Todolos artigos de: Asemblea de Investigadoras de Compostela

Vitoria! As matriculadas nun programa de doutoramento no segundo semestre xa non terán que pagar o curso completo

Ata este curso, as persoas que se matriculaban nun programa de doutoramento no segundo semestre tiñan que pagar o custo completo da matrícula, sen ter en conta que só desfrutaban dos dereitos de calquera doutoranda unha parte do curso.

Esta inxustiza xa foi detectada pola AIC en xullo de 2020 e, ao levar ese tema á USC, escudáronse en que os prezos das matrículas no SUG veñen fixados por un decreto da Consellería de Universidade. Cando se publicou o borrador deste Decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2021/22, decidimos enviar unha suxestión pedindo que se contemplase unha redución da titoría anual de doutoramento proporcional ao tempo de matrícula nos estudos de doutoramento. Esta suxestión foi denegada pola Xunta e publicouse o decreto sen este cambio.

Ante esta negativa, puxémonos en contacto coa Valedora do Pobo. Finalmente, a Valedora informounos de que a Xunta accede a que, no novo decreto para o curso 22/23, se contemple unha redución do 50% sobre o prezo da titoría anual nas matrículas en programas de doutoramento realizadas no segundo semestre.

Unha vez máis, a loita conxunta vese traducida nunha vitoria para todas!

A AIC rexeita o retraso na resolución dos contratos predoutorais propios da USC

A Asemblea de Investigadoras de Compostela mostra o seu rexeitamento ante o retraso na resolución dos contratos predoutorais propios da USC. Atendendo ao exposto na plataforma do Banco Santander, estes non serán resoltos ata o mes de abril, o cal implica un retraso respecto das datas acordadas e anunciadas polo Equipo de Goberno da Universidade.

A concreción desta convocatoria de contratos predoutorais está caracterizada por unha xestión imprevisible dos tempos. Con este retraso, as investigadoras predoutorais admitidas nos programas de doutoramento perderán un mes sen salario e gañarán un mes máis de incertidumes, como mínimo. A isto cabe sumarlle unha demorada constitución dos tribunais avaliadores, en datas mesmo posteriores ás previstas para a resolución da convocatoria.

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela continuaremos presionando para que a adxudicación destes contratos teña lugar o antes posible e dunha maneira transparente, dando cumprimento aos acordos do Claustro da USC case un ano e medio despois.

Conquistando demandas históricas de cara a unha investigación democrática e con futuro

Recentemente as investigadoras vimos de lograr dúas importantes vitorias para o desenvolvemento dos primeiros chanzos da carreira investigadora. Dunha banda, acordáronse melloras de calado na convocatoria dos contratos predoutorais e posdoutorais financiados pola Xunta de Galicia. Doutra banda, a Universidade de Santiago de Compostela lanzou este curso a súa primeira convocatoria propia de contratos predoutorais. Neste caso, máis dunha vintena de contratos serán asignados en base ao mérito e capacidade das persoas candidatas e á necesidade de docentes por parte das distintas áreas de coñecemento. A importancia destas novas transcende á satisfacción inmediata das pequenas conquistas logradas. Ambas son un chanzo máis no camiño cara unha Investigación Democrática, obxectivo que aínda hoxe dista moito de ser unha realidade por dúas cuestións fundamentais.

  • En primeiro lugar, o proceso científico en calquera disciplina do saber é, ante todo, un proceso de traballo. Nel, o coñecemento preexistente é transformado a través do traballo intelectual, nun novo coñecemento. É o traballo das persoas quen aporta ao mundo novo coñecemento académico empregando a nosa capacidade para razoar. Se a busca de coñecemento é un traballo, toda persoa que se dedique á mesma debe ter algún tipo de retribución por levalo a cabo. Resulta tremendamente difícil desenvolver investigacións se non se ten certeza de como pagar o aluguer, a gasolina do coche, o acceso á cultura, etc. Ademais, en ausencia de retribucións, son as capas sociais con máis renda, así como as persoas que acceden a contratos de maneira discreccional, as que sistematicamente copan a carreira investigadora. Os criterios de mérito e capacidade aparecen nesgados. O acceso á posibilidade de investigar tórnase antidemocrático. Esta realidade obsérvase con maior crueza na investigación predoutoral, onde case o 80% dos doutoramentos na USC seguen a cursarse sen ningún tipo de axuda ou retribución salarial.
  • En segundo lugar, o proceso científico é, por definición, desinteresado de calquera outra consideración que non sexa a procura da verdade. Os descubrimentos científicos son tal con independencia de se afectan positiva ou negativamente a calquera interese particular. A política científica ensaiada nas últimas décadas ten transfigurado o sentido do interese académico, asimilándoo cada vez máis aos intereses particulares do mundo empresarial non sometidos a control democrático. Baixo o pretexto de construír unha Universidade “ao servizo da sociedade” logrouse unha investigación case exclusivamente orientada cara aqueles campos cunha aplicación máis inmediata e rendible economicamente nos mercados. Ata o momento, as convocatorias de contrato predoutorais viñeron a reforzar esta dinámica. Así, conseguen maior puntuación as persoas candidatas asociadas a grupos de investigación con maior captación de recursos. No caso galego, a adhesión aos obxectivos marcados pola Estratexia de Especialización Intelixente (RIS) opera no mesmo sentido. En suma, a decisión sobre que se investiga non é tomada en base a criterios académicos nos Consellos de Departamento, Consellos de Goberno ou espazos análogos. Pola vía dos feitos, este tipo de decisións son tomadas polas empresas sen someterse estas aos criterios académicos.

Os avances conseguidos apuntan na boa dirección. Por unha banda, esténdese o número de persoas que farán a súa tese de doutoramento cun respaldo material gracias á creación dos novos contratos predoutorais da USC e á maior duración dos contratos predoutorais da Xunta de Galicia. Aínda que de maneira insuficiente, isto debe servir para que o acceso ao doutoramento non supoña un chanzo engadido na escaleira de segregación social observada nos estudos superiores. A decisión sobre quen pode acceder á investigación vólvese desta maneira un pouco máis democrática, ao erosionarse lixeiramente o peso da renda de cada persoa á hora de desenvolver a carreira investigadora. Outras batallas neste mesmo sentido, como as relacionadas coa vivenda, a asistencia a Congresos, etc. deberán ser valoradas no futuro. Doutra banda, na convocatoria xeral de contratos da USC logrouse deixar de lado os criterios non académicos na súa asignación. A persoa candidata será valorada polo seu expediente e polo seu plan de investigación. Ademais, recibirá unha puntuación pola área de coñecemento na que se encadre o seu director de tese. Esta puntuación non virá outorgada por ningún criterio mercantil, senón por un criterio de necesidade docente. Desta maneira, a decisión sobre que se investiga na universidade tórnase un chisco máis democrática, excluíndo a elementos alleos ao coñecemento da toma de decisións.

Os pequenos pasos dados son froito do incansable esforzo persuasivo, organizado e entusiasta das persoas que loitamos por estender os dereitos das investigadoras. Somos conscientes de que estas e outras vitorias son pequenos pasos nunha longa marcha. Faise preciso loitar pola consolidación destes avances a través dunha democratización do goberno da investigación. Por iso, animámosvos unha vez máis a unirvos á AIC, como xa fixeron centos de investigadoras: cantas máis sexamos, máis forza teremos, tanto nas rúas como nas mesas de negociación.

Nunca máis unha empresa decidindo o que é ou non é academicamente relevante. Nunca máis a posición social de cada quen decidindo quen ten máis mérito e capacidade para investigar. Tales máximas son as que nos permitirán conquistar, pouco a pouco, unha Universidade Democrática e Digna.

Unha vitoria que se traduce en melloras nos contratos da Xunta!

Tras diversas reunións e contactos da AIC co SUG durante estes anos, semella que por fin as cousas están empezando a mudar. Non podemos estar máis satisfeitas de poder anunciar algunhas das novidades máis relevantes das novas convocatorias de axudas predoutorais e posdoutorais da Xunta de Galicia que atenden a algunhas das peticións da Asemblea. Esta pequena conquista, non só da AIC senón de todas as investigadoras, é unha proba de que a unión fai a forza e de que loitando xuntas temos a capacidade de conseguir unha universidade máis democrática.

Melloras na convocatoria PREDOUTORAL

Compromiso de matrícula

Elimínase a obriga de estar matriculada no doutoramento para pedir a axuda, en favor dun “compromiso de matrícula”; esta matrícula deberá estar formalizada antes de asinar o contrato. Isto posibilita que se poida solicitar a axuda estando en mestrado e tamén que ninguén se vexa forzada a matricularse nun programa de doutoramento sen saber de antemán se vai poder ter un contrato a través desta axuda predoutoral. Satisfaise así unha das demandas históricas da AIC.

Somos conscientes de que este cambio, a pesar de que cremos que é moi positivo, dá lugar a un aumento da concorrencia nesta primeira convocatoria. Consideramos necesario e solicitamos que esta situación excepcional fora compensada con algún tipo de medida puntual coma unha duplicación de prazas ou unha dobre convocatoria, mais, a pesar da nosa insistencia, non logramos que se adoptase ningunha actuación neste sentido.

Duración da axuda predoutoral

O contrato predoutoral financiado mediante unha axuda da Xunta de Galicia pasa a ter catro anos de duración, en vez de tres anos, como ata o de agora. Entra así en sintonía co máximo legal previsto no EPIPF e emula as condicións doutras convocatorias predoutorais como as FPU ou FPI. Ademais do avance que supón ter un ano máis para realizar a tese con financiamento, convén sinalar que este último ano ten unha maior retribución económica ca os anteriores, en virtude das cantidades dispostas no EPIPF.

Pago do importe da matrícula de doutoramento

A axuda levará incluído o importe da matrícula de doutoramento, como xa ocorría noutras convocatorias predoutorais como a FPU ou FPI.

Período de capacitación para a formación posdoutoral dun ano

Aquelas persoas que obteñan o título de doutor ou doutora antes do inicio do último ano de contrato poderán acceder a un novo contrato de capacitación para a formación posdoutoral cun máximo dun ano de duracion.

Docencia

Tal e como se solicitou dende a AIC, as axudas predoutorais volven ao máximo de 60 horas de docencia por ano (acumulable ata 180 horas). De novo, isto supón unha homoxeneización entre estas axudas e as FPU, FPI, así como co disposto no EPIPF. 

Estadía

A estadía financiada pola axuda predoutoral realizarase entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de outubro de 2024, un ano máis tarde que de costume; é dicir, entre algo máis dun e dous anos da sinatura do contrato. Esta circunstancia vén posibilitada polo feito de que as axudas dispoñan agora dun ano máis de duración. Este cambio proporciona unhas datas máis razoables para facer a estadía, tendo en conta que, anteriormente, resultaba obrigatorio realizala cunha marxe inferior a un ano dende a sinatura do contrato. En particular, e con relativa frecuencia, a premura forzada na data da estadía implicaba a realización da mesma nunha fase da tese aínda moi incipiente.

Melloras na convocatoria POSDOUTORAL

Estadía

No caso das axudas posdoutorais, en liña coa convocatoria anterior, posibilítase un período de estadía de entre un e dous anos, desaparecendo a obriga dunha estadía de dous anos das convocatorias anteriores á pandemia.

Medidas de cuestións relativas a xénero

Introdúcese un factor corrector que afecta aos cinco anos anteriores á obtención do título de doutora. Este factor só resulta aplicable ás situacións nas que se producise unha baixa ou permiso que poida ser debidamente acreditada e derivada de situacións de maternidade/paternidade, adopción, risco durante o embarazo ou violencia de xénero.


Así como consideramos que estas convocatorias contan con substanciais melloras con respecto ás anteriores, tamén hai novidades que consideramos que poden ser perxudiciais para os solicitantes das axudas predoutorais:

Resolución en dúas fases. Esta nova convocatoria resolverase en dúas fases. Na primeira delas seleccionaranse 306 solicitudes baseándose unicamente na nota media, agás no caso de empate, no que se podería exceder ese número. Só será na segunda fase na que se terán en conta aspectos coma o proxecto de tese, méritos académicos doutro tipo, etc. Este novo procedemento está inspirado no sistema de preselección nas axudas FPU, na cal a proporción entre axudas ofertadas e solicitudes recibidas é amplamente superior ao que sucede nas predoutorais da Xunta. Neste sentido, entendemos que esa primeira fase supón un cribado innecesario que descarta automaticamente a persoas cunha nota media máis baixa, mais que puidesen presentar proxectos de tese de alta valoración nos outros apartados.

Atraso da data de sinatura dos contratos. Anúnciase a sinatura dos contratos para o 1 de decembro, de xeito que se atrasa a data con respecto á convocatoria anterior, que se producira a finais de xuño. Dada a posibilidade de poder solicitar estas axudas durante o mestrado, asumimos a consecuencia natural, pero indesexada, de pospoñer a sinatura do contrato ata o momento de matrícula no doutoramento (mediados de outubro), mais non entendemos por que se adía máis aló (ata decembro). A maiores, a finalidade da medida da aceptación da prematrícula é que unha persoa que valore se entrar (ou non) nun programa de doutoramento saiba se vai ter unha axuda que financie a súa investigación. Entón, para que esta medida teña sentido, sería necesaria a publicación da resolución provisional das axudas antes do período de matrícula en doutoramento.

Existen tamén características herdadas doutras convocatorias que seguen a afondar en desigualdades existentes previamente e agravar as deficiencias do sistema, coma os criterios de valoración que non atenden a intereses académicos, a inexistencia dun factor de corrección por baixa por maternidade nas axudas predoutorais, a redución a 30 horas anuais de docencia nas axudas posdoutorais ou as notas medias non normalizadas segundo titulacións, entre outros.

Seguiremos pendentes e analizando polo miúdo as convocatorias.

Indemnización por fin de contrato para todas!

O Ministerio de Ciencia deu a coñecer o borrador da nova Lei da Ciencia que prevé a indemnización por finalización de contrato para as futuras investigadoras, mais deixa fóra ás actuais.

O Ministerio de Ciencia e Innovación acaba de iniciar o trámite de audiencia e información pública do borrador da nova Lei da Ciencia, que debería mellorar as condicións da investigación en España. Nesta nova Lei inclúese o recoñecemento da indemnización por extinción de contrato para o persoal predoutoral e posdoutoral, mais soamente a aqueles contratos que se subscriban a partir da súa entrada en vigor, deixando de lado a reivindicación de máis de 15.000 xoves investigadores e investigadoras.

A nova regulación dos contratos pre e posdoutorais inclúe o recoñecemento do dereito a 12 días de salario por ano de servizo. Recoñécese así unha das demandas históricas do colectivo investigador propulsada pola AIC dende anos atrás. Non obstante, de saír adiante a norma nos termos propostos, esta medida estará limitada aos contratos que se subscriban a partir da súa entrada en vigor. Dende a Asemblea, entendemos que este recoñecemento dun dereito laboral básico debe estenderse a todas as contratadas tanto futuras coma vixentes.

É por iso que, xunto con outras asociacións de investigadoras do Estado, rexeitamos de maneira rotunda esta inxusta discriminación. En consecuencia, pedimos unha modificación da disposición transitoria segunda para que se recoñeza tamén a indemnización por fin de contrato a todo o persoal predoutoral e posdoutoral en activo no momento de entrada en vigor da Lei.

Se non hai unha rectificación por parte do Ministerio de Ciencia nos próximos días, organizaranse mobilizacións de forma coordinada en diferentes cidades do país para o próximo 7 de febreiro, coincidindo coa comparecencia de FPU investiga no Congreso dos Diputados.

A AIC é un claro exemplo de que xuntas somos máis fortes e é por iso que esta vez pedimos a vosa axuda. Que podes facer para loitar por unha indemnización para todas?

  • Asina esta petición da Coordinadora Marea Roja de la Investigación e compártea!
  • Presenta unha alegación ao borrador da nova Lei da Ciencia pedindo que se modifique a disposición transitoria segunda para que se recoñeza a indemnización por fin de contrato a todo o persoal predoutoral e posdoutoral en activo no momento de entrada en vigor da Lei. É moi sinxelo! Só tes que enviar un correo a sgt@ciencia.gob.es antes das 23:59 do mércores 26 de xaneiro. Podedes adxuntar directamente este documento metendo os teus datos.

Comparte nas túas redes esta imaxe e as nosas publicacións!

Permanece atenta ás nosas redes, se todo isto non é suficiente, convocaremos unha mobilización o 7 de febreiro!