Arquivos da etiqueta: epipf

A USC seguirá incumprindo a súa propia normativa laboral

Anuncia, en cambio, que si cumprirá o EPIPF

Este mércores, 12 de xuño, o Xerente da Universidade de Santiago de Compostela vén de anunciar que cumprirá a lei.

Así, tres meses despois da entrada en vigor do Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF), aprobado por R.D. 103/2019, a USC anuncia que o acatará e que empezará a pagar os salarios mínimos aos que está obrigada, posiblemente na nómina de xullo. É dicir, que aínda haberá que seguir agardando.

Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela xa fomos críticas no seu momento coa redacción final do EPIPF que aprobou o Goberno, pois non recollía algunhas das importantes demandas que o colectivo predoutoral lle tiña trasladado. Logo, ficamos abraiadas ao ver que a USC se negaba a aplicalo cando entrou en vigor. E, agora, estamos profundamente decepcionadas pola oportunidade perdida pola USC, xa que anunciou que se limitará a cumprir só os mínimos aos que entende que lle obriga a lei, mentres segue negándose a atender as nosas demandas, a cumprir a súa propia normativa interna e, incluso, a sentenza xudicial que a condena a pagar a indemnización por extinción de contrato.

A medida anunciada pola USC traduciríase en que algunhas persoas con contrato predoutoral de, por exemplo, 3 ou 4 anos (as duracións máis comúns de contratos vencellados a convocatorias de axudas públicas) estarían cobrando, respectivamente e segundo os mínimos asumidos pola USC na súa interpretación do EPIPF, 4.472,27 € ou 874,64 € menos que as persoas da súa mesma categoría, ás que si se lles está aplicando a normativa interna da USC e si se lles está pagando a indemnización. Todo isto segundo os cálculos feitos coas retribucións mínimas actualmente vixentes para ambas normativas e para a duración total do contrato. É dicir, acatando así o EPIPF, a USC segue incumprindo, segue discriminando e segue aforrando cartos.


Normativa USC Novo EPIPF Diferenza
Retribucións Ano 1 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 2 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 3 17.428,76 € 17.279,56 € -149.20 €
Indemnización Extinción 1.720,72 € 0,00 €* -1.720,72 €
Total 54.007,00 € 49.534,73 € -4.472,27 €

Normativa USC Novo EPIPF Diferenza
Retribucións Ano 1 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 2 17.428,76 € 16.127,59 € -1.301.17 €
Retribucións Ano 3 17.428,76 € 17.279,56 € -149.20 €
Retribucións Ano 4 17.428,76 € 21.599,45 € 4.170,69 €
Indemnización Extinción 2.293,77 € 0,00 €* -2.293,77 €
Total 72.008,81 € 71.134,17 € -874,64 €

* A USC recorreu a sentenza que a condena a pagala e néganse a facelo.
Cadros: Importes correspondentes ao ano 2019 para a categoría de Investigador/a en Formación

Por que se anuncia entón que “a USC investirá outros 200.000 euros en incrementos salariais” -como puidemos ver publicado en varios medios-?. Pois por dúas razóns: porque a USC non está cumprindo a lei e está pagando menos do que debe a parte do colectivo predoutoral, co conseguinte aforro, e porque ademais, agardando ao mes de xullo fai coincidir esta regularización co pago dos atrasos que lles debe desde o 16 de marzo -data na que entrou en vigor- e coa suba do 0,25% do mes de xullo que tamén está obrigada a facer por lei. Suba esta, dito sexa de paso, que segue negándose a aplicarlle a parte do seu persoal, como vén facendo desde o ano 2016.

O de “outros”, francamente, non sabemos a que vén.

Así as cousas, tras un ano de mandato, o Equipo de Goberno da USC segue negándose a atender as principais demandas do colectivo. E non é que non as aplique, é que non quere nin sequera falar delas nin negocialas. Nin coa AIC nin cos sindicatos.

Un ano no que a USC nin fixo nada ao respecto nin mudou de actitude. Un ano perdido.

Por todo isto, non nos queda outra que seguir loitando nos #MartesNegros #PorUnhaUSCDigna e explorar novas vías de mobilización e protesta.

[Última Actualización 17/06/2019]: Actualización de retribucións mínimas de acordo ao novo EPIPF debido á publicación do IV Convenio colectivo unico para o persoal laboral da Administración Xeral do Estado.

Versión en castellano

O Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación EPIPF: incumprimentos, dúbidas e decepción.

Comunicado Conxunto da Federación de Jóvenes Investigadores e Dignidad Investigadora

O pasado venres 15 de marzo publicouse no BOE Real Decreto 103/2019, de 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF). Sobra dicir que este estatuto debería ter saído en 2013, tal e como se explicita na Lei da Ciencia de 2011. Os investigadores predoutorais levabamos máis de tres anos negociando cos diferentes gobernos o desenvolvemento dun estatuto que dese por fin un marco xurídico aos contratos predoutorais e á relación laboral cos seus centros. Como entidades presentes durante o proceso de negociación vémonos na necesidade de sinalar varios aspectos que nos pareceron ambiguos e algo decepcionantes.

Para empezar, gustaríanos comezar polo propio título do estatuto. Na disposición adicional segunda da Lei da Ciencia prevese a creación do “Estatuto do Persoal Investigador en Formación” e non o “Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación”, que é o que se aprobou no Real Decreto que nos ocupa. Aínda que semella un detalle sen importancia, este cambio deixaría fóra do estatuto a todos aqueles que non teñan un contrato predoutoral, xa que é a propia Lei da Ciencia a que crea a figura de persoal investigador predoutoral en formación especificamente para aqueles que teñan un contrato predoutoral. Desta forma, non poderán acollerse a este estatuto aqueles que realicen a súa tese doutoral sen contrato ou a aqueles aos que xa remataran un contrato predoutoral pero non conseguisen o título de doutor.

Tamén resulta sorprendente que durante o trámite de audiencia do EPIPF o Goberno apuntase na “Memoria de Análise de Impacto Normativo” que este ía afectar aos orzamentos da Administración do Estado e, agora, a disposición final cuarta do EPIPF sinale que a aplicación desa norma non suporá incremento do gasto público.  Estamos convencidos de que este cambio está relacionado coa eliminación da disposición transitoria única negociada co anterior Goberno (a cal foi publicitada nos medios de comunicación como un logro do executivo actual) tras a aprobación do documento final polo Consello de Ministros, que recoñecía como salario mínimo, común a todos os contratos predoutorais, 16.422€ anuais. No seu lugar, o salario mínimo durante os dous primeiros anos reducirase até 15.888,77€ anuais brutos, isto é, o 56% do salario de categoría correspondente ao Grupo 1 do persoal laboral da táboa salarial recollida no Convenio Único de Persoal Laboral da Administración Xeral do Estado. Isto supón unha diferenza de máis de 500€ anuais respecto do salario mínimo pactado coas asociacións e sindicatos.

Por outra banda, é de resaltar unha cláusula enigmática que apareceu da nada, posto que non estaba en ningún dos borradores emitidos pola antiga SEIDI durante a negociación: “la aplicación de la cantidad anual resultante se podrá también computar al periodo total del contrato predoctoral de cuatro años” (Art 7.3). Segundo a nota informativa emitida polo Ministerio de Ciencia o 22 de marzo de 2019, esta cláusula permite que os centros poidan prorratear o salario sumando as retribucións correspondentes a cada ano e dividíndoas entre o número de anos de duración do contrato. Desta cláusula despréndese que aqueles contratos predoutorais que se asinen por 4 anos non se beneficiarán das subas salariais que se produzan durante ese tempo nas táboas salariais da Administración Xeral do Estado. Ademais isto ten o agravante dunha menor prestación por desemprego posto que esta calcúlase en base aos 6 últimos meses cotizados.

Outra decepción é a referente ao dereito dos investigadores predoutorais á indemnización por finalización de contrato. Trátase dunha das reivindicacións centrais dos colectivos de afectados, que finalmente non foi atendida polo Goberno a pesar de formar parte do pacto para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado asinado con Unidos Podemos. Isto demostra o escaso valor que dende o Goberno se dá aos pactos alcanzados a todos os niveis, e a escasa relevancia que ocupa no Goberno a dignificación da carreira investigadora.

Tampouco se modificou o artigo sobre a suspensión do cómputo do contrato en caso de abandono de funcións do director de tese, a pesar de comprometerse a isto na última reunión mantida cos representantes do Ministerio de Ciencia. Daquela acordouse que en dita situación a suspensión do cómputo do contrato tivese lugar dende a data na que se presenta a denuncia (aínda que o ditame favorable fose posterior) e non dende que se emite o ditame favorable. É máis indignante aínda ver como non se aproba esta medida que non supón para nada un incremento de custo, senón simplemente a boa vontade de querer incluíla.

Dende Dignidad Investigadora e a Federación de Jóvenes Investigadores manifestamos a nosa profunda decepción con este Estatuto. Foron seis anos de espera para a súa publicación e dous anos de negociacións tediosas, ambiguas e cheas de falsos compromisos, tanto polo anterior Goberno do PP como do actual Goberno do PSOE, que tiveron como resultado a publicación dun EPIPF que nin sequera inclúe os acordos mínimos pactados e que non nos permite aos mozos investigadores ter unhas condicións laborais dignas. Un EPIPF que simplemente fai oficial nosa precariedade.

De que nos serve un plan de rescate aos investigadores exiliados se á vez séguese perpetuando a precariedade laboral no sector do I+D+i español? Para que queremos un Ministerio de Ciencia, do que o Goberno tanto se fachenda, se este dedícase a menosprezar o acordado con colectivos e sindicatos?

A nós quédanos moi claro: moito fume e pouco lume.

Versión en castellano

Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF)

No Consello de Ministros do pasado 1 de marzo de 2019 aprobábase o Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF) segundo informaba o Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades a través da súa web. A elaboración deste estatuto iniciouse en 2017 e pasou por mans de dous gobernos ata a súa publicación no BOE o día 15 de marzo, 6 anos tarde tendo en conta que a Lei da Ciencia (2011) establecía un prazo máximo de 2 anos.

Na nota publicada na web do Ministerio podemos ver destacadas 2 cousas:

  • O EPIPF establecería un salario MÍNIMO de 16.422€.
  • Que para a súa elaboración consultaron a sindicatos e asociacións de persoal investigador.

Respecto ao primeiro punto, nada novo, pois era o que xa aparecía no último borrador publicado polo Goberno. Respecto ao último, a propia AIC mandou alegacións tanto en xuño de 2018 no período de Consulta Pública, como en setembro de 2018 na Audiencia Pública. Alegacións nas que destacaba que se nos recoñecera no propio EPIPF o dereito a indemnización por extinción de contrato, para rematar así coa ambigüidade existente. A única alegación trasladada finalmente ao texto definitivo foi o establecemento do máximo de horas de colaboración docente en 180.

No texto definitivo publicado no BOE o 15 de marzo vemos que desaparece a “Disposición transitoria única. Retribuciones” que establecía o salario mínimo en 16.422€ tal e como recolle o último borrador e a propia nota de prensa do Ministerio o 1 de marzo. Polo tanto, o actual salario MÍNIMO sae de aplicar as porcentaxes da Lei da Ciencia ao salario da categoría equivalente no convenio colectivo, e como na USC estamos tamén nun limbo, tomamos entón como referencia o salario do Grupo 1 da Administración General del Estado (28.372,40€ en 2019):

Ano de contratoRetribución mínima anual
Primeiro15.888,54 €
Segundo15.888,54 €
Terceiro17.023,44 €
Cuarto21.279,30 €

Vemos que o salario nos dous primeiros anos é inferior (533.46€ menos) ao que o Goberno facía gala e rompe así cun dos poucos acordos aos que chegara cos sindicatos.

Ademais na publicación do BOE aparece un novo punto, Artigo 7.3, que non aparecía nos borradores e que o Goberno tivo que aclarar publicando unha nota informativa o 22 de marzo. Este novo punto permite ás universidades calcular o salario para os 4 anos de contrato (collendo o salario nese momento do Grupo 1) e prorratealo ao longo de todo o contrato. É dicir, que o PIPF contratado baixo esa modalidade perdería as subas salariais que sexan de aplicación ao Grupo 1 nos anos posteriores. Noutras palabras, se en 2019 se contrata a unha persoa baixo esta modalidade, esta terá un salario durante os 4 anos de contrato de 17.519,96€, salario resultante de facer a media no cadro anterior. Se o salario do Grupo 1 da AGE sobe no segundo ano un 1.75%, outro 1.75% no terceiro ano e outro 1.75% no cuarto ano (porcentaxes ficticias baseadas na subida deste ano)… esa persoa non estará percibindo ningunha destas subidas debido á inclusión deste artigo. Certos sindicatos indican que están estudando impugnar este Artigo 7.3.

En resumo, podemos falar dun EPIPF moi insuficiente e que non recolle ningunha das nosas demandas, deixando cousas ambiguas á interpretación da entidade empregadora, como a indemnización por extinción de contrato, e que só aporta como novidade o límite máximo de 180h de colaboración docente e unha suba nas retribucións mínimas a percibir no terceiro e cuarto ano.

GdT de Contratos