A USC incluirá no cómputo dos trienios os períodos relativos a vacacións non desfrutadas.

Un dereito básico de toda persoa traballadora é o de desfrutar de vacacións segundo o disposto na lexislación e normativas aplicables. No caso de que o contrato remate e a persoa traballadora non puidera desfrutar de todas as vacacións que lle correspondían, esta ten dereito a un período adicional de cotización na Seguridade Social. Este período é en concepto de “vacacións non desfrutadas” e implica todos os dereitos imaxinables dunha cotización estándar na Seguridade Social, ademais do pago do salario relativo a eses días.

En consecuencia, e ao igual que no caso das vacacións ordinarias, semella lóxico que este período tamén compute a efectos de antigüidade para solicitar trienios. Certamente, estamos a falar dun período que en condicións normais debería de ter formado parte do contrato da persoa traballadora (de feito, como parte das súas vacacións). A lectura da AIC é que negar que as vacacións non desfrutadas computen para trienios equivale a negar que os meses de vacacións dunha persoa traballadora non sumen antigüidade.

A pesar de todo isto, a USC non recoñecía este tempo de vacacións non desfrutadas como un período válido para incluílo no cómputo de trienios. Esta postura, ademais de ilóxica, resultaba tremendamente difícil de explicar, pois existía sentada xurisprudencia a este respecto e a favor das persoas traballadoras. Por exemplo, no caso do ensino secundario a cuestión foi xa dirimida e resolta no ano 2017 como pode verse aquí.

Tras un ano de reclamacións de varias persoas da USC, entre elas un compañeiro da AIC, a propia USC acaba de confirmarnos que rectificará a súa postura. Tristemente, esta rectificación non provén dun diálogo ou acordo, senón do resultado dun novo litixio. Neste sentido, queremos agradecer á persoa que demandou esta cuestión a súa perseveranza para a consecución deste dereito ante a negativa inicial da USC. Tamén queremos condenar a actitude da USC, que parece amosar, novamente, que a vía xudicial é a única linguaxe que entende para a consecución de dereitos obvios e xa logrados noutras administracións.

Finalmente, a USC recoñece, tamén, que en canto a sentenza sexa firme e se proceda á súa execución xudicial (ao abeiro da resolución reitoral elaborada a tal efecto) serán recoñecidos os períodos de vacacións non desfrutadas alegados polas persoas reclamantes. É entón importante que, no caso do resto das persoas que teñan períodos de vacacións non desfrutadas, estas as fagan constar nunha nova solicitude de trienios. No caso de que este período tivese lugar nunha entidade distinta da USC, será necesario acreditar a circunstancia dalgún modo, por exemplo, a partir do certificado da vida laboral que se pode obter da web da Seguridade Social que indica sempre tal situación.