesexada, de pospoñer a sinatura do contrato ata o momento de matrícula no doutoramento (mediados de outubro), mais non entendemos por que se adía máis aló (ata decembro). A maiores, a finalidade da medida da aceptación da prematrícula é que unha persoa que valore se entrar (ou non) nun programa de doutoramento saiba se vai ter unha axuda que financie a súa investigación. Entón, para que esta medida teña sentido, sería necesaria a publicación da resolución provisional das axudas antes do período de matrícula en doutoramento.

Existen tamén características herdadas doutras convocatorias que seguen a afondar en desigualdades existentes previamente e agravar as deficiencias do sistema, coma os criterios de valoración que non atenden a intereses académicos, a inexistencia dun factor de corrección por baixa por maternidade nas axudas predoutorais, a redución a 30 horas anuais de docencia nas axudas posdoutorais ou as notas medias non normalizadas segundo titulacións, entre outros.

Seguiremos pendentes e analizando polo miúdo as convocatorias.