Arquivo da categoría: Notas de prensa

Non máis demoras: pola convocatoria de contratos predoutorais na USC

A loita por unhas condicións dignas para as persoas investigadoras atravesa constantemente o percorrido da AIC. Xa hai 4 anos, denunciabamos o retraso nas convocatorias de contratos predoutorais da Xunta de Galicia1. Sinalabamos daquela que tales retrasos daban lugar a un proceso de segregación económica na investigación, propiciando “un importante abandono por parte das persoas que non poden sufragar os seus gastos e a precariedade daquelas que subsisten con escasos medios”, pois ao longo dos anos, a porcentaxe de investigadoras predoutorais da USC que obteñen un contrato a cargo destas convocatorias non chega ao 2%.

Pero non só amosaron ser insuficientes os contratos a cargo das convoctorias predoutorais da Xunta de Galicia. Desde que hai rexistro, a cantidade de persoal predoutoral que non dispón de ningún tipo de contrato na universidade supera o 70%. A realización dunha tese de doutoramento sen financiamento parece ser norma xeral dentro da USC. 

Tras anos de mobilización e traballo constante, no último debate orzamentario a AIC logrou que fosen aprobadas de novo partidas de gasto destinadas a financiar contratos predoutorais propios na USC. Trátase, en termos xerais, dun pequeno paso no camiño que alivia de maneira parcial a desastrosa situación herdada tras décadas de política universitaria infrafinanciada e baseada en criterios empresariais. Así mesmo, desde a AIC entendemos que debe tratarse dun paso cara unha investigación máis democrática, onde o financiamento da mesma sexa decidido baixo criterios académicos e non atendendo a se unha liña de investigación é máis ou menos rendible a curto prazo no mercado. É por iso que, na proposta realizada, entendemos como necesario compensar os nesgos observados nas convocatorias dos programas de contratación do Goberno central e a Xunta de Galicia cun programa que poida favorecer ás áreas de coñecemento e liñas de investigación estruturalmente máis prexudicadas. 

Tras a aprobación por unanimidade no Claustro destas axudas ás contratacións, faise necesaria a aprobación definitiva da súa convocatoria por parte do Equipo de Goberno. Neste sentido, desde a AIC observamos con preocupación como os tempos para facer efectiva esta conquista están a dilatarse, poñendo en perigo que os contratos poidan ser concretados ao comezo do vindeiro curso. Entendendo as dificultades técnicas que poidan ter que afrontar os diferentes servizos da universidade, sinalamos que o diálogo sobre o fondo da convocatoria está na actualidade paralizado. Así mesmo, preocúpanos a posibilidade de que finalmente os criterios para a adxudicación destes contratos non respondan ao espírito da proposta feita pola AIC na cal primaban, por enriba de todo, os criterios de carácter académico. A celeridade mostrada para a convocatoria de contratos de investigadoras distinguidas debe trasladarse tamén ao ámbito da investigación predoutoral.

É por iso que desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela entendemos que debemos continuar alerta e firmes para lograr na USC unha convocatoria de contratos predoutorais que responda a criterios científicos. Así mesmo, continuando co fío aberto na campaña #PorUnhaInvestigaciónDemocrática, seguiremos loitando pola mellora das condicións materiais das investigadoras. A participación, o traballo constante e a mobilización son chave para a conquista de novos dereitos e na construción dunha Universidade Digna. Mans á obra.

1 “Denuncian el abandono de investigadores por retrasos en las ayudas”: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/santiago/2017/07/19/denuncian-abandono-investigadores-retrasos-ayudas/0003_201707S19C3992.htm 

Abanca ataca a dignidade da Universidade en Galicia

A constitución dunha universidade privada é un ataque a todo o pobo galego

A lei que dará lugar á primeira universidade privada de Galicia, baixo patrocinio de Abanca, comezou o seu trámite no Parlamento de Galicia o pasado 25 de maio. O proxecto desta universidade privada xorde cunha forte contestación. Por unha banda, esta entidade nace co informe negativo do Consello Económico e Social de Galicia. Por outra, a universidade privada de Abanca conta dende o principio coa oposición tanto das tres universidades públicas galegas como da amplísima maioría de organizacións sindicais e políticas

A universidade de Abanca non só supón unha ameaza puntual para o sistema universitario público galego, nin tampouco unha problemática que afecte só a aquelas persoas que estamos máis vinculadas coa Universidade. Máis alá, dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) entendemos que a creación da primeira universidade privada en Galicia trae consigo implicacións de gran importancia:

  1. A privatización da universidade é un problema de toda a sociedade galega. A universidade privada non formará persoas en función do seu interese e capacidade para aprender, senón en función dun maior rendemento económico e das necesidades de empregabilidade do mercado laboral. A posibilidade de acceder aos estudos ofertados por esta universidade privada estará fortemente condicionada polo poder adquisitivo, excluíndo presumiblemente ás capas máis humildes da sociedade galega. Nunha sociedade moderna e democrática, o ensino universitario debe ser patrimonio universal e servir ao conxunto da sociedade, non estar comandada polo interese económico.

    A universidade pública outorga dignidade aos pobos, permitindo que todos os cidadáns poidan adquirir os coñecementos necesarios para tomar as rendas do seu futuro. O intento por privatizar o sistema universitario constitúe un ataque ás nosas posibilidades para o pleno exercicio da cidadanía.
  2. A universidade privada non pode ser entendida como un mero fenómeno meteorolóxico ou puntual. Máis ben ao contrario, constitúe o corolario de décadas de mercantilización da universidade en Galicia. Esta mercantilización vese claramente reflectida no desmantelamento daquelas titulacións e liñas de investigación que non son directamente aplicables en termos económicos e a substitución da “transmisión do coñecemento científico en base a criterios académicos” pola “preparación para o mercado laboral”. Este proceso sentou as bases para que hoxe falemos da creación da primeira universidade privada en Galicia. Ao fin e ao cabo, se do que se trata é de ensinar “destrezas, habilidades e competencias” relacionadas coas necesidades dos mercados, quen mellor que unha empresa privada para facelo? O vindeiro Plan Galego de Financiamento Universitario podería rematar de consolidar esta dinámica.
  3. A constitución dunha universidade privada supón un ataque máis á democracia dentro dos estudos superiores. Desde a perspectiva dos eidos de coñecemento a investigar e difundir, unha parte do sistema universitario galego ficará sometido a unha absoluta ditadura da necesidade exercida por parte dos intereses empresariais que xestionarán esta nova universidade. Ao condicionamento que neste sentido xa sofren as universidades públicas uniráselle agora o mando directo de Abanca, marxinando disciplinas do saber de altísimo valor polo mero feito de non seren economicamente rendibles. Ademais, parte do sistema universitario de Galicia ficará baixo o goberno directo de entidades privadas, reducindo aínda máis a liberdade no goberno do mesmo. A xestión participada e democrática, xa limitada nas universidades públicas, resulta imposible nesta nova entidade desde o momento en que depende do financiamento privado.

Ante esta situación, desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela reivindicamos:

  1. A inmediata retirada do Anteproxecto de Lei de recoñecemento da universidade privada “Universidad Intercontinental de la Empresa”, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia
  2. A aceleración dos trámites necesarios para a aprobación das reformas legais necesarias a nivel estatal que garanticen que a constitución de novas universidades responda a unha necesidade social e cumpra cunhas condicións de calidade mínimas.
  3. A conformación dunha fronte ampla, que inclúa aos traballadores e traballadoras das universidades públicas galegas, aos gobernos das tres universidades e a organizacións sociais para defender o Sistema Universitario Galego durante a negociación do vindeiro Plan Galego de Financiamento Universitario. 

A educación pública é un dereito que a sociedade conseguiu tras séculos de loita e que leva décadas defendendo unida fronte ás ameazas da privatización. O coñecemento non é un negocio. O acceso aos estudos universitarios non debe ser un luxo nin un capricho. A universidade non pode ter alma de empresa. Por iso, desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), chamamos a loitar unha vez máis por unha Universidade digna no camiño dunha sociedade moderna e democrática. Este sábado 12 de xuño estaremos na manifestación na Alameda de Santiago de Compostela amosando o noso descontento.

O desmantelamento progresivo da investigación galega é un feito indiscutible

A Asemblea de Investigadoras de Compostela desmonta a manipulación da Xunta de Galicia respecto das convocatorias predoutorais e posdoutorais

O pasado xoves a Asemblea de Investigadoras de Compostela criticabamos as condicións das convocatorias predoutorais e posdoutorais (iniciación e continuación) da Xunta de Galicia para o 2021. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade afirmou este venres que esas declaracións sobre a convocatoria “no se corresponden con la realidad”

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela reiteramos as nosas denuncias e amosamos a nosa indignación ante a manipulación dos feitos realizada por José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

As declaracións feitas pola Consellería distan moito de ser a realidade da investigación en Galicia e así o imos demostrar con feitos e números, non con demagoxia como fan desde o goberno. 

Cuantía das axudas:

Unha das nosas principais denuncias é a notable redución do salario base que establece a nova convocatoria de axudas posdoutorais de iniciación. A Consellería sostiña que “en lo que respecta a los salarios, en ningún caso se reduce en estas convocatorias con respecto a las anteriores”.  Porén, a realidade é que mentres que na convocatoria actual o financiamento para o custo total do contrato (salario bruto + custos patronal) para os 3 anos da súa duración é de 28.600 euros brutos anuais (Art. 3.5), na convocatoria de 2019 esta cuantía durante a fase de retorno era de 38.000 euros brutos anuais (Art. 3 Anexo I). Como denunciabamos, existe un recorte de case 10.000 euros do salario base. Este salario base pode aumentarse con complementos salariais nas etapas de estadía, pero dada a situación sanitaria actual a posibilidade de realizar unha estadía longa é moi baixa, tal e como recoñece a propia Consellería ao eliminar da convocatoria o requisito obrigatorio de 24 meses de permanencia no estranxeiro substituíndoo por un mínimo de 6. De todos modos, e aínda que conseguisemos estar o improbable máximo de 24 meses na chamada zona 2 (Europa, África, América) ou na zona 3 (EUA, Canadá, Asia ou Oceanía), polo que se engadiría un complemento de 1.500 euros ou 2.000 ao mes respectivamente, o financiamento total ao cabo dos tres anos sería tamén algo máis baixo que en 2019, tal e como demostra a seguinte táboa. Só quen faga unha estadía de 24 meses en Portugal ou Andorra tería un salario lixeiramente positivo con respecto á convocatoria anterior:

Estadía de 24 meses + retorno de 12 mesesConvocatoria de 2019Convocatoria de 2021
Estadía zona 1107.360 €109.800 €
Estadía zona 2122.000 €121.800 €
Estadía zona 3134.800 €133.800 €
Financiamento total (salario bruto + custos patronal) dos 3 anos do contrato posdoutoral (Modalidade A) no caso de conseguir estar 24 meses no estranxeiro.

Cantidade de axudas

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade afirmaron, sen ningún tipo de pudor, que “la convocatoria de 2021 es la mayor de la historia de Galicia, tanto a nivel presupuestario como de número de contratos”. Isto é rotundamente falso. Na convocatoria predoutoral de 2013 (DOG 9 agosto de 2013) ofertáronse 94 axudas e na convocatoria posdoutoral dese mesmo ano convocáronse outras 100 axudas: 50 da modalidade A e 50 da modalidade B (DOG 15 outubro de 2013). Esta cantidade de 194 axudas no 2013 é claramente superior á actual de 175 para o ano 2021.

En 2020 non se convocaron axudas posdoutorais

Díez de Castro afirmou para El Faro de Vigo que durante o 2020 “de los más de 400 posdoctorales siguió el 100%. Eso supuso una inversión de más de 5 millones. No nos saltamos ninguna convocatoria”. De novo, esta é unha mentira humillante e que amosa moi pouco respecto pola intelixencia e espírito crítico da sociedade galega. En 2020 non se convocaron as axudas posdoutorais. A anterior e última convocatoria é a de 2019 (publicación en DOG: 13/06/2019). As investigadoras que lemos as nosas teses en Galicia despois desa data levamos no paro máis dun ano e medio agardando a que a Xunta convoque as axudas que nos permitan continuar coa carreira investigadora neste país. Son centos de persoas en Galicia as que se viron afectadas pola ausencia de convocatoria posdoutoral de iniciación: todas as que defenderon a tese despois de xullo de 2019 e todas as que defenderon ao longo de 2020. Os investigadores e investigadoras predoutorais e posdoutorais que xa estaban contratados/as cando chegou a pandemia si viron unha ampliación de 6 meses dos seus contratos para paliar as consecuencias da crise sanitaria no seu traballo (ao estaren pechados laboratorios, arquivos, bibliotecas…), mais non sen excepcións e pelexas, tal e como foi o caso das científicas discriminadas pola súa maternidade, que nun inicio quedaron fóra desta estensión.

En lugar de gabarse polos 5 millóns de euros investidos durante a pandemia nun momento de crise excepcional, o secretario xeral de Universidades podería mellor explicar onde foron a parar os máis de 8 millóns de euros que se aforrou o goberno galego ao non convocar as axudas posdoutorais no 2020.

A consecuencia da cancelación das posdoutorais no 2020 e da non ampliación da data límite dos estudos de grao/licenciatura e defensa de tese na convocatoria de 2021 é que moitas investigadoras e investigadores se verán privados de presentarse á convocatoria actual e quedarán definitivamente expulsados do sistema de I+D+i polo desleixo e falta de vontade política do goberno galego. 

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela solicitamos que se modifiquen as datas límites de lectura de tese e a consecución do título de licenciatura para que ninguén quede inxustamente privado da oportunidade de presentarse á actual convocatoria. 

Tamén esiximos ao goberno, como xa fixemos reiteradas veces, que sume o presuposto adicado a I+D+i e non executado no 2020 ao previsto para 2021, dobrando así o número de contratos na presente anualidade. Ou ben, que saque dúas convocatorias de axudas posdoutorais no 2021. De non facelo, estará continuando coa súa política de recortes e desmantelamento da investigación pública galega.

Horas docentes

Sobre as horas de docencia, os xornais recollen que «La flexibilización defendida por la Xunta se aplica también a la docencia, de la que ha matizado que “con 30 horas cada año”, a lo largo de toda la duración de la ayuda “se pueden alcanzar las 90 horas docentes, frente a las 80 de anteriores convocatorias. “Los investigadores tienen la posibilidad de dar 10 horas más de clase, por lo que no entendemos las críticas en este sentido”, ha comentado Educación».

Aquí hai un equívoco que imos explicar. No anterior comunicado que sacou a Asemblea de Investigadoras de Compostela o que se dicía era que “na convocatoria predoutoral, a Xunta de Galicia non deixa claros os métodos de ponderación dos expedientes e recorta as posibilidades de dar docencia a 30 horas anuais (cando ata o de agora o máximo voluntario eran 60 horas e cando xa existe un Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación –EPIPF– que regula este punto)”. Seguimos reafirmándonos na veracidade deste dato. 

O que contestan desde a Consellería de Educación é referido ao seu programa posdoutoral, mais de novo volven demostrar que non coñecen nin os seus propios programas, porque a información que brinda o secretario é falsa. As convocatorias posdoutorais anteriores permitían ata un total de 240 horas de docencia, 80 por cada ano de contrato (tamén no período de estadía), tal e como dispón no artigo 7.d) do Anexo I da convocatoria de 2019. Na convocatoria posdoutoral actual só se permiten ata un máximo de 90 horas de docencia, 30 por cada ano de contrato, tal e como se dispón no artigo 16.3.

Introdución de medidas de igualdade

No anterior comunicado, denunciabamos a falta de transparencia nos procesos de selección dos programas de investigación da Xunta e a falta de medidas e políticas de igualdade. Seguímonos reafirmando nestas denuncias. Para exemplificalo, cómpre saber que a día de hoxe só temos datos parciais sobre quen avaliaron as axudas posdoutorais en 2018 e ningunha información respecto das avaliacións de 2019. E, tal e como xa declaramos previamente, “no caso da modalidade posdoutoral de continuación, nin sequera se chega a desglosar con detalle que criterios e méritos se terán en conta na avaliación”. Por todo isto, seguimos esixindo transparencia e rigorosidade, pois a falta das mesmas, “como ben se sabe, pode favorecer procesos de atribución de contratos que non sexan éticos e a endogamia”. 

Por outra banda, sobre a discriminación das mulleres investigadoras en Galicia a Consellería de Educación afirma que “se introducen medidas que favorecen su permanencia en el sistema de investigación”, aínda que non dá detalles de cales son e como funcionan. Ben, xa os damos nós por ela. Na convocatoria posdoutoral de iniciación non se introduciu ningunha medida en materia de igualdade. Os criterios de avaliación non teñen en conta interrupcións por permiso de maternidade, adopción ou acollemento, FIV… nin presentan ningunha outra medida que garanta a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. 

Na convocatoria de posdoutorais de continuación (a chamada modalidade B), a única medida en materia de igualdade que atopamos é a asignación de 0,10 puntos por cada mes de interrupción do contrato posdoutoral por permiso de maternidade ou por outras das causas recollidas no artigo 19.3. Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela consideramos que esta “compensación” é ridícula, xa que estamos falando de procesos selectivos nos que a puntuación total é de 100 puntos. Ademais, denunciamos que só se teñen en conta as interrupcións acontecidas durante o contrato posdoutoral, non as acontecidas en anos previos, co cal se está de novo discriminando ás mulleres investigadoras que tiveran fillos, por exemplo, durante o doutoramento.



Versión en castelán

Outro duro golpe máis para a investigación galega

A Xunta dá un novo paso no desmantelamento do sistema de investigación pública en Galicia

O 4 de decembro de 2020, Feijoo dicía que a súa intención era “proxectar Galicia como un referente da ciencia e da investigación”, mais as súa bonitas palabras chocan coa dura realidade das investigadoras e investigadores de Galicia, que seguen expostos a condicións cada vez máis precarias e humillantes por parte dos poderes públicos. 

Nos vindeiros días sairán publicadas no DOG as convocatorias predoutorais e posdoutorais (iniciación e continuación) da Xunta de Galicia para o 2021, cunhas modificacións substanciais das condicións que o colectivo investigador considera inadmisibles.

Na convocatoria predoutoral, a Xunta de Galicia non deixa claros os métodos de ponderación dos expedientes e recorta as posibilidades de dar docencia a 30 horas anuais (cando ata o de agora o máximo voluntario eran 60 horas e cando xa existe un Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación –EPIPF– que regula este punto). 

Pero o retroceso máis claro obsérvase na convocatoria de Axudas á etapa de Formación Posdoutoral. En primeiro lugar, a convocatoria destas axudas correspondente ao ano 2020 víuse retrasada durante meses para, ao final, rematar cancelada, deixando no paro e nun baleiro de oportunidades a centos de investigadores e investigadoras  de Galicia. Malia que a nova convocatoria posdoutoral anunciada o pasado 4 de xaneiro é unha boa nova, esta non cobre o número de axudas equivalentes á suma das convocatorias do ano 2020 e 2021, tal  e como solicitamos ao Goberno repetidas veces. A Xunta de Galicia deixou ao sector da investigación sen alternativas posdoutorais durante unha anualidade enteira (2020) e negouse a blindar o número de prazas e duplicar o número de contratos para o 2021, desoíndo así as peticións do colectivo investigador galego e asestando un golpe de morte á investigación deste país no momento que máis necesitados estamos dela para saír da crise sanitaria e social actual. O desleixo da Xunta de Galicia polo sistema de investigación galego e as persoas que traballan nel vén de lonxe: seguindo unha recorrente política de recortes, que xa deixou a Galicia sen financiamento para proxectos de I+D+i desde o ano 2010, o Goberno non quixo convocar as axudas posdoutorais no 2010, no 2015 nin no 2020.

A eliminación das axudas posdoutorais do 2020 representa unha traba maior para aquelas persoas para as que o ano pasado constituía a última oportunidade de optar a estes contratos, xa que un dos requisitos para solicitalos se relaciona coa data límite de finalización dos estudos e de lectura de tese. A convocatoria posdoutoral anunciada pola Xunta de Galicia para o 2021 non trae consigo unha ampliación destes límites. Isto significa que unha parte do colectivo investigador que non tivo acceso a oportunidades durante o 2020 (pola non convocatoria de axudas) quedará excluída da convocatoria do 2021 (debido aos límites de finalización dos estudos). A ausencia dun calendario fixo e estable de convocatorias provocará máis retrasos e novos prexuízos para o colectivo posdoutoral: así, dado que esta vez as axudas posdoutorais van saír a principios de ano, todas as investigadoras e investigadores de Galicia que defendan a tese durante o 2021 deberán agardar ata 2022 para poder presentarse a unha axuda posdoutoral coa que continuar a súa carreira. E mentres tanto, engrosarán as listas do paro co desexo de que para o ano 2022 esas axudas se cheguen a convocar.

Mais isto non é todo. As axudas posdoutorais de iniciación veñen da man dun notable recorte de soldo sendo o salario dos investigadores e investigadoras que conforman o relevo e futuro da investigación en Galicia ata 10.000 euros menor que na anterior convocatoria. A este salario base sumaríanse complementos salariais só se o investigador ou a investigadora sae ao estranxeiro a completar o seu traballo e formación mediante estadías. Tendo en conta a pandemia mundial que estamos a vivir, non parece claro que tales estadías poidan ser efectuadas, polo que a lectura que sacamos é que a Xunta condena ao persoal que quede en Galicia para desenvolver o seu traballo a máis precariedade e abandono. Lonxe quedan as intencións de Feijoo por facer de Galicia un referente en ciencia e investigación. Máis ben, parecen querer expulsarnos canto antes do país. 

A estas novidades negativas súmanselle prexuízos que datan de vello. A transparencia e as políticas en materia de igualdade son cuestións que a Xunta de Galicia segue sen solucionar. A Xunta non publica trala resolución das axudas quen formou parte das comisións de selección encargadas de puntuar as propostas e, no caso da modalidade posdoutoral de continuación, nin sequera se chega a desglosar con detalle que criterios e méritos se terán en conta na avaliación. A falta de transparencia e rigorosidade, como ben se sabe, pode favorecer procesos de atribución de contratos que non sexan éticos e a endogamia. Tampouco se observa progreso en materia de igualdade. Estas axudas carecen de políticas que garantan a igualdade de oportunidades, omisión que nos últimos anos vén sendo denunciada por parte de moitas investigadoras discriminadas polas súas maternidades.

Eliminación de convocatorias, recortes de soldo, falta de oportunidades e inestabilidade laboral son soamente algunhas das eivas que están detrás destas axudas para a contratación de persoal investigador anunciadas pola Xunta de Galicia. A investigación demostrou ser un dos sectores capaces de asegurar o progreso dun país, especialmente nun contexto pandémico como ao que hoxe nos enfrontamos. Ante esta situación, a Xunta dá un paso atrás nas súas políticas e confirma a súa falta de compromiso co sector. Realmente este é o camiño que permitirá un avance científico? O colectivo investigador ve inadmisible este retroceso e reclama, unha vez máis, un marco laboral digno, convocatorias estables e un horizonte de oportunidades seguro. Do contrario, fuga de cerebros, retraso científico e precariedade serán sinónimo de futuro na investigación en Galicia.

Versión en castelán

O Supremo condena o persoal investigador a volver a un pasado máis precario

Anula así a sentenza do TSXG na que se condenaba á USC a restituír o dereito á indemnización por extinción de contrato arrebatado ao colectivo en 2016

Porta principal do Tribunal Supremo
CC BY 3.0 Panoramio

Non. O Supremo non demostra coa súa sentenza do 13 de outubro (STS 3490/2020) que os contratos predoutorais sexan contratos formativos; o único que demostra é que non entende, ou non quere entender, como evolucionou a investigación na sociedade moderna.

Corrixe así, nun exercicio de anacronismo, a correcta interpretación -ao noso entender- feita anteriormente polo TSXG, quen concluíra na súa sentenza que o contrato formativo de ningún modo “se pode equiparar ao subscrito polos traballadores afectados polo conflito aínda cando se denomine predoutoral en formación. Este contrato unicamente cabe a través da normativa regulada no artigo 11, que en modo algún se cumpre co que agora se discute. A consecuencia de todo isto, é que os contratos dos demandantes teñen que cualificarse como temporais de obra ou servizo, e á súa finalización teñen dereito a percibir a indemnización establecida no artigo 49, 1, c) do Estatuto dos Traballadores”.

Efectivamente, como ben recollía esta sentenza, a Lei 14/2011, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación define no seu artigo 21 o contrato predoutoral e especifica que “será de duración determinada” e que “terá por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novidoso”, sendo ademais requisito “ter sido admitido nun programa de doutoramento”. Definición e obxecto que casan perfectamente co primeiro dos supostos que recolle o artigo 15 do ET: “cando se contrate ao traballador para a realización dunha obra ou servizo determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e cuxa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta”.

Chegado este punto, preguntámonos como é posible que o TS non entenda que a realización dunha tese de doutoramento é, efectivamente, unha tarefa de investigación con autonomía e substantividade propia que, aínda que de duración incerta, está limitada no tempo. E que non entenda que é un traballo de pleno dereito, no que se está producindo e contribuíndo a incrementar o coñecemento. Un coñecemento que ademais se está transmitindo, valorizando e rentabilizando por parte da universidade e que repercute directamente na mellora e o avance da sociedade. E isto sen entrar a valorar todas as tarefas que, ademais da propia tese, fan estes e estas traballadoras durante a vixencia dos seus contratos. Porque calquera persoa que coñeza o traballo de investigación o entende; así o entendemos nós: e así o entendeu tamén o TSXG.

Temos por tanto que preguntarnos que pretende ou a quen quere contentar o TS con este exercicio de funambulismo anacrónico, no que parece querer devolvernos aos tempos das bolsas e dos contratos en prácticas. Uns tempos de precariedade que esta sociedade quere superar. E faino ademais adornándose con afirmacións como a de que o contrato predoutoral ten un “obxectivo formativo obvio”, ao tempo que basean a súa argumentación en que “se de buscar analoxías coas modalidades contractuais do ET se trata, faise verdadeiramente difícil acudir ao contrato para obra e servizo determinado e, polo contrario, sería o contrato en prácticas do art. 11 ET o que presentaría maiores similitudes” ou que “entende que o lexislador deseñou unha modalidade contractual, de carácter formativo, á que non atribuíu indemnización no momento da súa finalización”.

Pois ben, nós temos claro que non é así. De feito, non debe ter un obxectivo formativo tan obvio cando o TSXG afirmou rotundamente que non o tiña. Non debe ser tan difícil ver as similitudes co contrato de obra ou servizo cando o TSXG as veu tan claramente. Si debe ser difícil ver as similitudes co contrato en prácticas cando o TSXG veu claramente que non as había. E non debería facer falla tratar de imaxinar o que o lexislador pretendía cando xa especificou no artigo 21 da Lei 14/2011 que “o contrato terá por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novidoso”. É dicir, investigar, crear, producir e xerar novo coñecemento. Non formarse. De ter querido deseñar unha modalidade contractual de carácter formativo -pensamos nós- igual tería posto que “o contrato terá por obxecto formarse”. Pero non o fixo. Así que non debe ser ese o obxecto do contrato. E así o debeu entender tamén o TSXG. Parece obvio.

Por tanto, non podemos estar en máis desacordo con esta sentenza. Consideramos que tanto os argumentos empregados como as conclusións ás que se ten chegado son totalmente equivocados, impropios dos tempos actuais e prexudiciais para a investigación e o avance da sociedade, tanto en termos de dereitos laborais como no ansiado obxectivo de poder achegarnos á tan necesaria definición e implantación dunha carreira investigadora real e medianamente digna.

Preocúpannos, ademais, as formas e os aparentes intereses que parece haber detrás deste tipo de actuacións. Debemos lembrar que as persoas con contratos predoutorais si percibían antes a indemnización á finalización dos seus contratos, dereito que foi arrebatado por algúns centros e universidades -entre elas a Universidade de Santiago de Compostela-; mentres que outras a seguiron aboando. E debemos lembrar tamén que xa houbera un anterior intento por arrebatar este dereito mediante o cambio de codificación de contrato. Daquela, ante a repercusión que tivo e as mobilizacións que houbo, o ministerio competente e a CRUE tiveran que saír publicamente a negar a maior e acabaron rectificando. Porén, lamentablemente, agora si parecen máis preto de poder conseguilo. Estarán contentas aquelas persoas que sempre quixeron arrebatarnos este e outros dereitos. É moi triste que así sexa e hai que dicilo ben claro: sentímolo, pero non tedes gañado máis que a vergoña de ter aumentado o maltrato a un persoal que xa estaba bastante precarizado.

Sumado a isto, queremos lembrar que moitos destes centros e universidades locen o selo europeo HR de excelencia en investigación, co que se distingue ás entidades que tratan con respecto ao seu persoal investigador e fomentan a mellora das súas condicións. Recomendamos encarecidamente a lectura da Carta Europea do Investigador e o Código de conduta para a contratación de investigadores que hai que cumprir para obter e manter este selo. Sobre o recoñecemento da profesión, a carta expresa que “todos os investigadores que seguen unha carreira de investigación deben ser recoñecidos como profesionais e tratados en consecuencia. Isto debe comezar ao principio das súas carreiras, é dicir, a nivel de posgrao, e debe incluír todos os niveis independentemente da súa clasificación a nivel nacional”. Está así recollido como principio e esixencia. Aplíquese.

Pero non todo é malo. Afortunadamente, non todas as persoas pensan nin actúan así. Diso estamos ben seguras; vémolo a diario. E agradecemos enormemente o apoio e comprensión que nos achegan.

Igualmente, estamos seguras de que non imos dar por perdida esta loita. Así que facemos un chamamento claro e inequívoco a seguir loitando e reclamando por todas as vías posibles este e outros dereitos. Facemos un chamamento a todas as persoas e colectivos a seguir unidos na defensa destas reivindicacións. Facemos un chamamento aos centros e universidades que si respectan os dereitos laborais das súas traballadoras a seguir contemplándoos nos seus contratos. Facemos un chamamento aos sindicatos a seguir traballando por recuperar estes dereitos. E, se o problema é de interpretación do que “pretendía o lexislador”, facemos un chamamento ao Goberno, aos ministerios competentes e a todos os grupos políticos para que impulsen e apoien as necesarias reformas da lexislación; para que dunha vez por todas queden claros os dereitos do persoal investigador e non estean suxeitos a máis lamentables interpretacións.

Porque seguiremos loitando. Pola ciencia, pola investigación e polos dereitos de cada traballadora e traballador. Por todos e todas. Por unha sociedade mellor.



Versión en castelán