Tras o éxito nas eleccións, a loita #PorUnhaUSCDigna continúa!

O traballo e esforzo cotián das investigadoras organizadas viuse hoxe reflectido nas eleccións ao Claustro da USC. A Asemblea de Investigadoras de Compostela acadou de novo un resultado histórico obtendo nada menos que 16 claustrais, sendo unha das organizacións con maior influencia dentro do goberno da Universidade. 

Este resultado ten máis importancia se cabe nunhas eleccións nas que o equipo reitoral saíu claramente debilitado, tras un resultado desastroso entre o estudantado, PAS e persoal de proxectos. Os pobres resultados do novo equipo reitoral deben abrir unha reflexión no seu seo. Cómpre ter en conta os intereses dos sectores máis precarizados da Universidade á hora de desenvolver o goberno da mesma.

Pese a isto, somos moi conscientes de que representación institucional é apenas unha parte do proceso democrático. É por iso que o noso traballo se estende máis aló do plano institucional. En cada mobilización, en cada vez que nos axudamos entre todas para mellorar as nosas condicións de vida, en cada batalla contra a precariedade e en cada sentenza xudicial na que recuperamos un dereito arrebatado, construímos unha USC máis digna.

Nas facultades, nos centros, na rúa, sigamos unidas para loitar #PorUnhaInvestigaciónDemocrática e unha USC Digna!

Asemblea Aberta! A que problemas te enfrontas como investigadora?

O pasado 7 de febreiro o persoal investigador e técnico demos un exemplo de dignidade saíndo á rúa contra a precariedade. Cada vez somos máis as que nos unimos na defensa dos nosos dereitos e para asegurar unha investigación digna e democrática.

Tamén somos cada vez máis as que sabemos que, sen organización, as ideas van perdendo eficacia tras un primeiro impulso. É por iso que desde a AIC convocamos a todo o persoal de investigación de Compostela a celebrar unha Asemblea Aberta mañá mércores 16 de febreiro ás 19.30h na Aula 5 da Facultade de Historia.

Para discutirmos entre todas cales son as principais problemáticas que aínda nos afectan. Para trazar en común os próximos chanzos que a AIC debe escalar. Para dar continuidade a un movemento capaz de conquistar unha Universidade Digna.

Vémonos mércores ás 19:30h na Aula 5 de Historia.

Acude e difunde!

O que non che contaron das novas Axudas Predoutorais da Xunta (edición 2022)

Luns 7 de febreiro ás 19:30 horas na aula 5 da Facultade de Matemáticas.

Unha das principais opcións que temos as investigadoras predoutorais para conseguir financiamento nos inicios da nosa carreira investigadora en Galicia é optar ás axudas predoutorais da Xunta de Galicia, que este ano chegan cargadas de novidades.

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela organizamos unha xuntanza informativa que terá lugar o vindeiro luns día 7 de febreiro ás 19:30 horas na aula 5 da Facultade de Matemáticas. Destriparemos convosco a convocatoria deste ano e trataremos de dar resposta ás cuestións que nos formuledes:

  • Cales son as novidades desta convocatoria?
  • Como funcionan os procedementos de solicitude?
  • Como son os procesos de avaliación?
  • Cantos e como son os anos de contrato?
  • Como e cando podo irme de estadía?
  • E outras dúbidas que teñades!

Se estades pensando en pedilas, non vola perdades!

Concentración pola nova Lei da Ciencia

Actualización

Despois das mobilizacións anunciadas para o día 7 de febreiro e das presións exercidas polos sindicatos nas mesas de negociación, o Ministerio de Ciencia anuncia que a nova lei incluirá a indemnización para os contratos vixentes.

De cumprir este compromiso, estariamos de celebración 🎉 Sería un triunfo histórico que viría a demostrar que xuntas podemos conseguir cambios e melloras na investigación.

Pero non podemos cantar aínda vitoria ata velo escrito, non sería a primeira vez que o texto definitivo publicado no BOE aparece con “sorpresas”. Ademais, quedan moitas cousas por mellorar. Non podemos esquecernos de que seguimos sen un calendario de convocatorias estable, sen unha carreira investigadora digna, cunhas retribucións mínimas do EPIPF vergoñentas (a base de cotización é superior ao salario!), sen un Estatuto do Persoal da Investigación que regule os nosos dereitos como traballadoras…

Por todo isto, as CONCENTRACIÓNS DO 7 DE FEBREIRO seguen en pé. Queremos SAÍR A DEFENDER A INVESTIGACIÓN QUE NOS MERECEMOS.

Manifesto

Ante a discriminación indemnizadora e a falta de ambición do anteproxecto de lei de modificación da Lei 14/2011, o próximo 7 de febreiro de 2022 concentrarémonos en diferentes partes do Estado para mostrar o noso rexeitamento ao texto actual

Tras anos de traballo por parte de asociacións, colectivos e sindicatos do sector da investigación, o dereito á indemnización por fin de contrato para o colectivo investigador pre e posdoutoral recolleuse no anteproxecto de lei presentado o pasado 18 de xaneiro. Porén, este anteproxecto unicamente recoñecía este dereito aos contratos suscritos a partir da entrada en vigor da norma, deixando fóra a miles de investigadores e investigadoras en activo. Grazas á mobilización do colectivo investigador, segundo anunciou a Ministra nos días previos a este #7F, parece que esta discriminación será proximamente subsanada. Unha decisión que, a falta de coñecer con máis detalle o redactado definitivo do texto, denota certa sensibilidade e cremos que vai na boa dirección.

Dito isto, aínda que valoramos de forma positiva algúns dos avances que introduce este anteproxecto de lei respecto ao anterior borrador, consideramos que deixa outras cuestións de urxencia sen abordar, entre elas:

  • A elaboración dun Estatuto de Persoal da Investigación que regule os seus dereitos como traballadoras/es.
  • A modificación das retribucións mínimas no Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF).
  • O desenvolvemento da carreira profesional do persoal técnico e de xestión.
  • A integración de todo o persoal de investigación dentro dos convenios colectivos de referencia.
  • A reversión das externalizacións dos servizos básicos das universidades e centros de investigación (subcontratas), adoptando un modelo de contratación directa que garanta tanto o mantemento do seu persoal como o cumprimento dos dereitos laborais do mesmo.
  • A eliminación da taxa de reposición para que todo o sector poida crecer e estabilizarse.
  • O desenvolvemento dun marco claro de incorporación e carreira profesional de persoal de investigación (investigador, técnico e de xestión) no persoal do Sistema Nacional de Saúde.
  • A atención e protección aos colectivos máis vulnerables: mulleres, inmigrantes, LGTBIQ+, persoas con capacidades distintas e ás enfermidades mentais sobrevidas ante a precariedade, inseguridade laboral e/ou acoso.
  • A creación dunha Oficina de Integridade Científica estatal e independente con poderes sancionadores e vinculada á Oficina de Protección do Denunciante para protexer a súa identidade.

Por todo isto, as organizacións asinantes non aceptamos a redacción actual do anteproxecto e esiximos ao Ministerio de Ciencia que integre as reivindicacións previamente mencionadas que afectan o sector da I+D+i.

Asociacións asinantes do manifesto

Conquistando demandas históricas de cara a unha investigación democrática e con futuro

Recentemente as investigadoras vimos de lograr dúas importantes vitorias para o desenvolvemento dos primeiros chanzos da carreira investigadora. Dunha banda, acordáronse melloras de calado na convocatoria dos contratos predoutorais e posdoutorais financiados pola Xunta de Galicia. Doutra banda, a Universidade de Santiago de Compostela lanzou este curso a súa primeira convocatoria propia de contratos predoutorais. Neste caso, máis dunha vintena de contratos serán asignados en base ao mérito e capacidade das persoas candidatas e á necesidade de docentes por parte das distintas áreas de coñecemento. A importancia destas novas transcende á satisfacción inmediata das pequenas conquistas logradas. Ambas son un chanzo máis no camiño cara unha Investigación Democrática, obxectivo que aínda hoxe dista moito de ser unha realidade por dúas cuestións fundamentais.

  • En primeiro lugar, o proceso científico en calquera disciplina do saber é, ante todo, un proceso de traballo. Nel, o coñecemento preexistente é transformado a través do traballo intelectual, nun novo coñecemento. É o traballo das persoas quen aporta ao mundo novo coñecemento académico empregando a nosa capacidade para razoar. Se a busca de coñecemento é un traballo, toda persoa que se dedique á mesma debe ter algún tipo de retribución por levalo a cabo. Resulta tremendamente difícil desenvolver investigacións se non se ten certeza de como pagar o aluguer, a gasolina do coche, o acceso á cultura, etc. Ademais, en ausencia de retribucións, son as capas sociais con máis renda, así como as persoas que acceden a contratos de maneira discreccional, as que sistematicamente copan a carreira investigadora. Os criterios de mérito e capacidade aparecen nesgados. O acceso á posibilidade de investigar tórnase antidemocrático. Esta realidade obsérvase con maior crueza na investigación predoutoral, onde case o 80% dos doutoramentos na USC seguen a cursarse sen ningún tipo de axuda ou retribución salarial.
  • En segundo lugar, o proceso científico é, por definición, desinteresado de calquera outra consideración que non sexa a procura da verdade. Os descubrimentos científicos son tal con independencia de se afectan positiva ou negativamente a calquera interese particular. A política científica ensaiada nas últimas décadas ten transfigurado o sentido do interese académico, asimilándoo cada vez máis aos intereses particulares do mundo empresarial non sometidos a control democrático. Baixo o pretexto de construír unha Universidade “ao servizo da sociedade” logrouse unha investigación case exclusivamente orientada cara aqueles campos cunha aplicación máis inmediata e rendible economicamente nos mercados. Ata o momento, as convocatorias de contrato predoutorais viñeron a reforzar esta dinámica. Así, conseguen maior puntuación as persoas candidatas asociadas a grupos de investigación con maior captación de recursos. No caso galego, a adhesión aos obxectivos marcados pola Estratexia de Especialización Intelixente (RIS) opera no mesmo sentido. En suma, a decisión sobre que se investiga non é tomada en base a criterios académicos nos Consellos de Departamento, Consellos de Goberno ou espazos análogos. Pola vía dos feitos, este tipo de decisións son tomadas polas empresas sen someterse estas aos criterios académicos.

Os avances conseguidos apuntan na boa dirección. Por unha banda, esténdese o número de persoas que farán a súa tese de doutoramento cun respaldo material gracias á creación dos novos contratos predoutorais da USC e á maior duración dos contratos predoutorais da Xunta de Galicia. Aínda que de maneira insuficiente, isto debe servir para que o acceso ao doutoramento non supoña un chanzo engadido na escaleira de segregación social observada nos estudos superiores. A decisión sobre quen pode acceder á investigación vólvese desta maneira un pouco máis democrática, ao erosionarse lixeiramente o peso da renda de cada persoa á hora de desenvolver a carreira investigadora. Outras batallas neste mesmo sentido, como as relacionadas coa vivenda, a asistencia a Congresos, etc. deberán ser valoradas no futuro. Doutra banda, na convocatoria xeral de contratos da USC logrouse deixar de lado os criterios non académicos na súa asignación. A persoa candidata será valorada polo seu expediente e polo seu plan de investigación. Ademais, recibirá unha puntuación pola área de coñecemento na que se encadre o seu director de tese. Esta puntuación non virá outorgada por ningún criterio mercantil, senón por un criterio de necesidade docente. Desta maneira, a decisión sobre que se investiga na universidade tórnase un chisco máis democrática, excluíndo a elementos alleos ao coñecemento da toma de decisións.

Os pequenos pasos dados son froito do incansable esforzo persuasivo, organizado e entusiasta das persoas que loitamos por estender os dereitos das investigadoras. Somos conscientes de que estas e outras vitorias son pequenos pasos nunha longa marcha. Faise preciso loitar pola consolidación destes avances a través dunha democratización do goberno da investigación. Por iso, animámosvos unha vez máis a unirvos á AIC, como xa fixeron centos de investigadoras: cantas máis sexamos, máis forza teremos, tanto nas rúas como nas mesas de negociación.

Nunca máis unha empresa decidindo o que é ou non é academicamente relevante. Nunca máis a posición social de cada quen decidindo quen ten máis mérito e capacidade para investigar. Tales máximas son as que nos permitirán conquistar, pouco a pouco, unha Universidade Democrática e Digna.