Muller traballando estresada

A carreira investigadora en Galicia: discontinuidade e precariedade

Hai uns días publicábase en La Voz de Galicia un artigo no que se exaltaba o Programa de Atracción e  Retención do Talento científico en Galicia promovido pola Xunta. Mediante o devandito programa incorporaranse ao Sistema Universitario de Galicia 15 investigadores/as coa categoría de Persoal Investigador Distinguido. Destas 15 axudas, 5 estarán destinadas a investigadores/as que xa desenvolven a súa labor en Galicia, mentres que as 10 restantes serán destinadas a captar investigadores/as procedentes doutras universidades. Dende a AIC queremos resaltar que este programa non supón mellora significativa na carreira investigadora en Galicia, a cal, ao contrario do que suxire a nova, non transcorre de forma continua e segura, senón chea de atrancos, paróns e inseguridades.

Por un lado, ao longo dos distintos chanzos desta carreira, o número de axudas que se convocan é cada vez menor, provocando que gran parte do persoal investigador teña que abandonar a labor investigadora. O primeiro destes filtros sucede entre a etapa predoutoral e posdoutoral, cando, das poucas investigadoras que comezan a etapa predoutoral cun contrato da Xunta (en torno a 100 cada ano), menos da metade desfrutarán dun contrato na primeira etapa posdoutoral (modalidade A). Estas axudas aínda se reducen de forma máis acentuada na segunda etapa (modalidade B), podendo continuar na carreira investigadora soamente 20 das investigadoras posdoutorais anteriores. No seguinte chanzo, soamente 15 investigadoras poderían desfrutar destas novas axudas para Persoal Investigador Distinguido, destinando soamente 5 delas ao persoal investigador que desenvolve a súa labor en Galicia.

Ademais, non existe un calendario de convocatorias estable, derivando isto en importantes variacións de ano en ano que dan lugar a longos paróns e inseguridades entre cada unha das etapas. Proba disto é que a Xunta decidiu non convocar as axudas posdoutorais da modalidade B correspondentes ao ano 2020. Esta falla de convocatoria xa aconteceu en 2010 e 2015, repetíndose este patrón cada 5 anos. Finalmente, este Programa de Atracción e Retención do Talento científico en Galicia non asegura unha estabilización do persoal investigador que leva anos formándose, xa que se trata dun contrato de tan só 4 anos.

Dende a AIC consideramos que a convocatoria de Investigadores Distinguidos non resolve as problemáticas ás que se ven enfrontando o sector dende fai anos: precariedade, falta de estabilización e de oportunidades, incerteza ante a periodicidade das convocatorias e, sobre todo, ausencia dun futuro seguro para a súa labor profesional. Por todo o anterior e agora máis que nunca, debemos xuntar forzas, visibilizar as graves deficiencias da carreira investigadora en Galicia e reclamar á Xunta respostas reais que abran un horizonte digno para o colectivo.  Non é tempo de parches Sr. Feijoo, senón de solucións e compromisos!

Coloquio sobre xénero e investigación sanitaria con María de la Fuente e María Pardo

Xornada contra as violencias machistas

Luns 23 de novembro ás 18:00. Anímate a participar a través deste enlace.

O 23 de novembro, de 18.00 a 19.30 a través de Microsoft Teams, teremos un coloquio virtual sobre xénero e investigación sanitaria a cargo de María de la Fuente, investigadora líder da Unidade do Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do IDIS, e María Pardo, investigadora líder do grupo Obesidómica do mesmo centro.

A conversa xirará arredor da súa experiencia profesional na investigación sanitaria como mulleres investigadoras con postos de liderado, para visibilizar os atrancos cos que se foron atopando ao longo das súas carreiras, que violencias de xénero identifican no sector, e cales son as medidas que cren necesarias introducir para acadar unha igualdade de oportunidades real entre mulleres e homes.

Emenda aos OXE pola indemnización predoutoral

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela, xunto con FPU Investiga, presentámoslle a semana pasada aos partidos políticos do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados unha proposta de emenda aos Orzamentos Xerais do Estado 2021 para modificar a Lei 14/2011 (Lei da Ciencia) para que esta recoñeza explicitamente o dereito a indemnización por finalización de contrato das investigadoras predoutorais.

Asociacións, sindicatos e demais colectivos mantiveron ao longo desta semana e da pasada unha intensa campaña de promoción e divulgación desta proposta de emenda a través das redes sociais e medios de comunicación. Algunha delas:

Ata o momento, cónstanos que MásPaís e o BNG presentaron sendas emendas a dita lei. Agora agardamos que os demais partidos as apoien, amosando así o seu compromiso coa investigación.

O Supremo condena o persoal investigador a volver a un pasado máis precario

Anula así a sentenza do TSXG na que se condenaba á USC a restituír o dereito á indemnización por extinción de contrato arrebatado ao colectivo en 2016

Porta principal do Tribunal Supremo
CC BY 3.0 Panoramio

Non. O Supremo non demostra coa súa sentenza do 13 de outubro (STS 3490/2020) que os contratos predoutorais sexan contratos formativos; o único que demostra é que non entende, ou non quere entender, como evolucionou a investigación na sociedade moderna.

Corrixe así, nun exercicio de anacronismo, a correcta interpretación -ao noso entender- feita anteriormente polo TSXG, quen concluíra na súa sentenza que o contrato formativo de ningún modo “se pode equiparar ao subscrito polos traballadores afectados polo conflito aínda cando se denomine predoutoral en formación. Este contrato unicamente cabe a través da normativa regulada no artigo 11, que en modo algún se cumpre co que agora se discute. A consecuencia de todo isto, é que os contratos dos demandantes teñen que cualificarse como temporais de obra ou servizo, e á súa finalización teñen dereito a percibir a indemnización establecida no artigo 49, 1, c) do Estatuto dos Traballadores”.

Efectivamente, como ben recollía esta sentenza, a Lei 14/2011, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación define no seu artigo 21 o contrato predoutoral e especifica que “será de duración determinada” e que “terá por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novidoso”, sendo ademais requisito “ter sido admitido nun programa de doutoramento”. Definición e obxecto que casan perfectamente co primeiro dos supostos que recolle o artigo 15 do ET: “cando se contrate ao traballador para a realización dunha obra ou servizo determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e cuxa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta”.

Chegado este punto, preguntámonos como é posible que o TS non entenda que a realización dunha tese de doutoramento é, efectivamente, unha tarefa de investigación con autonomía e substantividade propia que, aínda que de duración incerta, está limitada no tempo. E que non entenda que é un traballo de pleno dereito, no que se está producindo e contribuíndo a incrementar o coñecemento. Un coñecemento que ademais se está transmitindo, valorizando e rentabilizando por parte da universidade e que repercute directamente na mellora e o avance da sociedade. E isto sen entrar a valorar todas as tarefas que, ademais da propia tese, fan estes e estas traballadoras durante a vixencia dos seus contratos. Porque calquera persoa que coñeza o traballo de investigación o entende; así o entendemos nós: e así o entendeu tamén o TSXG.

Temos por tanto que preguntarnos que pretende ou a quen quere contentar o TS con este exercicio de funambulismo anacrónico, no que parece querer devolvernos aos tempos das bolsas e dos contratos en prácticas. Uns tempos de precariedade que esta sociedade quere superar. E faino ademais adornándose con afirmacións como a de que o contrato predoutoral ten un “obxectivo formativo obvio”, ao tempo que basean a súa argumentación en que “se de buscar analoxías coas modalidades contractuais do ET se trata, faise verdadeiramente difícil acudir ao contrato para obra e servizo determinado e, polo contrario, sería o contrato en prácticas do art. 11 ET o que presentaría maiores similitudes” ou que “entende que o lexislador deseñou unha modalidade contractual, de carácter formativo, á que non atribuíu indemnización no momento da súa finalización”.

Pois ben, nós temos claro que non é así. De feito, non debe ter un obxectivo formativo tan obvio cando o TSXG afirmou rotundamente que non o tiña. Non debe ser tan difícil ver as similitudes co contrato de obra ou servizo cando o TSXG as veu tan claramente. Si debe ser difícil ver as similitudes co contrato en prácticas cando o TSXG veu claramente que non as había. E non debería facer falla tratar de imaxinar o que o lexislador pretendía cando xa especificou no artigo 21 da Lei 14/2011 que “o contrato terá por obxecto a realización de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e novidoso”. É dicir, investigar, crear, producir e xerar novo coñecemento. Non formarse. De ter querido deseñar unha modalidade contractual de carácter formativo -pensamos nós- igual tería posto que “o contrato terá por obxecto formarse”. Pero non o fixo. Así que non debe ser ese o obxecto do contrato. E así o debeu entender tamén o TSXG. Parece obvio.

Por tanto, non podemos estar en máis desacordo con esta sentenza. Consideramos que tanto os argumentos empregados como as conclusións ás que se ten chegado son totalmente equivocados, impropios dos tempos actuais e prexudiciais para a investigación e o avance da sociedade, tanto en termos de dereitos laborais como no ansiado obxectivo de poder achegarnos á tan necesaria definición e implantación dunha carreira investigadora real e medianamente digna.

Preocúpannos, ademais, as formas e os aparentes intereses que parece haber detrás deste tipo de actuacións. Debemos lembrar que as persoas con contratos predoutorais si percibían antes a indemnización á finalización dos seus contratos, dereito que foi arrebatado por algúns centros e universidades -entre elas a Universidade de Santiago de Compostela-; mentres que outras a seguiron aboando. E debemos lembrar tamén que xa houbera un anterior intento por arrebatar este dereito mediante o cambio de codificación de contrato. Daquela, ante a repercusión que tivo e as mobilizacións que houbo, o ministerio competente e a CRUE tiveran que saír publicamente a negar a maior e acabaron rectificando. Porén, lamentablemente, agora si parecen máis preto de poder conseguilo. Estarán contentas aquelas persoas que sempre quixeron arrebatarnos este e outros dereitos. É moi triste que así sexa e hai que dicilo ben claro: sentímolo, pero non tedes gañado máis que a vergoña de ter aumentado o maltrato a un persoal que xa estaba bastante precarizado.

Sumado a isto, queremos lembrar que moitos destes centros e universidades locen o selo europeo HR de excelencia en investigación, co que se distingue ás entidades que tratan con respecto ao seu persoal investigador e fomentan a mellora das súas condicións. Recomendamos encarecidamente a lectura da Carta Europea do Investigador e o Código de conduta para a contratación de investigadores que hai que cumprir para obter e manter este selo. Sobre o recoñecemento da profesión, a carta expresa que “todos os investigadores que seguen unha carreira de investigación deben ser recoñecidos como profesionais e tratados en consecuencia. Isto debe comezar ao principio das súas carreiras, é dicir, a nivel de posgrao, e debe incluír todos os niveis independentemente da súa clasificación a nivel nacional”. Está así recollido como principio e esixencia. Aplíquese.

Pero non todo é malo. Afortunadamente, non todas as persoas pensan nin actúan así. Diso estamos ben seguras; vémolo a diario. E agradecemos enormemente o apoio e comprensión que nos achegan.

Igualmente, estamos seguras de que non imos dar por perdida esta loita. Así que facemos un chamamento claro e inequívoco a seguir loitando e reclamando por todas as vías posibles este e outros dereitos. Facemos un chamamento a todas as persoas e colectivos a seguir unidos na defensa destas reivindicacións. Facemos un chamamento aos centros e universidades que si respectan os dereitos laborais das súas traballadoras a seguir contemplándoos nos seus contratos. Facemos un chamamento aos sindicatos a seguir traballando por recuperar estes dereitos. E, se o problema é de interpretación do que “pretendía o lexislador”, facemos un chamamento ao Goberno, aos ministerios competentes e a todos os grupos políticos para que impulsen e apoien as necesarias reformas da lexislación; para que dunha vez por todas queden claros os dereitos do persoal investigador e non estean suxeitos a máis lamentables interpretacións.

Porque seguiremos loitando. Pola ciencia, pola investigación e polos dereitos de cada traballadora e traballador. Por todos e todas. Por unha sociedade mellor.



Versión en castelán

Que queres saber do doutoramento?

Xoves 15 de outubro ás 20:00. Anímate e participa entrando a través deste enlace.

Tras matricularnos nun programa de doutoramento, mestúranse en nós un sentimento de ilusión cunha manchea de dúbidas sobre o noso futuro.

  • Cando e como debo presentar o Plan de Investigación?
  • Cales son as axudas públicas ás que podo optar para poder ter un contrato namentres investigo?
  • Cales con os meus dereitos como doutorando na Universidade de Santiago de Compostela?

Para axudar a resolver estas cuestións e todas as que poidan xurdir, desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela convocamos o vindeiro xoves día 15 de outubro ás 20:00h unha reunión informativa. Entre todas, procuraremos dar resposta a todas esas preguntas que temos na cabeza cando comezamos a andaina de investigar, contando ademais coa experiencia e coñecementos de compañeiras que xa pasaron pola nosa situación. Non dubidedes en unirvos e achegarnos as vosas cuestións.

Por mor das restricións sanitarias derivadas da pandemia de Covid-19, a xuntanza terá lugar de maneira telemática empregando a ferramenta de Teams.