A década perdida en investigación

As políticas en investigación da Xunta imposibilitan o
desenvolvemento de Galicia e condénana ao atraso económico

“En Galicia estase a maltratar e destruír o tecido investigador existente”, afirman desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela. Aseguran que as políticas da Xunta de Galicia na última década están a condenar a Galicia ao atraso económico. “A Crise de 2007 podería ter sido unha oportunidade para mudar o modelo produtivo de Galicia, para investir en investigación, mais tornou nun maior atraso científico e investigador que repercutirá na calidade de vida da sociedade galega”, engaden. Segundo o INE, o investimento en investigación en Galicia sufriu unha importante baixada na última década, situándose por debaixo do 1% do PIB.

Evolución da porcentaxe de investimento en investigación respecto ao PIB en Galicia e na Unión Europea entre 2008 e 2016.

“O investimento en investigación xera riqueza e melloras sociais, en tanto que supón unha fonte inesgotable de avances tecnolóxicos, médicos ou enerxéticos, pero tamén un piar indispensable para convivirmos de maneira máis xusta, igualitaria, crítica e sostible. O desdén da Xunta de Galicia na última década produciu todo o contrario a un modelo produtivo e de convivencia modernos”, apuntan desde o colectivo. Segundo datos de Eurostat, o sistema produtivo de Galicia especialízase esencialmente ao redor de actividades de contido tecnolóxico medio-baixo e pouco intensivas no emprego do coñecemento. “Este modelo leva ao noso país á máis absoluta precariedade laboral e vital, afectando a toda a poboación, pois ofrece ás grandes empresas un modelo baseado en salarios baixos e barra libre na explotación dos recursos naturais. Isto afecta con especial virulencia ás persoas novas e ás mulleres.” Desde o colectivo reflexionan sobre a necesidade de “mudar o sistema cara un modelo baseado no coñecemento, e non só na construción, turismo ou hostalaría, e apostar tamén pola creación de empregos de calidade, capaces de xerar retorno de cartos de maneira máis duradeira e sostible”.

A AIC tamén denuncia que “desde o goberno galego non se avanzou nada por corrixir a fenda de xénero na investigación en Galicia”. A porcentaxe de mulleres no colectivo investigador en Galicia diminuíu progresivamente na última década, sendo mulleres menos de 4 de cada 10 persoas investigadoras. As mulleres investigadoras “sofren un intricado sistema de opresións” desde o inicio das súas carreiras, que se vai intensificando e complicando a medida que avanzan na súa vida profesional. “As medidas e políticas eficaces en materia de igualdade, xénero e conciliación son inexistentes, ao contrario do que ditan as disposicións estatais e europeas”, lamentan. Un exemplo desta realidade, tal e como denunciou Investigal – Rede Galega pola Investigación, é a discriminación que sofren as investigadoras galegas nas convocatorias de I+D+i que dependen da Xunta de Galicia, onde non se contemplan presupostos de interrupción por embarazo, FIV ou adopción, nin se adecúan as avaliacións científicas subseguintes a este tipo de situacións [1]. “Este sistema de opresións dá lugar tamén a que conforme avanzamos na carreira investigadora a porcentaxe de mulleres sexa menor. Por exemplo, na USC, máis do 60% do alumnado son mulleres, pero o número de mulleres titulares é inferior ao 50% e o de catedráticas non chega ao 25%”, engaden.

“A destrución do tecido investigador supuxo a emigración forzosa de mozas e mozos do noso país. Isto non só implica que estas persoas se vexan obrigadas a deixar os seus fogares, senón tamén a perda do investimento que como sociedade facemos pola formación da xente nova.” Datos do INE confirman que a pasividade na xestión de recursos humanos e fondos destinados a I+D+i por parte da Xunta é unha resposta contraria á adoptada por países da nosa contorna, como Portugal ou Francia, que incrementaron o número de persoal investigador contratado como mecanismo para saír da crise.

Evolución do número de investigadores por millón de habitantes entre o 2008 e o 2017 para Galicia, España, Francia, Portugal e a Unión Europea.

Ao desleixo dos poderes públicos súmaselle a realidade do persoal investigador, que “traballa nunha situación de absoluta precariedade”. Por exemplo, na Universidade de Vigo, no curso 2018-2019 oito de cada dez investigadoras predoutorais traballaron sen ningún tipo de remuneración económica nin contrato laboral para levar a cabo as labores de investigación. Unha das persoas do colectivo afirma que “para optar aos contratos financiados pola Xunta de Galicia, estamos obrigadas a traballar un ano enteiro sen ter ningún salario nin contrato”.



[1] Tal e como denunciou recentemente InvestiGal: https://investi.gal/2020/05/investigal-apoia-as-investigadoras-posdoutorais-que-reclaman-ante-a-xunta-o-seu-dereito-a-non-ser-penalizadas-pola-sua-maternidade/