Todolos artigos de: aic

Gran resultado nas Eleccións ao Claustro da USC

O pasado 12 de febreiro celebráronse eleccións ao Claustro da USC. Como xa sabedes, por primeira vez na súa historia, a AIC presentou candidaturas nos 4 sectores que conforman o Claustro. Os resultados electorais foron igualmente históricos: 17 claustrais que fan da AIC o actor máis representativo do persoal investigador da USC. Os números detallados por sector son os seguintes:

  • 1 Claustral polo sector I
  • 8 Claustrais polo sector II
  • 8 Claustrais polo sector III

Na proclamación provisional, 15 das 17 candidatas electas xa foron confirmadas. As outras dúas persoas foron excluídas provisionalmente por unha interpretación restritiva da USC sobre a representación do subsector do persoal investigador en formación. Desde a AIC xa impulsamos un recurso ante a Comisión Electoral Central porque consideramos que o artigo 50.3 do Regulamento Electoral Xeral debería amparar a proclamación desas dúas candidaturas electas.

Queremos expresar o noso agradecemento polo apoio recibido, pola confianza depositada e pola implicación que fixo posible este resultado colectivo. Temos por diante anos nos que se decidirá o novo rumbo estratéxico da USC e se debaterán os novos Estatutos. Os resultados electorais da AIC permitarán que participemos nestes debates coa forza que corresponde. Mirando cara ao futuro, debemos lembrar que o presente éxito reflicte a traxectoria histórica e o compromiso diario da AIC na loita polos dereitos do persoal investigador. 

Debate: Candidatas á Reitoría 2026

O vindeiro xoves 11 todo a comunidade da USC ten unha cita ineludíbel co seu futuro: o debate das eleccións á Reitoría!

Teremos a oportunidade de coñecer de primeira man as propostas das candidatas a Reitora da Universidade en aspectos como gobernanza, política económica,  científica e de persoal, ou lingua e cultura.

Agardámosvos o vindeiro xoves 11 de decembro ás 16h30 no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais ✊✨

Que non poida acercarse á facultade, deixámosvos a continuación o streaming en Youtube:

IV Xornadas de Cultura Laboral en Investigación (J-CLI 2025)

📣 Chegan as IV Xornadas de Cultura Laboral en Investigación (J-CLI 2025) baixo o lema “Ciencia con dereitos: resistencia fronte á barbarie”

🗓 22 e 23 de outubro
📍 Edificio CEA – USC

Durante dous días falaremos de dereitos laborais, igualdade, confianza e solidariedade na investigación. Contaremos con voces como:
💬 Cristina López Villar (Vicerreitora de Igualdade – UDC)
💬 Diego Mojón (AIC, USC)
💬 Lorena Gamito (UNRWA España)
💬 Zulema Varela
💬 Álvaro Ordóñez
💬 María Estrella Sánchez
🗣World café
🤯 Divulgadora sorpresa

Toda a información en: https://www.j-cli.com

💻 A inscrición é gratuíta: https://tinyurl.com/xornadasJCLI
📅 Se es doutoranda da USC, inscríbete na Secretaría Virtual (ata o 20 de outubro).

Organizan: Asemblea de Investigadoras de Compostela, Marea Roja e InvestiGal
Co apoio da EDIUS e a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura.

🏆 Vitoria! As predoutorais con prórroga COVID deben cobrar o salario de 4º ano (1.879€ máis)

Boas novas! A xustiza dános a razón! A USC é condenada a aboar 1.879,92 euros brutos a dúas investigadoras que iniciaron o 4º ano de contrato predoutoral grazas á prórroga COVID-19 da Xunta de Galicia.

👉 Aquelas persoas que gozaran da prórroga (convocatorias 2016, 2017, 2018 e 2019) e remataran contrato 1 ano para atrás están aínda a tempo de reclamalos

Un pouquiño de contexto para as despistadas. No ano 2020 debido á pandemia da COVID-19, a Xunta de Galicia prorrogaba por 6 meses as axudas predoutorais que lle outorga ás universidades e institucións de investigación de Galicia para contratar persoal investigador predoutoral.

Debido á prórroga de 6 meses, os contratos dese persoal (convocatorias 2016, 2017, 2018 e 2019) poderían chegar a superar os 3 anos de contrato predoutoral. Tal e como establece o EPIPF, o salario mínimo que unha predoutoral ten que cobrar en 4º ano (durante a prórroga) é superior ao de 3º, actualmente 4.869,76€ máis.

Esta asociación reunírase coa Xerencia da USC a cal nos comunicara que seguindo a súa estratexia habitual non ía cumprir co salario de 4º e seguiría aboando o de 3º a non ser que unha sentenza xudicial os obrigara.

Dende a AIC organizamos un grupo de traballo temporal, facilitamos modelos e procedemento para reclamar estas cantidades á USC. Dous anos despois (pois a xustiza é lenta en Compostela) a xustiza dános a razón. A USC é condenada a aboar 1.879,92 euros ás dúas investigadores predoutorais que reclamaron o seu dereito de salario mínimo por Real Decreto.

Anexamos a sentenza por se é aínda de utilidade para algunha das afectadas e se anima a reclamar o seu dereito.

Queremos agradecer unha vez máis ás persoas valentes que loitan polos dereitos de todas e que nos comparten as súas sentenzas. Grazas por abrirnos camiño ás que vimos detrás.