Vitoria! Recuperamos a convocatoria de mobilidade despois de máis dunha década

Hoxe publicouse por fin a convocatoria propia de axudas á mobilidade do persoal investigador que financia estadías, asistencia a congresos e actividades formativas. A recuperación desta convocatoria propia despois de máis de 10 anos sen existir é froito do traballo das claustrais da AIC. O financiamento da mesma, dotada de 25.000€, foi conseguido a través dunha emenda da asemblea no Claustro na tramitación dos orzamentos de 2022.

Lembremos que na tramitación dos orzamentos de 2021 tamén se conseguira a convocatoria propia de contratos predoutorais.

Agora mesmo comeza a negociación dos orzamentos de 2023. Fainos chegar as túas achegas 📧

Jornadas Cultura Laboral en Investigación

A AIC e InvestiGal organizan unhas xornadas en Santiago de Compostela sobre cultura laboral en investigación nunha iniciativa de ámbito estatal.

As inscricións para a modalidade presencial xa cubriron as 100 prazas ofertadas.

Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) co-organiza, xunto con InvestiGal, un ciclo de conferencias e actividades sobre cultura laboral en investigación no Centro de Formación da EDIUS (USC). As xornadas, que terán lugar o xoves 13 e o venres 14 de outubro, forman parte dunha iniciativa a nivel estatal “Jornadas de Cultura Laboral en Investigación” (J-CLI) coordinadas por Marea Roja de la Investigación, unha coordinadora de colectivos e asociacións da que InvestiGal e a AIC forman parte.

As xornadas de Santiago de Compostela serán as primeiras dun ciclo de tres xornadas que se completarán en Valencia (20 e 21 de outubro) e Madrid (27 de outubro). A asistencia ao evento pode ser tanto presencial coma online, e o número de prazas ofertado para a modalidade presencial (100) xa está cuberto.

Tal e como se recolle na páxina web do evento,  o principal obxectivo das xornadas J-CLI é formar un foro social crítico para dar a coñecer os aspectos laborais e os dereitos do sector de ciencia e investigación, así como favorecer a concienciación colectiva e ofrecer unha canle de difusión e interacción dos distintos colectivos, asociacións e plataformas que representan ao persoal da investigación. Son unhas xornadas totalmente transversais e abertas, dirixidas aos distintos perfís profesionais que compoñen o tecido investigador. Nos diversos seminarios e paneis de debate falarase da lexislación laboral que afecta directamente á investigación e á carreira investigadora, do sistema de ciencia español, de igualdade no sector da investigación, de divulgación científica e tamén de saúde.

O programa de actividades comezará o xoves cos seguintes seminarios:

  • “Como entender a nosa nómina” por María Ferreiro (AIC-USC)
  • “Dereitos na investigación para dummies” por Álvaro Ordóñez (AIC-USC)
  • “Postdoc, permadoc ou precadoc: que hai despois do doutoramento?” a cargo de Francisco Palazón (Federación de Jóvenes Investigadores)
  • “Pódese salvar a nosa Ciencia? Algunas claves” a cargo de Moisés Canle (UDC)

O mesmo xoves rematará a xornada cun panel debate sobre dereitos laborais que estará moderado por Elena Lendoiro (InvestiGal). Na tarde/noite do xoves levaranse a cabo dúas actividades diferentes. Por unha banda, unha charla de divulgación científica a cargo de Eva Cabanelas e Andrea Muras (Ciencia Calidade), e un monólogo titulado “Non quero ser alarmista, pero esa rocha móvese” a cargo de Alejandro Gómez Pazo. A noite rematará cun concerto de Cris Román. Todo isto na Sala Riquela Club.

As xornadas pecharanse, na sede de Santiago, o venres pola mañá cun panel de debate sobre igualdade, no que participarán Vanessa Valdiglesias (InvestiGal), María de la Fuente, coordinadora do grupo de traballo en igualdade de InvestiGal, Agueda Gómez directora da Unidade de Igualdade da UVigo e AMIT, e cun seminario sobre saúde mental en investigación a cargo de Susana Rodríguez Martínez (UDC).

I Edición das Xornadas Cultura Laboral en Investigación

Cartaz da primeira edición das “Jornadas Cultura Laboral en Investigación” co programa do xoves 13 e venres 14 de outubro (Santiago de Compostela)

Dende a Asemblea de Investigadoras de Compostela estamos encantadas de convidarvos a todas a inscribirvos nas Jornadas Cultura Laboral en Investigación, que na sede de Santiago de Compostela se celebrarán entre os días 13 e 14 de outubro, organizadas pola AIC en colaboración con InvestiGal e Marea Roja. Existen dúas modalidades de inscrición:

Modalidade online

Sen límite de prazas, se estades interesadas podedes matricularvos seguindo esta ligazón.

Modalidade presencial

Cun límite de 100 persoas distribuído da seguinte forma:

  • 50 prazas para que ás matriculadas nun programa de doutoramento da USC se lles recoñeza a asistencia como actividade de formación da EDIUS. A inscrición realizarase neste caso a través da Secretaría Virtual e a asistencia presencial será obrigatoria para a obtención do certificado.
  • 50 prazas para o público xeral, a inscrición realizarase na páxina das xornadas.

Esperámosvos a todas para compartir novas experiencias e aprender sobre dereitos laborais na investigación!

Vitoria! A USC posibilita a docencia no doutoramento industrial.

A USC posibilita, tras un curso de demora, a docencia no doutoramento industrial.

A USC vén de aprobar unha resolución para regular o réxime de colaboración docente do seu persoal contratado a cargo de programas de recursos humanos: predoutorais, posdoutorais…

Como indica o preámbulo da resolución, existía unha necesidade de regular esta colaboración docente pola cantidade crecente de programas de RRHH que foron xurdindo nos últimos anos baixo os cales a USC estaba a contratar persoal investigador. Mais, tamén é certo que a publicación da resolución vén derivada de distintas anomalías á hora de asignar docencia a este persoal.

Durante o curso pasado, asistimos a unha negativa inicial da USC a asignar docencia ás persoas contratadas a través dunha axuda de doutoramento industrial da Xunta de Galicia. Todo isto a pesar de que a convocatoria das persoas beneficiarias posibilitaba este feito, do interese amosado polas mesmas para exercer este dereito e, máis importante, das obrigas que ten a entidade contratante cando percibe unha axuda desta índole para financiar un contrato predoutoral; xa que o EPIPF no seu artigo 4.2 obriga a asignar a docencia ao persoal predoutoral en condicións de igualdade.

Só tras varias reunións con diversos órganos da USC, a exposición do asunto no Consello de Goberno e a denuncia pública da situación foi posible que a USC reconsiderase a súa postura. Queremos agradecer publicamente o labor das persoas afectadas que, xunto coas compañeiras da AIC, traballaron nas liñas anteriores para a resolución do conflito. Tamén queremos remarcar o apoio recibido por algúns sindicatos nesta cuestión e valorar positivamente o cambio de postura da universidade a este respecto.

Finalmente, queremos facer un chamamento a que, neste tipo de circunstancias, a USC sexa especialmente sensible ás demandas dos colectivos afectados. Porque, moitas veces, falamos de colectivos que adoitan estar xa de por si en condicións precarias; e é o labor da institución o de dotar esas figuras da maior cantidade de dereitos posible e de integralas plenamente no seu seo. Celebramos, polo tanto, esta vitoria e esperamos que marque un camiño a seguir na equiparación de dereitos entre o persoal que exerce as mesmas funcións dentro dunha institución á que pertencemos todas.