Todolos artigos de: Asemblea de Investigadoras de Compostela

A Xunta propón desmantelar as universidades públicas galegas

En menos de 2 anos as tres universidades deberán implementar un modelo de docencia telemático

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) queremos manifestar o noso absoluto repudio ao borrador presentado pola Xunta de Galicia para a implantación dun modelo de docencia mixta (presencial-telemática) de carácter opcional no curso 2020-2021 e obrigatorio no curso 2021-2022. O devandito borrador está dispoñible neste enderezo web.

De xeito conciso, mais contundente e explícito: a proposta da Xunta constitúe un ataque sen precedentes ao Sistema Universitario Galego. Un despropósito que, ademais de poñer en risco a calidade das titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG) e os principios básicos de igualdade, constitúe un insulto ao esforzo extraordinario acometido polo profesorado e o estudantado durante este curso académico.

Do que foi excepción, a Xunta de Galicia quere facer unha regra xeral, asumindo como normalidade o que, dende logo, dista moito de selo. Sorprende que, dentro da gran cantidade de páxinas do borrador, exista unha única mención sucinta ao tremendo investimento que suporía migrar un sistema eminentemente presencial a mixto nun período dun ano. Esta mención faise sen achegar nin unha mínima estimación do custo económico que implicaría poder enfrontar o cambio de modalidade con garantías para profesorado e alumnado, e que requiriría da mellora e garantía do acceso á rede, da compra de material informático, de bolsas que asegurasen o acceso á formación en condicións de igualdade… Sorprende tamén a ausencia de mención a todas as problemáticas coas que este curso foi levado a cabo: manifesta e xustificada oposición de colectivos estudantís, coñecidas dificultades de medios informáticos de docentes e alumnado… Se este curso — que distou moito de ser ideal — foi para adiante debeuse, sen dúbida, ao esforzo de todas as persoas implicadas.

En datos concretos, a Xunta obvia que un de cada tres fogares de Galicia non dispón dunha conexión de Internet de banda ancha [1]. É dicir, o goberno galego pretende que a segunda comunidade autónoma con peor acceso de banda ancha sexa a primeira en introducir un modelo semipresencial no que o acceso á rede é indispensable para seguir a docencia. Isto suporía engadir unha dificultade máis á xa precaria situación, no que a medios materiais se refire, da meirande parte do estudantado galego, mesmo excluíndo a certos sectores da comunidade universitaria. Cómpre así mesmo cuestionar a necesidade deste cambio de modalidade, máis aínda cando constituiría unha total imposición que vai en detrimento da autonomía universitaria. A potestade para establecer e cambiar os mecanismos docentes debe, en todo caso, recaer nas universidades, e non nos axentes gubernamentais externos. Finalmente, consideramos que unha transformación de tal calado sería imposible de executar nos tempos marcados. O documento non deixa de ser un resumo de ideas pouco elaboradas e de dubidosa calidade, mais cun calendario que xa está correndo.

Correspóndelle ás institucións ser quen de asegurar un ensino de calidade que sexa accesible para toda a cidadanía e que cumpra, agora máis que nunca, con todas as garantías sanitarias. Porén, a proposta da Xunta supón un ataque sen precedentes ao principio de equidade educativa, pois profundaría nas desigualdades económicas e tecnolóxicas xa existentes e aumentaría a fenda social que percorre a nosa sociedade.

Isto constitúe un novo agravio ao sistema público de ensino universitario galego, que se suma ás iniciativas recentes de creación da primeira universidade privada na comunidade. O propio borrador da Xunta indica que será a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA, fundación privada na que ademais das universidades están empresas como BBVA, Endesa, Naturgy ou Afundación de ABANCA) a coordinadora do proceso cun servizo dunha consultoría externa. Dende a AIC entendemos isto como outro ataque ao modelo público de universidade e á súa autonomía, máis aínda cando as universidades galegas están a negociar coa Xunta o novo Plan de Financiamento do SUG.

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela cremos fundamental que ante a reforma abusiva, inxusta e irreflexiva formulada pola Xunta de Galicia, os distintos colectivos que defendemos un modelo público de universidade respondamos de maneira unitaria e contundente para defendermos a calidade e humanidade da docencia levada a cabo nos centros universitarios públicos de Galicia.  

Por todo isto, esiximos a retirada do borrador de desmantelamento das universidades públicas galegas presentado pola Xunta, e instamos ás universidades galegas, así coma aos axentes políticos, sindicais e sociais, a que sumen a súa voz á nosa e manifesten o seu rexeitamento explícito a esta iniciativa.

[1] Encuesta de Hábitos y Prácticas Culturales 2018-2019, Ministerio de Educación y Formación Profesional / Ministerio de Cultura y Deporte – Gobierno de España.

Solicitudes presentadas á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Universidades

Hai unhas semanas comentabámosvos que, por varias problemáticas orixinadas polo confinamento da COVID-19, dende a AIC decidimos presentar dúas solicitudes por rexistro, unha á Xunta de Galicia, e outra ós Ministerios de Universidades, e Ciencia e Innovación, demandando solucións non discriminatorias a estas situacións.

Queriamos compartir con vós estas solicitudes para que, se alguén quere coñecer máis do que demandamos, poida coñecer os detalles deses documentos.

Prevalencia do SUG na Modalidade A das Posdoutorais da Xunta de Galicia

Dentro da Modalidade A das Axudas Posdoutorais da Xunta de Galicia anteriores a 2019 existía unha cláusula que estipulaba que o número de axudas que se poderían conceder a persoas que non tivesen un título de licenciatura, grao ou equivalente ou o título de doutoramento dunha Universidade do SUG non podería ser superior ao 10% do total das concedidas.

Dado que nesa convocatoria do 2019 esa cláusula foi eliminada, dende AIC quixemos coñecer que implicacións tería iso nas persoas solicitantes para así poder analizar esta medida. Para iso, preguntámonos cantas persoas solicitantes que non cursaran grao, licenciatura, mestrado ou doutoramento no SUG obtiveran unha Posdoutoral-A no ano 2019.

Tras presentar unha solicitude de acceso á información pública ante a Comisión de Transparencia de Galicia logramos coñecer que foran catro en total. Podedes consultar a resposta que recibimos no seguinte documento.

A USC debe escoitar ao estudantado para evitar discriminacións nesta situación excepcional

A situación creada pola incidencia da Covid-19 e a declaración do estado de alarma sumiron á sociedade nun contexto de absoluta excepcionalidade. Tamén ás universidades. O confinamento impide que tanto o persoal laboral como o estudantado poidan desenvolver o seu traballo con normalidade, pese aos esforzos de ambas partes por intentalo. Así, da mesma forma que cando comezou esta crise sanitaria dende a AIC nos puxemos a disposición da equipa reitoral para colaborar nas problemáticas derivadas da corentena no ámbito da investigación, agora queremos amosar a nosa solidariedade, empatía e apoio ao alumnado nesta situación tan complexa e de manifestas dificultades.

Consideramos que esta situación tan excepcional necesita urxentemente diálogo e solucións de consenso entre as diferentes autoridades da Universidade e a representación do estudantado para asegurar así que todas as alumnas e alumnos teñan plenas garantías tanto no aspecto académico como na avaliación. Neste momento é máis necesario ca nunca que se escoite ao alumnado.

A AIC esixe que, ante a crise do COVID-19, se garantan os mesmos dereitos laborais para todo o persoal investigador a cargo de convocatorias públicas

Manifestación en prol da Investigación na Praza do Obradoiro (28/02/2019)

O Real Decreto Lei 11/2020 do 31 de marzo declarou unha serie de medidas urxentes a adoptar pola crise do COVID-19. Concretamente, a súa disposición adicional decimoterceira leva por título “Regras aplicables aos contratos de traballo subscritos con cargo a financiamento de convocatorias públicas de recursos humanos no eido da investigación e da integración de persoal contratado no Sistema Nacional de Saúde”.

De xeito esquemático, este apartado prevé posibilidade de prórroga dos contratos de traballo vencellados á investigación, previo acordo entre a entidade contratante e o contratado, no caso de cumprirse dúas condicións:

  1. Que dito contrato estea financiado con cargo a unha convocatoria pública de recursos humanos de índole estatal.
  2. Que, durante algún momento da vixencia do Estado de Alarma, reste menos dun ano para a data de finalización do devandito contrato.

Así mesmo, o texto indica que o financiamento adicional para dita prórroga correrá a cargo da entidade responsable da convocatoria pública, a cal terá a capacidade necesaria de modificación orzamentaria para cumprir con esta obriga.

En particular, os contratos predoutorais e posdoutorais obtidos en convocatorias públicas estatais quedan afectados por esta disposición adicional. Isto inclúe a diversas convocatorias, asociadas a distintos niveis da etapa investigadora, como son as FPU, FPI, Juan de la Cierva ou Ramón y Cajal.

No caso particular de convocatorias públicas autonómicas, cabe destacar aos diversos programas da Xunta de Galicia como as Axudas Predoutorais e as Axudas Posdoutorais nas súas dúas modalidades A e B. Non obstante, estas convocatorias non están afectadas polo Real Decreto anterior, ao non ser un programa estatal. Isto non quita que, evidentemente, resulte igual de necesario que a Xunta de Galicia faga extensiva esta aplicación aos seus programas de financiamento de contratación en investigación.

A Xunta de Galicia ten a capacidade xurídica necesaria para elaborar e publicar unha normativa autonómica semellante á do citado Real Decreto. Moito persoal investigador galego fica esperando se, ademais da capacidade, ten a vontade. Así mesmo, pensamos que a Xunta debería facer esta normativa extensiva a todos os seus contratados, independentemente ao tempo que lles reste para finalizar contrato. O motivo é obvio; o período de inactividade afecta a todo o mundo por igual, independentemente do período restante de contrato.

Tamén cómpre recordar que esta iniciativa non é exclusiva do Goberno de España, o cal amosa a necesidade de implementar estas medidas, pois outros países coma Portugal xa prorrogaron hai semanas todos os contratos predoutorais durante un mes (ver aquí).

Esiximos, polo tanto, a inclusión no ámbito do citado Real Decreto de todos os contratos de investigación financiados con fondos públicos estatais, independentemente da súa data de finalización. Igualmente, esiximos a elaboración dunha normativa análoga por parte da Xunta de Galicia, que non deixe en desigualdade de condicións a unha parte moi relevante do persoal investigador autonómico.

Finalmente, gustaríanos lembrar que nestes días está quedando especialmente patente que unha investigación digna e de calidade constitúe un piar fundamental para o desenvolvemento pleno como sociedade. O coidado pola investigación trae progreso; os recortes, miseria.