A USC debe escoitar ao estudantado para evitar discriminacións nesta situación excepcional

A situación creada pola incidencia da Covid-19 e a declaración do estado de alarma sumiron á sociedade nun contexto de absoluta excepcionalidade. Tamén ás universidades. O confinamento impide que tanto o persoal laboral como o estudantado poidan desenvolver o seu traballo con normalidade, pese aos esforzos de ambas partes por intentalo. Así, da mesma forma que cando comezou esta crise sanitaria dende a AIC nos puxemos a disposición da equipa reitoral para colaborar nas problemáticas derivadas da corentena no ámbito da investigación, agora queremos amosar a nosa solidariedade, empatía e apoio ao alumnado nesta situación tan complexa e de manifestas dificultades.

Consideramos que esta situación tan excepcional necesita urxentemente diálogo e solucións de consenso entre as diferentes autoridades da Universidade e a representación do estudantado para asegurar así que todas as alumnas e alumnos teñan plenas garantías tanto no aspecto académico como na avaliación. Neste momento é máis necesario ca nunca que se escoite ao alumnado.

A AIC esixe que, ante a crise do COVID-19, se garantan os mesmos dereitos laborais para todo o persoal investigador a cargo de convocatorias públicas

Manifestación en prol da Investigación na Praza do Obradoiro (28/02/2019)

O Real Decreto Lei 11/2020 do 31 de marzo declarou unha serie de medidas urxentes a adoptar pola crise do COVID-19. Concretamente, a súa disposición adicional decimoterceira leva por título “Regras aplicables aos contratos de traballo subscritos con cargo a financiamento de convocatorias públicas de recursos humanos no eido da investigación e da integración de persoal contratado no Sistema Nacional de Saúde”.

De xeito esquemático, este apartado prevé posibilidade de prórroga dos contratos de traballo vencellados á investigación, previo acordo entre a entidade contratante e o contratado, no caso de cumprirse dúas condicións:

  1. Que dito contrato estea financiado con cargo a unha convocatoria pública de recursos humanos de índole estatal.
  2. Que, durante algún momento da vixencia do Estado de Alarma, reste menos dun ano para a data de finalización do devandito contrato.

Así mesmo, o texto indica que o financiamento adicional para dita prórroga correrá a cargo da entidade responsable da convocatoria pública, a cal terá a capacidade necesaria de modificación orzamentaria para cumprir con esta obriga.

En particular, os contratos predoutorais e posdoutorais obtidos en convocatorias públicas estatais quedan afectados por esta disposición adicional. Isto inclúe a diversas convocatorias, asociadas a distintos niveis da etapa investigadora, como son as FPU, FPI, Juan de la Cierva ou Ramón y Cajal.

No caso particular de convocatorias públicas autonómicas, cabe destacar aos diversos programas da Xunta de Galicia como as Axudas Predoutorais e as Axudas Posdoutorais nas súas dúas modalidades A e B. Non obstante, estas convocatorias non están afectadas polo Real Decreto anterior, ao non ser un programa estatal. Isto non quita que, evidentemente, resulte igual de necesario que a Xunta de Galicia faga extensiva esta aplicación aos seus programas de financiamento de contratación en investigación.

A Xunta de Galicia ten a capacidade xurídica necesaria para elaborar e publicar unha normativa autonómica semellante á do citado Real Decreto. Moito persoal investigador galego fica esperando se, ademais da capacidade, ten a vontade. Así mesmo, pensamos que a Xunta debería facer esta normativa extensiva a todos os seus contratados, independentemente ao tempo que lles reste para finalizar contrato. O motivo é obvio; o período de inactividade afecta a todo o mundo por igual, independentemente do período restante de contrato.

Tamén cómpre recordar que esta iniciativa non é exclusiva do Goberno de España, o cal amosa a necesidade de implementar estas medidas, pois outros países coma Portugal xa prorrogaron hai semanas todos os contratos predoutorais durante un mes (ver aquí).

Esiximos, polo tanto, a inclusión no ámbito do citado Real Decreto de todos os contratos de investigación financiados con fondos públicos estatais, independentemente da súa data de finalización. Igualmente, esiximos a elaboración dunha normativa análoga por parte da Xunta de Galicia, que non deixe en desigualdade de condicións a unha parte moi relevante do persoal investigador autonómico.

Finalmente, gustaríanos lembrar que nestes días está quedando especialmente patente que unha investigación digna e de calidade constitúe un piar fundamental para o desenvolvemento pleno como sociedade. O coidado pola investigación trae progreso; os recortes, miseria.

Vitoria! O PFID xa recoñece os cursos da EDIUS sobre investigación

Certificado dun curso ofertado pola EDIUS co recoñecemento do PFID.

Hoxe é un día especial para AIC. Case tres anos despois da nosa fundación, logramos ver plasmada unha das nosas primeiras reivindicacións como colectivo; amosando que, se hai vontade, pódese.

Como algúns saberedes, os cursos do Programa de Formación e Innovación Docente (PFID) son unha ferramenta de interese para manter ao persoal investigador e docente da USC actualizado en diversas temáticas, ademais dun mérito relevante na avaliación dos investigadores, nos concursos ou nalgunhas oposicións. A matrícula destes cursos está aberta para os doutorandos sen contrato predoutoral mais, na práctica, resultaba imposible optar a eles, xa que as prazas son limitadas e se priorizan as inscricións do persoal con docencia.

O noso logro é simple. Despois de moito esforzo e negociación, logramos:

  • Un aumento da oferta de cursos con temática orientada á investigación. Estes cursos son ofertados pola EDIUS, a matrícula é libre e esta realízase simplemente por orde de inscripción.
  • A implantación do dobre recoñecemento da EDIUS e do PFID para estes cursos, de xeito que nos permita aos doutorandos sen contrato ter os mesmos dereitos, e poder obter os mesmos méritos, ca os contratados predoutorais neste eido.

Seguimos avanzando!

O que non che contaron das axudas predoutorais da Xunta de Galicia…

Tes pensado solicitar as axudas predoutorais da Xunta? Estás facendo o doutoramento baixo unha destas axudas e tes dúbidas sobre algún procedemento?

Se é así, animámoste a asistir á charla informativa que impartiremos o vindeiro xoves 13 de febreiro ás 20:15 na Aula 5 da Facultade de Matemáticas.

O obxectivo é contarvos todo o que sabemos grazas ao testemuño de compañeiras que moito tiveron que pelexar coas solicitudes, prazos e demais trámites.

Convocatoria Asemblea 20 de febreiro

Convocamos a primeira asemblea deste ano 2020 da Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), que terá lugar o xoves 20 de febreiro ás 20:00 (1ª convocatoria ás 19:30) na aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia. A orde do día será a seguinte:

  1. Aprobación, se procede, da acta anterior.
  2. Presentación, e aprobación de ser o caso, do plan xeral de actuación para 2020.
  3. Revisión, e aprobación de ser o caso, do estado de contas do ano 2019 e orzamentos para o 2020.
  4. Información e valoración sobre a creación do Espazo Unitario Galego pola Investigación.
  5. Informes da situación de cada Grupo de Traballo.
  6. Creación de novos Grupos de Traballo.
  7. Propostas e preguntas.